0 Gardados para despois

O bus do século pasado: este é o cento de concesións que a Xunta quere reordenar

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Liñas con ingresos de 2,4 millóns de euros ao ano combínanse con outras de só 1.200 euros

DOSSIER | O autobús de liña en Galicia (1/2)

En 2009 o PP, coa abstención do PSOE, aprobou unha lei urxente pola que renovou dez anos as preto de 150 concesións de transporte público por estrada de Galicia, moitas das cales estaban a piques de caducar, a cambio de que as empresas introduciran progresivamente diversas melloras nos seus servizos e rebaixasen un 7% o custo do transporte escolar. As concesións que estaban próximas a caducar quedaron renovadas así ata polo menos 2019, mentres que outras ás que aínda lles quedaba tempo de vixencia foron ampliadas máis alá. Porén, en marzo deste ano o Tribunal Supremo anulou 129 desas prórrogas, o que obriga á Xunta a ter que volver adxudicar a maioría delas.

[A navegación polo gráfico pode realizarse pinchando nas liñas ou abrindo un listado na parte superior esquerda. Nas vermellas a Xunta facilita os seus ingresos e están ordenadas segundo ese importe. Concentran o groso da reforma concesional. As negras son o resto de concesións existentes desde 2005]

Facendo da necesidade virtude, e logo de aprobar en xullo unha nova lei urxente que volve prorrogar as concesións para que Galicia non quede sen servizos, agora a Xunta estuda unha gran reorganización das que caducaron ou van caducar proximamente e que, segundo salienta o propio Goberno galego, foran “outorgadas en diferentes momentos do século XX e xa non se adaptou ao acentuado ritmo de transformación social e territorial rexistrado nas últimas décadas”. Esa reorganización deberá plasmarse nun plan que a Xunta, segundo fixou na lei urxente de xullo en aplicación dun regulamento europeo, deberá ter listo antes de maio de 2018 de xeito que as novas liñas reorganizadas estean en funcionamento en 2019.

Liñas de 200 quilómetros de lonxitude conviven con outras de tan só unha ducia, do mesmo xeito que se atopan liñas que parten de aldeas xa case despoboadas ou cruzamentos de estradas en metade da nada

O mapa que acompaña esta información está feito, con actualizacións cando foi posible atopalas, a partir do listado de concesións existentes en Galicia que ten colgado na súa web a Dirección Xeral de Mobilidade, datado en 2005. Malia que este diario solicitou un listado actualizado, a Xunta non foi quen de facilitalo. Aínda que algunhas das concesións cambiaron, por agrupacións dentro da mesma empresa, por compras de empresas ou por cambios autorizados pola Xunta, a estrutura fundamental segue a ser a mesma e permite comprobar como liñas de 200 quilómetros de lonxitude conviven con outras de tan só unha ducia, do mesmo xeito que se atopan liñas que parten de aldeas xa case despoboadas ou cruzamentos de estradas en metade da nada onde en teoría deberían enlazar con outras concesións pero que na práctica carecen de coordinación. Hai nomes de concesións aparentemente tan pouco lóxicos como Lugo-Monforte-Santiago e microtopónimos case imposibles de atopar. Ou casos como o das concesións que dispoñen as empresas Automóviles de Tuy-ATSA (A Guarda-Vigo-A Guarda, con anexos) e Melytour (Vigo-Gondomar-Fornelos (O Rosal), con anexos). A primeira ten unha liña que parte da estación de autobuses de Vigo, percorre parte do Val Miñor pola costa e chega ata as aforas de Gondomar, pero non pode acceder ata o centro da vila, mentres que a concesión da segunda, polo interior, si atravesa o centro de Gondomar, pero a cambio de non poder facer o mesmo en Vigo. E a estas liñas galegas hai que engadir as de competencia estatal entre autonomías, que discorren fundamentalmente a través dos eixos da A-6 e a A-52.

Dous terzos do total de concesións autonómicas, 90, as que xa caducaron ou están máis próximas a facelo, son as que a Xunta estuda agora reformular antes de volver a conceder. Para iso, vén de iniciar a contratación, por un millón de euros, de varias asistencias técnicas que analicen esas liñas que caducan e a mobilidade en xeral en seis áreas: A Coruña oeste, A Coruña e Lugo norte, Lugo sur e interior da Coruña e Pontevedra, Ourense leste, Ourense oeste e Pontevedra e conexións interurbanas.

Boa parte do negocio das concesionarias máis pequenas non lles chega polo transporte regular senón a través do transporte escolar nas áreas que teñen concedidas

Para facilitar a análise da situación actual, a Xunta fixo públicos datos desas 90 concesións a reorganizar, como o número de liñas, expedicións, paradas ou ingresos declarados polas concesionarias. Este último dato económico, nos casos en que é desvelado, inclúese no gráfico, con oscilacións que van desde os 2,4 millóns de euros da concesión A Coruña-Fisterra aos 1.256 euros que declara a concesión Chantada-Matanza. Hai que ter en conta que boa parte do negocio das concesionarias máis pequenas non lles chega polo transporte regular senón a través do transporte escolar nas áreas que teñen concedidas. Ademais, hai empresas que, con nomes distintos, pertencen en maior ou menor medida ao mesmo grupo, como Monbus (Empresa Monforte, Castromil, Autobuses Urbanos de Lugo ou Aguas de Incio).

Seguinte entrega: A Xunta di apostar no rural polo bus escolar e á demanda unha década despois das primeiras experiencias

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.