A Xunta di apostar no rural polo bus escolar e á demanda unha década despois das primeiras experiencias

Cartel do programa TES+BUS de transporte escolar compartido iniciado polo bipartito en 2007 Dominio Público Xunta de Galicia

Ademais de reorganizar as concesións de transporte regular existentes (debulladas na primeira entrega desta análise) logo da sentenza que anulou a súa prórroga, o Goberno galego tamén pretende introducir outras modalidades de transporte público alá onde sexan máis rendibles que as liñas regulares. As dúas modalidades que baralla fundamentalmente a Xunta son o transporte escolar compartido e o transporte á demanda, cuxas primeiras experiencias en Galicia implantou o bipartito e que non avanzaron no grao en que estaba previsto en parte por reticencias das concesionarias, que agora non terán máis remedio que aceptalo no marco dunha reorganización global do sector.

Xa no seu programa electoral de 2009 o PP dicía apostar pola “reordenación zonal das actuais liñas de transporte por estrada”, algo que non comezou a acometer ata agora, obrigado en parte por unha sentenza xudicial, e que non rematará ata 2019, segundo as súas propias estimacións. Naquel programa electoral os populares tamén apostaban polo “aproveitamento da capacidade do transporte escolar” e pola “inclusión do transporte público mediante taxis”, elemento este último que agora podería formar parte do seu anunciado proxecto de transporte á demanda.

O transporte escolar, que para moitas pequenas concesionarias supón a súa principal fonte de ingresos, ten 3.900 rutas diarias a 770 centros educativos, cinco veces máis que as 880 rutas existentes nas liñas regulares un día laborable

O transporte escolar compartido foi implantado polo bipartito en marzo de 2007. Sempre coa premisa de que a prioridade son os rapaces, permite que calquera poida subir e baixar dos buses escolares en calquera das súas paradas por un euro. O sistema rendibiliza o uso deses autobuses e permite que os habitantes dos lugares polos que pasan se poidan beneficiar deles e acceder en horarios laborables ás cabeceiras dos concellos ou núcleos máis habitados nos que xeralmente se sitúan os centros educativos pero tamén os servizos municipais, centros de saúde, tendas e bancos. Aínda que condicionado aos horarios escolares, a penetración no territorio deste servizo é moito maior que a das liñas regulares. O transporte escolar, que para moitas pequenas concesionarias supón a súa principal fonte de ingresos, ten 3.900 rutas diarias a 770 centros educativos, cinco veces máis que as 880 rutas existentes nas liñas regulares un día laborable, malia que nese caso os buses circulen con máis frecuencia (5.800 expedicións ao día). Canto ás paradas, o bus escolar triplícaas con respecto ás liñas regulares, con 23.500 fronte a 7.500.

O transporte a demanda iniciouno Castela e León en 2004 e esa iniciativa copiouna o bipartito de xeito experimental en agosto de 2007

Pola súa banda, o transporte a demanda iniciouno Castela e León en 2004 e esa iniciativa copiouna o bipartito en agosto de 2007, cando o implantou de xeito experimental en 44 rutas de 31 concellos. Os veciños podían chamar por teléfono directamente á concesionaria para informarlle de cando precisaban desprazarse e esta adaptaba os seus percorridos e o tamaño dos seus vehículos a esas necesidades. Nunca máis se soubo daquela iniciativa ata agora, que o Goberno galego volverá estudar a súa posible implantación ligada á reformulación das liñas concesionais.

Cartel do programa TES+BUS de transporte escolar compartido iniciado polo bipartito en 2007 Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.