0 Gardados para despois

A Xunta cede na folga dos buses, reúnese á vez con sindicatos e patronal e ofrece subrogar “todo o persoal”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A Xunta recúa na súa estratexia negociadora con sindicatos e patronal na folga dos autobuses pero só para coller impulso. Case dúas semanas despois de anular unha reunión a tres bandas prevista para o pasado luns día 19 e de asegurar que só sentaría por separado cos traballadores e cos empresarios, este xoves, despois do éxito dos paros e dunha ameaza dos sindicatos de estendelos a máis días, o Goberno galego rectificou e aceptou reuniuse novamente cos dous á vez. Porén, foi para tentar introducir novos elementos de división na unidade de facto que están a amosar sindicatos e patronal nas súas críticas ao novo modelo de transporte da Xunta, que aseguran que suporá unha redución de servizos e con eles o peche de empresas e a perda de postos de traballo.

Feijóo garante “agora con documentos” a “estabilidade laboral” dos condutores

Ao presidente Feijóo preguntóuselle este xoves por que a Xunta acepta agora reunirse á vez con empresas e traballadores despois de case dúas semanas negándose. Feijóo non só non explicou o cambio senón que, fronte á decisión da Consellería de Infraestruturas de desconvocar hai dúas semanas a reunión a tres xa concertada, asegurou que a Xunta “nunca” se ía “levantar das mesas de negociación” e que “a porta da conselleira sempre estivo aberta”. A respecto da nova reunión a tres deste xoves, Feijóo evidenciou que, á marxe de que na mesa senten tres partes, a estratexia da Xunta é a de tentar dividir a unidade de sindicatos e patronal dirixíndose de xeito prioritario aos traballadores, que son os que formalmente manteñen convocada a folga. “Imos garantir a estabilidade no emprego de todo o persoal que traballa no transporte público de Galicia”, díxolles Feijóo, empeñando así a súa palabra.

Cando presentou o seu plan de transporte, a Xunta evitou facer referencia aos postos laborais actuais e mesmo cando se lle preguntou pola posibilidade de que os traballadores fosen subrogados polas novas adxudicatarias, altos cargos do goberno galego optaban por consideralo unha opción xenérica. Unha vez iniciada a folga, e cos sindicatos alertando da perda de mil postos de traballo, a Xunta negou tales cifras e comezou a asegurar verbalmente que os traballadores serían subrogados. Este xoves, Feijóo admitiu un novo paso nesa graduación dos seus compromisos cos traballadores ao salientar que a Xunta pon sobre a mesa a subrogación “agora con documentos”. “O primeiro documento que lles vamos a plantexar é o documento de estabilidade laboral”, insistiría o presidente, evidenciando así unha progresividade nos ofrecementos negociadores por parte da Xunta. Un documento que os sindicatos recibiron na tarde deste xoves e que estudarán para volver reunirse coa Xunta este venres pola mañá, coa ameaza aínda activa de aumentar os días de folga.

O Goberno galego filtra que malia criticalo, Monbus e Arriva, as dúas grandes empresas de Galicia, queren facerse con liñas do novo modelo de transporte

Por outra banda, o Goberno galego tamén tenta introducir algún tipo de división entre os propios empresarios, aos que considera os auténticos promotores das protestas actuais para tentar manter os seus beneficios. Fontes do executivo filtraron este xoves a información, avanzada por La Voz de Galicia, de que as dúas principais empresas do sector en Galicia, Monbus e Arriva, presentaron ofertas para facerse con liñas do novo plan de transporte da Xunta malia criticalo. O Goberno galego tenta así facerlles ver ás pequenas empresas do sector que a súa unidade de acción coas máis grandes pode ser contraproducente porque estas seguen a traballar para facerse co mercado das primeiras. Porén, na actual fase as empresas non presentan ofertas senón que só fan ver á Xunta o seu interese por facerse ou non con algunha das zonas de transporte, pero posteriormente será a Xunta a que unilateralmente lle ofrecerá ou non ese contrato á empresa á que estime oportuno. Ademais, é o propio plan da Xunta o que contempla uns requisitos mínimos para facerse coas novas rutas de transporte que impiden que as pequenas poidan acceder a elas sen unirse.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.