0 Gardados para despois

As empresas de transporte rexeitan o "catastrófico" novo plan de bus rural da Xunta

Redacción | @prazapublica

As tres principais federacións de transporte de viaxeiros en autobús de Galicia (Anetra, Fegabús e Transgacar) amosaron este mércores o seu frontal rexeitamento ao novo Plan de Transporte Público da Xunta. Foi unha resposta "unánime" nunha comparecencia en Compostela na que os tres colectivos aseguraron que o proxecto do Goberno, "tal e como está deseñado, é catastrófico desde o punto de vista empresarial e desastroso no aspecto puramente funcional”. Entenden que "condena ao peche as pequenas empresas de autobuses do rural" e "deteriora gravemente as condicións laborais" dos condutores e únense ás protestas do sindicatos, que xa convocaron unha folga para todos os martes e mércores a partir do vindeiro 20 de xuño

As tres principais federacións de transporte de viaxeiros en autobús de Galicia cualifican de "catastrófico" o novo plan da Xunta

Con este novo plan, anunciado hai dúas semanas, a Administración fará que o bus escolar, sempre con supervisores e onde teña prazas dispoñibles, sexa a base da nova rede de transporte público interurbano de Galicia, máis alá das experiencias de transporte compartido que se viñan realizando desde o bipartito baixo o nome TES+BUS. Con esta medida, o bus escolar pasa a depender de Infraestruturas. Hai tan só unha semana, o PP ameazou con con despedimentos e incomunicación se o seu proxecto non saía adiante

Os representantes das tres federacións explicaron os principais argumentos das alegacións que interpuxeron as empresas contra o proxecto e anticiparon as "graves consecuencias" da súa entrada en vigor. Así, deixaron claro que a "crítica situación" actual, tendo sobre a mesa a maioría das concesións de liñas interurbanas pola súa nula rendibilidade, "é unicamente responsabilidade da propia Administración". Así, Fidel Martínez (Anetra), Aurelio Cuíña (Fegabús) e Carlos García (Transgacar), insistiron na "responsabilidade" da Xunta no lanzamento no ano 2009 dun plan de modernización (que esixiu ás empresas anticipar millóns de euros de investimento) "finalmente anulado polo Supremo" e na súa pasividade para afrontar desde hai anos, "antes mesmo de que o alto tribunal convulsionara o sector, a imprescindible reestruturación duns servizos deseñados para o século pasado".

"O plan foi elaborado a toda présa, sen estudo pormenorizado e serio da realidade do rural galego e da demanda de viaxeiros" 

As federacións cren que o novo plan "foi elaborado a toda présa, sen un estudo pormenorizado e serio da realidade do rural galego e da demanda de viaxeiros" e consideran que "adoece de importantes erros". Con todo, advirten que as principais queixas dos empresarios "radican na propia filosofía do documento". 

"A Xunta aproveita a obrigatoriedade da reforma unicamente para aforrar cartos e fai completamente inviables moitas zonas, tanto por acompañalas dunha valoración de custos leonina e irreal como por facelas cun volume de vehículos que pecha a porta a todas as pequenas e medianas compañías familiares galegas", sentencian.

As empresas de transporte cren que a Xunta pretende "aforrar cartos" e "deixar o sector en mans de grandes multinacionais"

As federacións cren que o obxectivo da Xunta é "deixar o sector en mans dalgunha firma multinacional grande, das que dominan a actividade en España" e din "coincidir" nos sindicatos en que o proxecto "provocará a perda dun gran número de postos de traballo e unha precarización das condicións laborais, en especial pola decisión da Xunta de valorar a actividade por horas de condución a salario base e obrigar así as empresas ao uso xeneralizado de contratos a tempo parcial". 

Ademais, os tres representantes aclaran que este novo proxecto "non se trata do TES+BUS, que é o que se está anunciando dende a Consellería e que funciona relativamente ben". "Non van subir uns poucos pasaxeiros a autobuses escolares. Trátase de aproveitar as liñas regulares para incorporar os nenos, é dicir, o transporte escolar desaparece nesas rutas (pasa de Educación a Transportes) e os rapaces terán unha reserva de prazas en cada vehículo, pero sen máis beneficios máis alá do acompañante", aseguran. "É unha perversión dun servizo que funciona correctamente", insisten. 

"Non se trata do TES+BUS, que é o que se está anunciando dende a Consellería e que funciona relativamente ben"

Así, pregúntanse que pasaría "se ao chegar a unha parada non hai alí un proxenitor do neno, dado que o bus ten que continuar coa ruta; como se resolverán os atrasos que van xurdir ao percorrer o bus moitos máis quilómetros que antes; ou como sortean a lexislación nos moitos casos de rapaces que van ter que pasar moito máis dunha hora no autobús, tal e como limita agora a normativa". 

Ademais, advirten dunha "pelexa xudicial coa Xunta" poro parte das compañías ás que se priva dos servizos escolares porque "os actuais contratos de transporte escolar están garantidos até 2020". Alén disto, as alegación presentadas avisan de "fluxos de tráfico orientados en sentido contrario (de vilas á cidades a última hora da tarde e sen servizo pola mañá), horarios imposibles, percorridos por estradas que non admiten vehículos máis grandes que un turismo, servizos a equipamentos que levan anos pechados, deseños de rutas completamente irracionais, colexios sen parada ou chegadas a centros educativos con previsión de notables retrasos". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.