0 Gardados para despois

Seis claves para entender a masiva folga de autobuses en Galicia

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Seguimento masivo do paro de condutores de bus que está a afectar a todo tipo de servizos, tanto de liña como urbanos, escolares ou discrecionais

Nin autobuses de liña regular, que é a orixe do conflito político-laboral, nin autobuses urbanos, nin escolares, nin sequera servizos discrecionais como as excursións. A folga convocada polos condutores de autobuses (de todo tipo de autobús), durante todos os martes e mércores a partir do martes 20 de xuño e de xeito indefinido, está a ter un seguimento masivo que está a contar en grande medida coa comprensión da patronal. Unha inédita coincidencia de intereses provocada por como a Xunta decidiu reestruturar a obsoleta rede de transporte regular interurbano de Galicia e que agora está a afectar a toda a mobilidade por estrada do país, xa que a ausencia de autobuses está a facer que os taxis tamén sexan insuficientes para atender a demanda. Estes son algúns dos moitos intereses cruzados do conflito.

O Tribunal Supremo anulou hai un ano a prórroga das concesións impulsada pola Xunta en 2009

Cal é a orixe do conflito?

A finais de 2009 a Xunta decidiu prorrogar unha década por lei máis dun cento de concesións de transporte regular de viaxeiros por estrada sen sacalas a concurso. A cambio, esas empresas beneficiarias rebaixaríanlle un 7% o custo do transporte escolar, que prestan elas mesmas nas súas zonas de influencia, e introducirían melloras nos seus vehículos (accesibilidade, equipamentos informáticos, etc). A Xunta pretendía así iniciar unha modernización material do sector sen tocar, como xa se lle viña reclamando desde múltiples sectores, o deseño das rutas, trazadas boa parte delas a mediados do século pasado, cun reparto demográfico en Galicia moi distinto do actual. Pero en marzo do ano pasado o Tribunal Supremo anulou esa prórroga das concesións por incumprir a normativa europea.

Hai un ano varias empresas renunciaron, como lles permite a lei, a seguir realizando a partir do próximo agosto liñas regulares que lles son deficitarias

Por que a folga agora?

Tras a anulación da prórroga das concesións, en xullo do ano pasado a Xunta aprobou unha nova lei urxente na que á fin preveu unha remodelación do deseño das rutas a través dun plan de transporte para toda Galicia que deberá estar en vigor a finais de 2019. Pero nesa mesma lei urxente contemplouse a posibilidade de que as empresas que non estivesen interesadas en manter as súas concesións puidesen renunciar a elas comunicándoo o pasado agosto e con vixencia un ano despois, a partir do próximo agosto. E iso fixeron a maioría das empresas de Ourense e parte das do sur de Lugo, a Costa da Morte ou zonas de Pontevedra. Esa renuncia obrigou á Xunta a adiantar parte do seu plan de transporte previsto para 2019 a este verán de 2017 para cubrir con el esas zonas que en agosto quedarían sen servizos. Ese plan parcial para as zonas nas que as concesionarias renunciaron hai un ano presentouse a finais de maio e con el a Xunta pretende integrar a partir de agosto neses ámbitos o transporte regular co transporte escolar e introducir o transporte a demanda. Ese plan parcial é o desencadeante da folga.

Os sindicatos din que o plan da Xunta reduce liñas e empresas, o que provocará despedimentos

Que din os sindicatos?

UGT, CCOO e CIG convocaron a folga tanto polos efectos que consideran que terá o plan da Xunta sobre os empregos como pola negativa dos empresarios a actualizar o seu convenio colectivo. Sobre a primeira cuestión alegan que o plan que deseñou a Xunta reduce na práctica o número de servizos ao integrar o bus regular co escolar e abre a porta á concentración do sector coa desaparición de empresas e a entrada de grandes grupos, o que afectaría aos seus empregos. Tamén reclaman que os postos de traballo sexan subrogados polas novas empresas que asuman o transporte nas áreas agora a reparto, algo que a primeira versión do plan da Xunta non explicitaba.

A patronal din que o plan da Xunta provocará o peche de empresas e que as novas concesións non son rendibles

Que din as empresas?

Como pescada que morde a cola, os empresarios argumentan que non poden mellorar as condicións laborais dos seus traballadores ante a indefinición do que lles suporá o novo plan da Xunta. Un plan sobre o que coinciden cos traballadores en que implicará unha concentración e desaparición de empresas. As coincidencias entre patronal e sindicatos fan que voces da Xunta falen de pinza entre ambos. Algunhas empresas tamén ameazan con reclamarlle unha indemnización á Xunta se coa nova integración do transporte regular co escolar quedan sen o segundo que xa tiñan contratado. Isto é, renunciaron ás liñas regulares de deseño obsoleto e sen usuarios pero non ao transporte escolar que para moitas pequenas empresas é o seu único sustento. Tamén critican que no seu momento fixeron investimentos co horizonte de 2020 para a súa amortización e que agora poden quedar sen rutas.

O Goberno galego defende o seu plan e potencia como interlocutor a unha das catro patronais, a menos belixerante e presidida por un ex-subdirector xeral de transporte da propia Xunta

Que di a Xunta?

O Goberno galego admite que o seu plan suporá unha concentración das empresas, pero nega que teñan que desaparecer e argumenta que poden unirse entre elas para explotar as zonas en que dividiu as concesións, que asegura que serán rendibles. Para tentar contrarrestar a suposta pinza de sindicatos e patronal, o Goberno galego tenta negociar por separado con ambas partes, que á súa vez queren sentar conxuntamente para amosar máis forza nas reclamacións nas que coinciden. Unha unidade que semella utilitarista, mesmo en cada un dos grupos, con tres sindicatos e catro asociacións patronais de por medio. De feito, no moi fragmentado ámbito da patronal (con ata catro federacións de asociacións en Galicia: Anetra, Fegabús, Transgacar e Fegatravi) a Xunta tenta potenciar o papel da última, menos belixerante coa Administración ao ter menos representación nas zonas en conflito e a cuxa fronte está Javier de Bidegain, durante anos subdirector xeral de transporte na propia Xunta. Un departamento que é un dos máis inestables e peor dotado de persoal e recursos de todo o Goberno galego.

A primeira semana de agosto é a data límite para resolver o conflito xa que será cando as antigas concesionarias deixen de prestar os servizos deficitarios

Que vai pasar agora?

A primeira semana de agosto é a data clave para a resolución do actual conflito. É cando a Xunta prevé que entren en servizo as novas zonas de transporte integrado alí onde renunciaron as concesionarias previas. Con ese límite temporal xa marcado, hai dúas semanas o portavoz de Infraestruturas do PP no Parlamento de Galicia, Martín Fernández Prado, advertiu de que, se para esa data non está en vigor o novo plan da Xunta, esas zonas quedarán sen servizos e os traballadores que os viñan prestando ata o de agora veríanse abocados ao despedimento por parte das súas empresas ao non ter liñas que cubrir. Sindicatos e patronal confían en facer que a Xunta rectifique e adopte unha solución intermedia máis favorable aos seus intereses.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Xunta lamenta que o paro afectase o transporte escolar e patronal e sindicatos pídenlle que rectifique

Malia que os sindicatos sinalaron que a folga do transpporte público de viaxeiros por estrada parou "ao 100%" practicamente as principais estacións de autobús do país, a Xunta de Galicia reduciu o impacto do paro ao 40% dos traballadores. Sexa como for, o éxito foi total pero desde a Administración atribuíuse a presións. "A afección aos servizos está a ser moi superior porque diferentes piquetes están a vulnerar os dereitos dos traballadores impedindo a saída de autobuses das estacións", asegurou o Goberno galego.  

Patronal e sindicatos destacan que o seguimento do paro foi practicamente total e a Xunta atribúe o éxito a presións

No entanto, as tres federacións patronais que rexeitan o plan de transporte e representan o 90% das empresas afectadas por el cifran o seguimento do paro en máis do 90% e instan a Consellería de Infraestruturas a unha reacción "inmediata" para frear un paro que continuará este mércores. Así, reclaman que se recupere o diálogo a tres bandas que a Xunta impediu o pasado luns e que se "paralice e se reformule" o novo e polémico deseño de rutas que non aceptan nin traballadores nin empresas. 

Pola súa banda, os sindicatos UGT, CCOO e CIG instaron tamén a Xunta a "tomar nota" do "éxito" desta primeira xornada de folga que, insistiron, paralizou "ao 100%" as principais estacións. Ademais, e respecto ao non cumprimento dos servizos mínimos, as centrais aseguran que non se cumpren "por decisións dos traballadores" e non por presións. Ademais, lembran que non había acordo coa Administración por consideralos "excesivos". 

Os sindicatos instan a Xunta a "tomar nota" do "éxito" da primeira xornada de folga

Desde a súa conta de Twitter, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, aseguraba que "o dereito á folga debe ser compatible cos dereitos do resto dos traballadores e dos cidadáns cumprindo os servizos mínimos". Ademais, indicou -en consonancia con algún titular de medios- que o incumprimento destes "afectou máis de 67.000 alumnos e as súas familias".