0 Gardados para despois

A folga de buses esténdese a todos os días da semana a partir do xoves 13

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Documentos relacionados

Os traballadores apoiaron masivamente este martes, na quinta xornada de paros, a ampliación dos mesmo

As asembleas de condutores de autobús convocadas a primeira hora deste martes nas principais estacións de Galicia decidiron de xeito masivo ampliar a folga que desde hai dúas semanas viñan mantendo os martes e mércores a todos os días da semana a partir do xoves día 13 deste mes de xullo. Isto é, a folga será continua a partir do próximo martes día 11. Así o acordaron malia os avances que os propios sindicatos admiten que se están a producir na súa negociación coa Xunta, pero mentres a patronal considera que pola súa parte aínda está “moi lonxe” un acordo. Unha ampliación da folga que se decide na que xa é, a xornada deste martes, a quinta de paros, novamente masivos en todo o sector.

Os sindicatos CIG, CCOO e UGT iniciaron a folga de condutores de autobús, que está a afectar de xeito maioritario a todo tipo de servizos (urbanos, interurbanos, escolares ou discrecionais), o pasado martes día 20 de xuño. Convocárona para reclamar á patronal a actualización do convenio colectivo e á Xunta que reformule o seu novo modelo de transporte para o rural, dous elementos que acabaron relacionándose entre si. Os traballadores din que o plan da Xunta de integrar as liñas de transporte escolar coas regulares suporá unha redución de servizos e, con eles, de empresas e empregos. Iso mesmo é o que considera a patronal, que engade a xeito de pescada que morde a cola que a indefinición do que lles suporá ese plan ás empresas impide que poidan mellorar as condicións dos traballadores. Unha coincidencia no obxectivo final de patronal e sindicatos, o de facer que a Xunta rectifique o seu plan, que fai que o Goberno galego sospeite que a folga estea a ser un paro patronal encuberto e tente dividir, de momento sen éxito, a traballadores e empresarios.

Os sindicatos avanzan na negociación coa Xunta pola subrogación dos postos pero os empresarios ven “moi lonxe” un acordo

Este luns, tras unha nova reunión dos sindicatos coa Xunta, as dúas partes salientaron que se seguían a producir avances na concreción por parte do Goberno galego da subrogación dos traballadores actuais por parte das empresas que resulten adxudicatarias do novo modelo de transporte, algo que non estaba reflectido expresamente no plan inicial. E este martes o Goberno galego fixo pública a cláusula que introducirá nos novos contratos de transporte para reflectir esa subrogación. Porén, os sindicatos din que esa subrogación non garante nada se o novo modelo de transporte non é rendible para as empresas adxudicatarias, xa que estas acabarían realizando despedimentos. E niso volven coincidir cos empresarios, que este luns vían “aínda moi lonxe” o seu acordo coa Xunta se esta non lles garante uns ingresos mínimos co novo sistema. E martes, nunha nova proba de que non lles custa chegar a acordos, sindicatos e patronal asinaron, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, a constitución dunha “mesa galega do sector do transporte de viaxeiros co obxectivo de acadar un acordo marco galego do sector” que inclúa unha “suba das táboas salariais” dos convenios do transporte e a “actualización das cláusulas de subrogación das persoas traballadoras”. Esa mesa terá a súa primeira reunión este xoves día 6.

Sindicatos e Xunta por unha banda, e sindicatos e patronal por outra, avanzan en acordos por escrito, o que non impide que a folga sexa ampliada e que as empresas sigan sen ver garantido o seu beneficio

Isto é, sindicatos e Xunta por unha banda, e sindicatos e patronal por outra, avanzan en acordos por escrito, o que non impide que a folga sexa ampliada e que as empresas sigan sen ver garantido o seu beneficio económico. Mentres, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, insiste en que o seu plan, agora xa distinto do inicial, é o único viable para garantir os postos de traballo e o transporte no rural.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.