Así tentou o dono de Monbus agasallar os políticos con viños de luxo

Raúl López, presidente de Monbus, nunha imaxe de arquivo, e páxinas do informe CC-BY-SA Praza Pública

O empresario lucense Raúl López, propietario do grupo Monbus, que controla máis da metade das rutas de autobús de España, enviou durante a última década botellas de viño de alta gama e outros agasallos por Nadal a máis dun cento de políticos de diversos partidos e cun punto en común: estaren relacionados con Administracións de todo o Estado que contrataban as súas empresas de transporte. Porén, moitos dos agasallados rexeitaron os regalos cando as empresas de mensaxería llelos foron entregar ou devolvéronos pouco despois. Entre eles figuran o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e mais o ex-ministro de Fomento José Blanco.

Así o plasmaron axentes de Vigilancia Aduanera nun informe, ao que tivo acceso Praza.gal, entregado o pasado abril á xuíza de Lugo Pilar de Lara, que instrúe o caso Cóndor no que investiga a López por supostos delitos fiscais e de branqueamento de capitais, ademais de tráfico de influencias e mais o propio suborno. A maxistrada xa elevou exposicións razoadas ao respecto cando menos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por atinxiren as listaxes a algúns políticos aforados de ámbito autonómico e estatal sen que polo momento houbese decisión a respecto da súa admisión a trámite.

Segundo o informe dos axentes, ao que tivo acceso Praza.gal, López enviou a máis dun cento de políticos agasallos que suman preto de medio millón de euros. Entre eles figuran Feijóo e Blanco

Segundo os axentes, entre 2006 e marzo de 2015, cando foi detido no marco da operación Cóndor, Raúl López encargou numerosos regalos a dúas distribuidoras de bebidas, unha de roupa e complementos e dúas adegas por importes que suman preto de medio millón de euros. A media de 50.000 euros en regalos ao ano viuse superada especialmente en 2010 e 2011, mentres que decaeu nos anos iniciais e finais do período investigado. A maioría dos presentes eran botellas de viño de alta gama que facía chegar a través de empresas de mensaxería non aos postos de traballo dos políticos e técnicos, senón aos seus domicilios particulares, onde a priori resultan de máis difícil aplicación os códigos éticos de partidos e Administracións ou mesmo as cautelas ao respecto de cada un dos agasallados.

Os lotes de regalos presentaban unha gradación segundo a importancia outorgada a cada político polo empresario quen, sempre segundo a investigación, levaba persoalmente o control dos encargos. Deste xeito, por exemplo, en 2011 o denominado “Lote VIP” contratado por López cunha das distribuidoras de bebidas estaba composto por catro botellas de Vega Sicilia Único e outras catro de Alión valoradas nun total de 878,16 euros. Ese mesmo ano o lote de segunda categoría, denominado “Lote muy bueno”, estaba formado por tres botellas de Vega Sicilia Único valoradas nun total de 517,55 euros. Os investigadores reflicten tamén un denominado “Lote gallego” formado por doce botellas de viños galegos valoradas en 226,36 euros.

Moitos dos cargos devolveron os presentes, se ben o informe non reflicte o destino final de todos os agasallos

O informe de Vigilancia Aduanera recolle os nomes e cargos de máis dun cento de políticos e algúns técnicos relacionados con administracións que contrataban con Monbus aos que Raúl López remitiu os regalos. Moitos deses cargos non se deixaban agasallar e devolvían os presentes, pero o informe de Vigilancia Aduanera, como vén ocorrendo en moitas das súas investigacións para a xuíza Pilar de Lara -que adoita empregar este corpo como policía xudicial-, non é sistemático, non reflicte o destino final de todos os regalos e nin sequera certifica en todos os casos que chegasen aos agasallados, só que López tiña intención de envialos.

En moitas ocasións non se indica quen recolleu o paquete, mentres que noutros casos só se indica que este foi recollido por algún familiar ou asistente doméstico e non hai constancia de se lle chegou finalmente ao político, técnico ou militar ao que ía destinado. Ademais, hai algún caso no que o político devolveu o regalo días despois de recibilo e aprécianse, ademais, erros en referencias a algúns dos enderezos. Igualmente, noutros treitos do informe figuran nomes de políticos sinalados por López atopados nos rexistros que non aparecen no listado de agasallados elaborado por Vigilancia Aduanera.

Gobernantes de todo signo

As listaxes de destinatarios de agasallos anexas ao informe de Vigilancia Aduanera recolle nomes de políticos de signo diverso que, atendendo á documentación, entraban entre os obxectivos dos agasallos de López ao exerceren eles ou os seus partidos responsabilidades de goberno. Entre os nomes máis significativos do listado de Vigilancia Aduanera figuran o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ex-ministro de Fomento José Blanco, pero tamén altos cargos do goberno bipartito da Xunta, así como antigos membros do Parlamento de Galicia e ex-edís de corporacións municipais como Santiago e Lugo, tanto dos seus gobernos como da oposición dentro do período investigado, que atinxe a tres mandatos municipais e outras tantas lexislaturas autonómicas.

No caso de Blanco, os axentes identifican seis envíos de agasallos por parte de Raúl López entre os anos 2008 e 2013, dos cales só teñen constancia de que fosen efectivamente entregados no seu domicilio particular os dos anos 2010 a 2012, valorados entre 684 e 858 euros. Porén, o informe reflicte que Blanco devolveu polo menos o de 2012. López tamén fixo envíos similares ao domicilio particular de Feijóo eses mesmos seis anos, por importes que oscilaron entre 517 e 670 euros. O informe reflicte que os seis envíos foron entregados, pero en tres deles non figura o nome do suposto receptor e nos outros tres foron recollidos por dúas familiares e unha terceira persoa.

Contactado por este diario, Blanco non quixo facer declaracións. Desde o equipo de Feijóo sinalouse que non poden corroborar a recepción ou non deses regalos argumentando que carecen de comunicación oficial sobre a investigación xudicial. Tamén sinalan que, de terse recibido, encadraríanse baixo o concepto de cortesía protocolaria ou institucional, pero non entran a valorar o seu importe nin o feito de seren enviados ao domicilio particular. O Goberno galego salienta que para evitar estas situacións é polo que aprobou en 2014 un código ético que limita a un valor de 90 euros os agasallos que poden recibir os seus cargos e traballadores dentro do considerado como “usos habituais e costumes sociais de cortesía”, obrigando a devolver ou comunicar os que superen dito importe.

Do mesmo xeito, noutro dos casos o agasallo de Raúl López chegou ao destinatario e este, segundo puido confirmar este diario, entregouno como doazón a unha entidade social de Santiago. Noutro caso, un dos agasallados asegura que mantén amizade con López desde hai varias décadas e que xa lle facía regalos por Nadal moito antes de acadar ningún cargo político. Estes consultados lembran que ata os casos de corrupción vinculados a regalos a políticos dos últimos anos era habitual que cargos públicos admitisen agasallos.

Nos listados de persoas agasalladas abondan cargos e ex-cargos da Xunta, de varios ministerios e concellos galegos; nos máis recentes proliferan políticos e técnicos de Madrid e Catalunya

O que permite comprobar o informe é que, con independencia de que os políticos devolvesen ou non os agasallos, nos anos seguintes López teimou en seguirllos enviando, de xeito que o listado de agasallados crece de xeito acumulativo ata 2013 con novos nomes que se incorporan aos preexistentes de anos anteriores. Así, por exemplo, tras o cambio de goberno en Galicia en 2009 desaparecen dos listados de agasallos algúns dos gobernantes saíntes e aparecen novos cargos. Asemade, nos listados máis recentes proliferan, xunto aos galegos, cargos políticos e técnicos de Madrid e Catalunya.

Aínda que non establecen relación ningunha entre presentes e adxudicacións, os axentes de Vigilancia Aduanera detallan no seu informe os contratos asinados coas empresas do grupo Monbus polas diversas administracións ás que estaban vinculados os políticos e técnicos aos que López tentaba agasallar. Segundo o listado, o Ministerio de Fomento e as diversas entidades del dependente contrataron con Monbus por 71 millóns de euros entre 2008 e 2014, o resto da administración central do Estado (en particular o Ministerio de Defensa) fíxoo por 28,8 millóns, a Xunta por 23,7 millóns entre 2005 e 2014, a Comunidad de Madrid por 10,1 millóns, a Generalitat e outras administracións de Cataluña por 4,6 millóns entre 2006 e 2014, a Junta de Castilla-La Mancha por 3,7 millóns entre 2008 e 2014 e a Comunitat Valenciana por 0,8 millóns entre 2010 e 2012.

Sede de Monbús, no polígono da Louzaneta de Lugo © Google

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.