0 Gardados para despois

“O transporte a demanda moitas veces é un taxi por un euro; é unha aposta polo rural”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O conselleiro de Fomento de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, explica o modelo que quere adaptar a Xunta e que supón un custo para a Junta de 6 millóns de euros ao ano para dar servizo a 3.558 núcleos de poboación aos que non chega o bus regular

200.000 chamadas recibe cada ano o centro de xestión do transporte a demanda de Castela e León, desde o que se coordina a mobilidade de 3.558 núcleos de poboación polos que non pasa ningunha ruta de autobús regular pero nos que o goberno autonómico facilita igualmente os desprazamentos dos seus cidadáns cun custo de só un euro por viaxe. Nese modelo, que na comunidade veciña comezou a implantarse en 2004, está a fixarse a Xunta para tentar adaptalo ás circunstancias galegas no marco da reestruturación do transporte público por estrada á que está obrigada a raíz da sentenza que vén de anular a prórroga xeneralizada de concesións de autobús decretada en 2009 polo actual goberno galego. Porén, non será ata 2020, o último ano desta lexislatura, cando o Goberno galego espera ter plenamente en servizo o novo modelo de transportes por estrada.

Este luns a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e técnicos de transportes da Xunta reuníronse en Valladolid cos seus homólogos casteláns e leoneses, encabezados polo seu conselleiro de Fomento, Juan Carlos Suárez-Quiñones. Este explicou como no seu sistema de transporte a demanda o usuario comunica por teléfono a hora e os lugares -polo menos un deles sen servizo de autobús regular- entre os que precisa desprazarse. Desde a central de coordinación comunícase coa empresa de transporte que ten adxudicada a zona en cuestión, que adapta o vehículo que envía a cubrir ese servizo en función do volume de pasaxeiros previsto nesa ruta ese día grazas ás chamadas recibidas. “O transporte a demanda moitas veces é un taxi”, explica o conselleiro castelán e leonés, quen admite que o servizo supón para as arcas autonómicas un custo de seis millóns de euros ao ano, a cantidade que o goberno ten que achegar para completar o  déficit dunhas viaxes das que o usuario só paga un euro por itinerario, sexa este cal sexa. “É unha aposta polo rural”, sentencia Suárez-Quiñones.

A implantación dun sistema similar en Galicia, teme a Xunta e mesmo parte do sector, non será tan doada como di Suárez-Quiñones que foi na súa comunidade hai unha década

Porén, a implantación dun sistema similar en Galicia, teme a Xunta e mesmo parte do sector, non será tan doada como di Suárez-Quiñones que foi na súa comunidade hai unha década. Se en Castela e León hai unha soa federación que agrupa a todo o sector, en Galicia son catro as federacións de carácter autonómico con interese no transporte público de pasaxeiros por estrada. E en non poucos casos os seus socios están enfrontados entre si. “O sector privado debe acomodarse ás necesidades públicas”, di o conselleiro, que insiste en que no seu momento tanto as empresas concesionarias de liñas regulares de autobús como os taxistas entenderon que o transporte a demanda supuña unha nova oportunidade de negocio anteriormente inexistente e na que é a Junta quen asume o custo a cambio de dar un servizo ao rural nunha comunidade cunha gran dispersión poboacional.

A cambio dese desembolso autonómico, os anteditos 3.558 núcleos de poboación teñen agora un servizo de transporte público a demanda que suma cada ano uns 2,5 millóns de quilómetros recorridos que ascenderían a máis de 11 millóns de quilómetros no caso de ser prestado por un autobús regular.

A Xunta aínda está a dar os primeiros pasos para analizar a implantación dun servizo similar en Galicia. Segundo a conselleira, en agosto do ano próximo poderían implantarse as primeiras experiencias de transporte a demanda en Galicia (xa as houbera tamén en 2007) coincidindo coa renovación dalgunha primeira concesión de autobús regular que caduque nos próximos meses. Pero non será ata 2020, no marco da reestruturación xeral das liñas regulares de autobús, que o Goberno galego conta con poder estender o transporte a demanda.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.