Investigan un alcalde do PP por explotación de migrantes na súa empresa, adxudicataria do plan de buses da Xunta

José Luis Gavilanes, nunha imaxe de arquivo © Xunta

ACTUALIZACIÓN | Esta causa ficou arquivada en marzo de 2018

José Luis Gavilanes é alcalde do municipio ourensán de Xunqueira de Ambía dende 1979. Como moitos outros cargos do PP de Ourense ligados ao baltarismo antes de chegar ás filas do PP pasou por siglas como UCD, Coalición Galega ou Centristas de Galicia, o partido de Baltar pai que Fraga absorbeu, ata desembocar en Alianza Popular e na súa refundación. Con todas elas gobernou con amplas maiorías absolutas este pequeno concello de menos de 1.500 habitantes mentres, ao tempo, dirixía as súas empresas. A súa actividade empresarial xa derivara en problemas legais a comezos de século e neste 2017 volveuno facer, agora cunha investigación por presunta explotación de persoas migrantes que se produce mentres a súa compañía de autobuses é adxudicataria do novo plan de transporte da Xunta

Tal e como adiantaron a edición ourensá do Faro de Vigo e mais La Región, Gavilanes, o seu fillo Antonio -ex-presidente do Club Ourense Baloncesto- e a súa ex-muller -antiga presidenta do club de baloncesto Pabellón Ourense- foron trasladados o pasado luns á Comisaría da cidade para seren interrogados por axentes da Brigada de Estranxeiría pola presunta comisión de delitos contra os dereitos dos traballadores estranxeiros. O rexedor de Ambía nega que fose detido, pero si admite que tivo que dar contas ante a Policía pola súa relación e a da súa compañía de autobuses, Empresa Gavilanes, con tres persoas migrantes en situación administrativa irregular.

O rexedor de Xunqueira de Ambía nega que fose detido, pero admite que foi conducido á Comisaría de Ourense para ser interrogado

A investigación pon o foco, nomeadamente, nos labores de limpeza que supostamente realizaban para a empresa, na vivenda da familia e outros locais dúas persoas de orixe senegalesa e outra máis procedente de Colombia. Segundo a investigación, o alcalde e os seus parentes prometíanlles que ían ter un contrato laboral que nunca chegou e, mentres traballaron, a contraprestación non sería un soldo, senón compensacións en especie como aloxamento, roupa e comida. O caso deriva de pescudas policiais sobre matrimonios presuntamente irregulares entre persoas migrantes e outras de nacionalidade española.

A investigación a Gavilanes, ao seu fillo e á súa ex-muller atribúelles empregos non remunerados a tres persoas estranxeiras; o rexedor asegura que as acusacións non son certas

Os feitos que a Policía traslada agora aos xulgados son negados por Gavilanes, que se ve vítima dunha "trama". En declaracións a Faro de Vigo mantén que "nunca" tivo na súa empresa persoal en situación irregular e que os seus traballadores sempre estiveron "dados de alta". Alén de advertir que non foi detido, senón citado en Comisaría, o rexedor di estar "tranquilísimo" porque a única relación que o uniu a unha das persoas migrantes, un cidadán senegalés, foi de "beneficencia" ou "caridade", toda vez que lle "pagou" a estancia nun piso e lle proporcionou comida "unha morea de veces". Os axentes coidan que a relación da familia de Gavilanes con estas persoas puido chegar polo labor da súa ex-esposa como voluntaria en Cáritas, organización da que, segundo La Región, foi expulsada.

Estes feitos transcenderon nos días en que a Xunta está a anunciar as primeiras adxudicacións do seu novo plan de transporte por estrada, o mesmo que deu lugar á folga do sector que permanece suspendida. Na relación das primeiras 27 concesións do plan, feita pública o pasado mércores pola Consellería de Infraestruturas, figura unha concesión para Gavilanes, concretamente a da ruta do Eixo de Laza. A Empresa Gavilanes tamén vén prestando para a Administración galega servizos de transporte escolar e do transporte adaptado, este adxudicado pola antiga Consellería de Traballo e Benestar en tempos de Beatriz Mato, decisión que fora levada aos tribunais por outras empresas.

José Luis Gavilanes, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.