A investigación do presunto amaño nun concurso do 061 sacode un sector cada vez en menos mans

Ambulancia do 061 en Galicia © Xunta

Un concurso de máis de 120 millóns investigado por un posible amaño e unha firma dun ex-dirixente do PP que sae beneficiada e que estende o seu control en Galicia a través de adquisicións e alianzas empresariais. A investigación aberta polo xulgado de instrución número 2 de Santiago na adxudicación dun concurso para as ambulancias do 061 engade balbordo a un sector no que levan anos agromando críticas, tanto polas condicións laborais de moitos traballadores como polas dúbidas sobre as adxudicacións. 

A xustiza investiga un posible amaño na adxudicación dun concurso para as ambulancias do 061 por máis de 120 millóns

A xustiza investiga se houbo delito de prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias no concurso da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, dependente do Sergas, para o servizo de transporte sanitario urxente por 121,6 millóns de euros ata 2019. Dividido en 14 lotes por áreas xeográficas, once empresas repartíronse as adxudicacións, oficializadas no verán de 2015. Pero un dos empresarios aspirantes denunciou e puxo sobre a mesa supostas irregularidades.

Empresas beneficiadas terían matriculado e rotulado os vehículos coa simboloxía da Xunta e a Consellería de Sanidade meses antes de que a Administración resolvese a adxudicación e mesmo xa unha semana despois da publicación dos pregos no DOG, en novembro de 2014. Segundo o denunciante, todas as firmas que conseguiron o contrato carrozaron as ambulancias no taller ourensán Rodríguez López -o 95,5% delas- e no portugués Autos Ribeiro. 

A Administración tería convocado uns pregos que antes lle facilitara un taller ao que acudiron todas as empresas gañadoras

Tal e como adiantara Europa Press, a investigación busca determinar se, como di a Policía Xudicial, a Administración puido usar para o concurso pregos de condicións facilitados pola carroceira ourensá, que estaba en conivencia coa de Portugal. Intenta probar que foi "un concurso á carta" -como din a Praza fontes do sector coñecedoras do proceso xudicial- polo que as empresas que traballaban con estes talleres fornecían ás ambulancias dos requisitos e características esixidas polo Sergas e nun tempo récord. 

A Fiscalía, en outubro de 2015, recomendou admitir a trámite a denuncia e o xulgado abriu a causa, na que xa declarou como investigado o técnico responsable de transporte do 061 que avaliaba os vehículos, e que foi declarada complexa, polo que se aumentou o prazo para instruír dilixencias ata 18 meses. 

Varias empresas tiñan matriculados e rotulados os vehículos coa simboloxía da Xunta moito antes de que se resolvese a adxudicación

O denunciante mesmo achegou datos conseguidos a través de detectives que confirmarían que polo menos unha das empresas beneficiadas tiña matriculados e rotulados xa en xaneiro de 2015 dous vehículos que formaban parte da oferta. Ademais, fontes consultadas por Praza confirman a existencia de correos electrónicos nos que en abril de 2014 o técnico investigado envía a unha carroceira de Madrid planos das ambulancias practicamente idénticos aos que logo se pedirían nos pregos. Neles, o anagrama do taller ourensán Rodríguez López. 

Nun correo electrónico, un técnico do 061 tería enviado a un taller os planos das ambulancias, idénticos ao que logo se requiriría

"Non se cortaron nin en ter vehículos xa mercados e matriculados desde había tempo e á vista de todos", confirman as mesmas fontes do sector, que explican como ás empresas adxudicatarias "sobrábanlles días para ter listas as ambulancias". "Ao primeiro día, todo estaba listo", explican. Ademais, os sindicatos e pequenas compañías xa denunciaran que as condicións esixidas excluían moitas empresas locais do concurso e facilitaban que se recortasen en dereitos laborais para axustar as ofertas. "O plan de formación que pedían só o podían ofrecer firmas grandes", insisten. 

Pero hai máis. No sector son moitas as voces que sospeitan ou mesmo non teñen dúbidas deste amaño e pregúntanse: "Quen compra a empresa máis grande de ambulancias de Galicia a poucos meses de que saia o concurso se non estás seguro de que vas gañar?". Refírense á compra de Ambulancias do Atlántico a principios de 2014 por parte de Ambuibérica, empresa líder do sector en todo o Estado, con sede en Valladolid e presidida polo ex-alcalde de Mayorga e ex-deputado provincial polo PP en Castilla y León, Carlos Magdaleno.

 

Ambuibérica controla boa parte do territorio galego

Ambuibérica é a empresa que tamén controla agora a maior parte do sector das ambulancias en Galicia, onde non tiña presenza destacada até hai uns anos. Faino a través de dúas vías: comprando empresas que xa tiñan concesión ou estaban consolidadas no mercado ou controlándoas con outros socios. Daquel concurso dividido en 14 lotes, a compañía fíxose con seis lotes por un importe total de case 50 millóns, entre os que acadou a través da súa compañía directamente ou mediante as que controla. 

Dos 14 lotes adxudicados, Ambuibérica fíxose con seis por case 50 millóns entre os seus e os das firmas que controla

Así, a Ambuibérica fóronlles adxudicada as áreas de Vigo, Baixo Miño e Bergantiños-Costa da Morte por 26 millóns de euros, mentres que Ambulancias Pontevedra, da que Magdaleno é coadministrador desde hai tan só mes e medio, leva a área da capital provincial por máis de 5 millóns. Ambulancias As Burgas, onde é directivo o seu socio na empresa da cidade do Lérez, xestiona a zona da urbe oruensá por 7,6 millóns, mentres que Ambulancias Ferrolanas, de As Pontes, encárgase de Ferrolterra por máis de 9 millóns. Nesta última firma un dos administradores é Enrique Blanco, socio de Magdaleno en numerosas outras firmas do Estado. Foi a última en controlar o líder dun sector onde xa se fala da súa intención de facerse con Casablanca, que abrangue a zona de Compostela. 

"Aló onde goberna o PP, entra a súa empresa; controla comunidades enteiras pero Galicia foi dos últimos sitios onde entrou e, se cadra, é o derradeiro visto o que se está a descubrir coa investigación", din fontes coñecedoras do proceso que se a algo lles lembra o proceder en todo o que rodeou o concurso é a outras prácticas que se xulgan estes días e que tamén estaban vinculadas a dirixentes do Partido Popular. "O modus operandi é exactamente o mesmo", rematan. 

O presidente de Ambuibérica, ex-alcalde e deputado provincial do PP, defende o 'modus operandi' da súa empresa

O presidente de Amuibérica asegura a eldiario.es que non recibiu notificación xudicial ningunha e que as ambulancias sempre se rotulan antes: "Sempre se fai así. Ás veces non se consegue a adxudicación pero a rotulación hai que facela". Ademais, lamentou que se relacionase a súa actividade política coa empresarial, na que leva "trinta anos", e aclara que traballaba con comunidades autónomas non vinculadas ao PP, como Cantabría, aínda que o certo é que cando conseguiu o concurso nesa autonomía os populares estaban no poder. 

En Galicia, e preguntado pola investigación, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avalara manter no seu posto o técnico investigado. "Hai que protexer tamén os empregados públicos, que ás veces teñen denuncias como consecuencia dalgúns intereses. Hai que ver se hai ou non interese lexítimo na denuncia", dixera ao descubrirse o caso, tras destacar a "enorme competitividade" que hai en adxudicacións deste tipo. Ao tempo, toda a oposición uniuse no Parlamento para pedir "explicacións urxentes" ao Goberno galego.  

Toda a oposición pide "explicacións" á Xunta sobre un concurso con "evidencias específicas" de "uso de información privilexiada"

No PSdeG, o parlamentario Julio Torrado reclamou tamén a pasada semana "responsabilidades políticas" polas presuntas irregularidades no concurso e ante as "evidencias específicas" que indican ao "uso de información privilexiada por parte dunha empresa concreta". Antes, desde o BNG, Montse Prado lembrou que a súa formación xa denunciara o devandito concurso pola "temeridade" que supoñía adxudicar un servizo deste tipo "á baixa" e primando "cuesitóns económicas para facilitar o negocio da empresa por riba do servizo". 

Desde En Marea, a deputada Eva Solla advertiu das "importantes deficiencias" no transporte urxente do 061 en Galicia, con "recursos insuficientes para cubrir todas as zonas sanitarias".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.