"A por todas". Así resumiu o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, o propósito das medidas anunciadas no seu discurso inaugural do debate de política xeral no Congreso, o primeiro dende 2015 e tamén o primeiro con el mesmo á fronte do Executivo central. Nun panorama marcado pola crise de prezos agudizada coa guerra da Ucraína e de evidente perda de pulso político do gabinete da coalición do PSOE e Unidas Podemos, o mandatario socialista afrontou a sesión con ansia de cambio de xeira e así o pretendeu facer ver tamén na concreción de medidas.
Sánchez di ser "plenamente consciente" do impacto da crise de prezos nos fogares e asegura estar en disposición de "deixar a pel" a prol da "maioría social"
Coa inflación roldando o 10% e os inquéritos apuntando non só a un ascenso da dereita, senón tamén -e se cadra, sobre todo- unha forte desmobilización da esquerda, Sánchez abriu o pleno asegurando ser "plenamente consciente" da situación e da súa tradución nas economías familiares. E por iso, argumentou, apostou por centrar o discurso en anunciar medidas concretas "a prol da maioría social" nas que di estar disposto a "deixar a pel".
Impostos extra ás enerxéticas e á banca
Veñen tempos nos que, advertiu, serán precisas accións de aforro enerxético tamén a nivel individual, nos fogares e empresas: "baixar a temperatura da calefacción ou subir a do aire acondicionado", exemplificou. Pero tamén meses nos que o seu Goberno vai poñer en marcha medidas de impacto para que, dixo, o impacto económico da situación internacional "non caia nas costas dos máis vulnerables", "como pasou na crise financeira" de hai unha década, a comezar por un imposto extraordinario ás "grandes empresas" eléctricas, gasistas e petroleiras que "gravará os beneficios extraordinarios" que obteñan estas compañías en 2022 e 2023. Permitirá, afirma, recadar uns 2.000 millóns en cada un destes exercicios.
Sánchez di estimar que o Estado recadará uns 7.000 millóns extra cos novos tributos "temporais" ás compañías enerxéticas e á banca
Na mesma liña, avanza Sánchez, irá outro novo tributo "excepcional e temporal ás grandes entidades financeiras, que xa se están empezando a beneficiar das subas dos tipos de xuro". Será tamén por dous anos e a intención é que o erario ingrese arredor de 1.500 millóns anuais. "Este goberno non vai tolerar que haxa empresas que se aproveiten da crise para amasar máis riqueza a expensas da maioría", asegura Sánchez sobre as medidas que, en conxunto, sumarían 7.000 millóns extra.
Bonificacións nos trens de media distancia e bolsa estudantil adicional
Outro dos principais anuncios do discurso de Sánchez está ligado ao transporte público e, ao tempo, á intención de diminuír o consumo de combustibles no vehículo privado. Dende o vindeiro 1 de setembro e -de entrada- ata o 31 de decembro, avanzou Sánchez, os "abonos para varias viaxes" de todos os trens de Media Distancia da Renfe serán de balde.
A medida tamén atinxe aos trens de proximidade, inexistentes en Galicia fóra das liñas da antiga Feve, de Ferrol á Mariña e cómpre, en calquera caso, agardar á súa publicación no BOE para coñecer a súa concreción exacta. Sánchez lígaa con outra acción incorporada ao segundo decreto de medidas fronte á crise de prezos, que abriu a porta á rebaixa do 30% nos abonos do transporte urbano e interurbano dependente de concellos e comunidades autónomas.
O presidente do Executivo central liga estes anuncios con outra das medidas que centrou o foco do seu discurso, unha bolsa adicional para todo o estudantado de 16 anos en diante que xa sexa bolseiro do Estado. De setembro a decembro, anuncia, recibirán "unha bolsa complementaria de 100 euros mensuais" co obxectivo de que "ningún mozo" deba "abandonar os seus estudos por necesidades económicas".
Sen saír do ámbito económico, Sánchez bosquexou outros plans como un novo deseño dos fondos da Política Agraria Común (PAC) procedentes da UE. Xunto con estes anuncios dirixidos ao conxunto do Estado, Sánchez realizou outros en clave local, caso dunha operación urbanística paca construír "ata 12.000 vivendas" en Madrid, o 60% "públicas".
Tras a intervención inaugural de Pedro Sánchez, o debate de política xeral no Congreso continúa na tarde deste martes coa intervención dos grupos parlamentarios por orde de representación a comezar polo PP, representado pola súa voceira, Cuca Gamarra. O xefe de filas do PP e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non pode intervir na sesión por non ser deputado, pero si segue o debate dende o hemiciclo -concretamente, dende o escano de Gamarra- pola súa condición de senador -por designación do Parlamento de Galicia-, toda vez que os membros do Senado si poden acudir a algúns dos principais plenos do Congreso.