A Xunta limítase a esixir a fin da folga de autobuses tras a terceira xornada de paro masivo

Plataformas de autobuses baleiras no inicio da terceira xornada de folga Dominio Público CCOO

Nada muda, cando menos polo momento. Galicia viviu este martes a terceira xornada de folga no sector dos autobuses, un novo día de mobilización "masiva" -un seguimento "superior" ao 85%, segundo tres das catro federacións empresariais- ante o que a Xunta se limita a esixir que cesen as protestas mentres defende o seu novo plan de transporte como o único viable e legal.

Nun panorama xeral marcado pola parálise case total dos autobuses e a práctica ausencia de incidentes tanto as organizacións sindicais como o groso da patronal coinciden en criticar o "inmobilismo" do Goberno galego e en volver reclamar unha mesa de negociación conxunta que a Consellería de Infraestruturas continúa a rexeitar. Como fixera a pasada semana o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, a conselleira Ethel Vázquez asegura ter a "porta aberta" para o diálogo pero por separado, xa que os intereses de empresas e persoal, di, son "distintos".

Para as organizacións empresarias Anetra, Fegabús e Transgacar -o Executivo tenta potenciar a cuarta, Fegatravi, menos afectada polo conflito e encabezada por un ex-subdirector de Transporte da propia Xunta- a actitude gobernamental é síntaoma de "preocupación". Aseguran querer "retomar a negociación no punto en que quedou o pasado día 16, na primeira e única reunión con empresas e traballadores". A negativa de Ethel Vázquez a unha negociación conxunta é "absurda", din, polo que a conselleira debera "frear" este "contrasentido" que "está a causar grandes perdas económicas".

A conselleira asegura ter a "porta aberta" ao diálogo pero por separado, xa que os intereses de empresas e persoal son "distintos"

Mentres os sindicatos resaltan o paro "case absoluto" e advirten de que se a Xunta non se move, as protestas recruarán, a conselleira Vázquez tentou este martes reforzar a súa posición coa axuda do conselleiro de Fomento de Castilla y León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, cuxo modelo de transporte colectivo a demanda é para a Xunta unha referencia na elaboración do seu novo plan. O conselleiro castelán, con sona de dialogante, salientou que o seu proxecto de autobuses compartidos se puxo en marcha con "normalidade" sen protestas, evidenciando que o problema galego pode non ser o sistema -tamén co autobús escolar como base- senón como o está a xestionar a Xunta.

A patronal eleva o paro ao 85% e ve "absurdo" que o Goberno se negue á negociación conxunta

Neste escenario boa parte do argumentario do PP e da Xunta, que segue a sospeitar dun peche patronal, segue a centrarse en reclamar a fin da folga e denunciar o "incumprimento dos servizos mínimos", que eleva a un 78%. "O Goberno galego fai un chamamento á responsabilidade coa fin de compatibilizar o exercicio lexítimo da folga co respecto aos dereitos do conxunto da cidadanía", di nun comunicado, mentres dende o partido que sustenta o Executivo se insta a asumir "verdade" como que o plan formulado polo Goberno é "a única opción viable para manter un servizo de garantías", "beneficia aos nosos nenos e aos veciños do rural" e ademais, aseguran, "vela polo mantemento do emprego".

Os sindicatos, pola súa banda, manteñen que o proxecto da Xunta non só "deixará sen servizo a moitas localidades", senón que a "falta de visión" da Consellería a leva a "non medir o impacto social" do reordenamento. "Poderían desaparecer case o 30% dos postos de traballo", aseguran, nun contexto no que, lembran, as mobilizacións se dirixen tamén a denunciar a "intransixencia" da patronal na negociación dos convenios colectivos "bloqueados". A folga continuará este mércores sen que, a priori, se prevean novidades na negociación.

Persoal do sector dos autobuses protesta este martes en Vigo Dominio Público UGT
A conselleira Ethel Vázquez e o seu homólogo de Castilla y León, este martes en San Caetano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.