Os sindicatos anuncian unha folga indefinida polo novo plan de transporte no rural

Transporte escolar nunha localidade galega © Xunta

Folga indefinica todos os martes e mércores a partir do vindeiro 20 de xuño. Esa é a resposta que veñen de dar CIG, UGT e CCOO ao anuncio da posta en marcha do Plan de Transporte de Viaxeiros por parte da Xunta, ese que baseándose nas rutas escolares achegará novas rutas no rural.

CIG, UGT e CCOO convocan folga indefinida todos os martes e mércores a partir do 20 de xuño

A Administración fará que o bus escolar, sempre con supervisores e onde teña prazas dispoñibles, sexa a base da nova rede de transporte público interurbano de Galicia, máis alá das experiencias de transporte escolar compartido que se viñan realizando desde o bipartito baixo o nome TES+BUS. Este mércores, en rolda de prensa, os tres sindicatos compareceron en rolda de prensa e denunciarono que consideran “unha grande operación de márketing coa que se pretende agochar unha pinza entre a administración e os empresarios para aplicar un ERE encuberto e un recorte no transporte escolar”. 

Os sindicatos denuncian “unha grande operación de márketing" que pretende "un ERE encuberto e un recorte no transporte escolar”

Así o dixo Xesús Pastoriza, secretario federal de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, que denuncia que os empresarios néganse a asinar os catro convenios provinciais, porque “a patronal pretende recortar en dereitos e condicións laborais respecto do establecido nos actuais convenios”. Para os sindicatos, este novo Plan de Transporte servirá para "poder xustificar a supresión de postos de traballo, forzar unha devaluación dos convenios e, xa que logo, das condicións laborais". A CIG advirte que se poderían perder até un 30% dos postos de traballo.

Pastoriza alerta de que a operación podería acabar nun “auténtico pelotazo" como, segundo denuncian, ocorreu nas contratacións do 061, "que acabou sendo propiedade dunha empresa coa que se fixo un fondo voitre que quedou co 50% de todo o transporte sanitario que hai en Galiza”. 

O caso é que, ao longo dos dous próximos anos, ata setembro de 2019, a Xunta vai adxudicar varias ducias de contratos de transporte por zonas xeográficas que substituirán ás concesións actuais e nos que, sobre a base do transporte escolar, que poderá ser empregado tamén por calquera cidadán, se deseñarán novas liñas de transporte regular complementarias e se implantarán servizos a demanda que só operarán cando o pidan os usuarios.

A CIG desmente que vaian baixar os prezos dos billetes: "Encarécense pola vía dos transbordos"

Desde a CIG desméntese "a propaganda que está facendo a Xunta" segundo a cal se abaratarían os prezos dos billetes. Segundo Pastoriza, aínda que nalgúns contratos se establecen tarifas máis baratas, na práctica "encarécese pola vía dos transbordos". “O que fan é dividir as actuais concesións en tres ou catro partes, o que obrigará os viaxeiros a facer transbordos e pagar así dous ou tres billetes. Algo semellante ao que xa aconteceu cando se dividiu a concesión de Arriva Noroeste en Bergantiños e Costa da Morte en tres partes”, di. 

Os sindicatos advirten que neste Plan de Transporte o escolar "deixa de ser de uso especial e pasa a ser de uso xeral" e avisan da desaparición de 500 liñas escolares e que “deixa de ser de aplicación o Real Decreto de Seguridade no Transporte de Menores, porque non se garante a reserva do 50% das prazas para escolares, como sería necesario para obrigar a aplicar esas medidas de seguridade específicas”.

Os sindicatos tamén denuncian que aumentará a precariedade dos acompañantes, xa que até o de agora tiñan contratos polo tempo aproximado que duraba a ruta escolar e agora en ningún apartado dos contratos se establece nin cal vai ser o seu tempo de traballo, nin como van regresar até o punto de orixe. "Os autobuses van continuar cunha ruta de liña normal unha vez deixaron o alumnado no seu centro", advirten, ademais de denuciar que a Xunta "rescata as rutas escolares das empresas que no seu momento renunciaron ao transporte de liña regular pero continuaron facendo o servizo de transporte escolar, que teñen en concesión até 2020". "Ao pasar o escolar a depender dos servizos de liña quítaselle esa concesión ás empresas que a teñen actualmente para darllo ás novas empresas, polo que a Administración terá que indemnizalas”, rematan. 

Transporte escolar nunha localidade galega © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.