0 Gardados para despois

O PP ameaza con despedimentos e incomunicación se non sae adiante o seu plan de bus rural

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Ou o novo sistema de autobuses interurbanos que vén de presentar a Xunta sae adiante, ou en agosto o rural quedará sen transporte e “centos de traballadores” quedarán sen os seus postos. Esa é a resposta a xeito de ameaza que deu este martes o PP no Parlamento de Galicia ás críticas que lle lanzaron todos os grupos da oposición pola “precipitación” coa que agora tramita o novo modelo de transporte logo de oito anos nos que, ao seu xuízo, nada fixo a Xunta por mellorar os servizos. Porén, fronte a ameaza de despedimentos no sector que lanzan os populares se non se aplica o seu plan, os sindicatos alertan de xusto o contrario, de perda de postos de traballo co novo modelo, e xa convocaron unha folga para finais deste mes.

A oposición critica os “anos sen facer nada” da Xunta por mellorar o transporte ata que unha sentenza a obrigou a actuar

Hai oito anos o PP prorrogou por lei unha década as concesións de transporte daquela vixentes, unha lei que hai un ano o Tribunal Supremo anulou. Iso obrigou á Xunta a aprobar en xullo do ano pasado unha nova lei urxente para manter os servizos de autobús durante tres anos mentres non se deseñase a súa definitiva reordenación a través dun Plan de Transporte para toda Galicia en 2019. Porén, esa lei urxente contemplaba a posibilidade de que as concesionarias renunciasen a seguir prestando servizo a partir do vindeiro agosto, e así o fixeron varias empresas, fundamentalmente da provincia de Ourense e o sur de Lugo. Así que a Xunta, novamente obrigada polas circunstancias, deseñou un primeiro avance para esas zonas do que será o modelo futuro de buses para o rural, baseado no transporte escolar e complementado con servizos a demanda. Un modelo que, segundo os sindicatos, que xa convocaron unha folga para finais deste mes, suporá un empeoramento dos servizos para a cidadanía e unha perda de postos para os traballadores. A Xunta, pola contra, asegura que suporá duplicar as paradas actualmente existentes, racionalizar os servizos e probar o novo modelo de cara á súa implantación xeral en toda Galicia a partir de 2019.

En Marea cre que o problema do transporte é só un síntoma máis da falta de ordenación do territorio que condena o rural ao abandono e envellecemento

Con esta situación, este martes o vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, defendeu unha moción coa que reclamou á Xunta que amplíe o prazo de exposición ao público do novo modelo e facilite a participación da cidadanía e das empresas no seu deseño. Segundo Sánchez, o problema de orixe da situación actual é a “improvisación” da Xunta e “a desordenación do territorio na que sumiron o país”, que agora tenta paliar cun novo modelo de transporte guiado ao seu xuízo por “criterios economicistas que van agravar ese círculo vicioso de abandono e envellecemento”. Sánchez dixo no querer “entrar en cuestións técnicas”, xa que “o transporte a demanda, depende de como se aplique, pode estar ben ou mal”. O que fixo foi pedir un maior traballo “político” do transporte por parte da Xunta e con maior participación social, pero lamentou que non vai ser así “vistos os antecedentes, as caixas de Vega Sicilia e os beneficios das grandes empresas”, en referencia aos regalos realizados a políticos polo propietario de Monbus, Raúl López.

Polo PSOE, o deputado Raúl Fernández lamentou o pouco peso da área de Transportes na Xunta e mesmo na Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Segundo dixo, a situación actual débese a “seis anos de pasividade, parálise e despreocupación do transporte en xeral”, non dos servizos por estrada senón tamén da coordinación aeroportuaria ou dos servizos de ferrocarril. Segundo Fernández, a Xunta só “espertou do letargo” hai un ano coa sentenza do Supremo.

Pola súa banda, o deputado do BNG Luís Bará foi máis alá da moción inicial de En Marea e pediu a paralización da primeira fase agora en marcha de implantación do novo modelo de transporte. Bará incidiu nos “anos sen facer nada” da Xunta e asegurou que o novo sistema é unha “chapuza xurídica” que vai “concentrar o negocio en grandes empresas”.

O PP asegurou que coas súas peticións de maior participación e exposición pública do novo modelo a oposición ou quere “boicotear” á Xunta “ou queren que en agosto o rural non teña transporte ou centos de traballadores queden sen traballo”

Ante estas críticas da oposición, o deputado popular Martín Fernández Prado defendeu o modelo da Xunta facendo da virtude necesidade e amparándose en que “hai unha sentenza que cumprir e un servizo público que garantir”. Nesa liña, o popular asegurou que coas súas peticións de maior participación e máis tempo de exposición ao público do novo modelo a oposición ou quere “boicotear” á Xunta “ou queren que en agosto o rural non teña transporte ou centos de traballadores queden sen traballo”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.