Feijóo atribúe á patronal o paro dos buses e admite “sorpresa” pola unidade de empresas e sindicatos

O presidente Feijóo, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

“É inadmisible por completo o que fixeron cos rapaces estes dous días, collelos como reféns para facer unha folga de transporte; non creo que os rapaces nin as familias galegas merezan ese trato; non creo que ningún galego mereza que os seus fillos non poidan ir a clase porque unha empresa ou unhas empresas teñan discusións económicas con unha administración; non creo que iso sexa razoable”. Así atribuíu este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ás empresas de autobuses o paro masivo do transporte por estrada nos dous primeiros días da folga convocada polos seus condutores. Preguntado directamente pola posibilidade de que a folga dos traballadores estea a ser en realidade tamén un “peche patronal”, dada a coincidencia de facto dos seus obxectivos, o presidente dixo que “para poder confirmar esa sospeita hai que ser prudente, pero que hai cousas raras nesa folga, é evidente”.

“É inadmisible coller os rapaces como reféns porque unhas empresas teñan discusións económicas con unha Administración”, salienta o presidente

A folga de condutores de todo tipo de autobuses iniciada o pasado martes e convocada polos sindicatos CIG, CCOO e UGT para todos os martes e mércores de xeito indefinido está a saldarse cun seguimento masivo e co incumprimento dos servizos mínimos, de xeito especialmente significativo no transporte escolar. Este xoves o presidente foi preguntado por ese paro, provocado pola intención da Xunta integrar a partir de agosto o transporte escolar cos servizos regulares en varias comarcas de Galicia, que tanto patronal como sindicatos aseguran que suporá unha redución de servizos e, con ela, de empresas e empregos.

Feijóo: "Un pode defender os galegos e ter discrepancias cunha empresa que defende a súa marxe económica e o seu beneficio, e ante iso hai un dereito constitucional que é o dereito á folga"

Un día despois de que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciase a apertura de expedientes ás empresas polo incumprimento dos servizos mínimos, este xoves Feijóo tamén puxo o foco especialmente na patronal, máis que nos traballadores. “Eu nunca vin unha absoluta falta de respecto e un incumprimento masivo dos servizos mínimos como nesta folga”, dixo, para engadir que “as empresas teñen dereito a defender o seu interese privado, o seu beneficio económico”, pero que a Xunta defende o interese xeral de todos os galegos. Feijóo mesmo falou do dereito de folga como un dereito das empresas e non só dos traballadores: “Por suposto que hai discrepancias, un pode defender os galegos e ter discrepancias cunha empresa que defende a súa marxe económica e o seu beneficio, e ante iso hai un dereito constitucional que é o dereito á folga, pero ese dereito constitucional á folga é tan importante, tan sagrado, como a obriga de cumprir os servizos mínimos”.

A decisión da Xunta de impulsar un novo sistema de transporte público que integre o escolar co regular prodúcese logo de que empresas de varias comarcas de Galicia decidisen renunciar ás súas concesións por considerar que perden cartos con ela pola súa baixa ocupación. Unha renuncia que se produce despois de que o Tribunal Supremo anulase unha previa prórroga por dez anos das concesións aprobada en 2010 pola Xunta. Neste contexto, Feijóo evidenciou este xoves como a Xunta non prevía unha resposta coincidente de patronal e sindicatos contra o seu plan: “É sorprendente que teñamos que buscar unha solución [o novo plan de integración] ante unha decisión das empresas de renunciar ás súas concesións; as empresas renunciaron a que os seus traballadores teñan traballo, e nós o que buscamos é que a pesar desa renuncia os traballadores sigan tendo traballo”, dixo.

Feijóo "garante" aos traballadores que "van manter os seus postos de traballo"

Na estratexia dos últimos días do Goberno galego de tentar dividir a unidade de facto de patronal e sindicatos, que estes negan, este xoves o presidente foi máis alá e comprometeu a súa propia palabra ante os traballadores fronte as empresas: “Nós lle garantimos aos traballadores do sector do transporte que van manter os seus postos de traballo, porque as empresas adxudicatarias [do novo sistema] terán que subrogarse”. Do mesmo xeito, Feijóo insistiu en que a Xunta non quere unha negociación simultánea a tres bandas con sindicatos e patronal, como pidan esas dúas partes, senón por separado. “Sorprendente que noutras folgas os sindicatos queiran falar a soas coa administración e neste caso só queiran facelo a tres bandas, cos empresarios tamén presentes”, dixo.

O PSdeG atribúe a orixe do conflito á decisión da Xunta de prorrogar as concesións en 2010, logo anulada polo Supremo, na que os socialistas se abstiveron

Por outra banda, este xoves o PSdeG reclamou a Feijóo que a folga teña “consecuencias” para a conselleira de Infraestruturas, á que ve “desbordada” pola súa “falta de previsión”. Segundo os socialistas, o desenlace actual era “previsible” e froito da “pasividade” durante anos do Goberno do PP, desde que en 2010 aprobou a prórroga das concesións logo anulada polo Supremo. Porén, daquel o PSdeG non votara en contra da medida senón que se abstivera.

Unha parada de autobús urbano de Santiago sen servizos nin usuarios nesta folga de condutores CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.