O día que entrou en vigor a subvención de 20 céntimos por litro de combustible aprobado polo Goberno de España no marco das súas medidas para conter a crise de prezos, un litro de gasolina custaba en Galicia unha media de 1,83 euros e o gasoil roldaba os 1,88, segundo a base de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Dous meses despois, o litro de gasolina rolda os 1,95 euros unha vez aplicado o desconto e o prezo medio do gasoil está na contorna dos 1,89.
O día que entrou en vigor a subvención de 20 céntimos, o litro de gasolina custaba uns 1,83 euros en Galicia. Agora, co desconto incluído, rolda os 1,95
Sen atender a bonificación xeral, que o Executivo central vén de prorrogar ata finais de ano xunto con outras medidas contra a inflación como axudas a poboación en desemprego ou descontos no transporte público, o prezo medio tanto da gasolina como do gasoil finalizaron xuño en Galicia superando, de media, os dous euros por litro. Estes prezos -que tampouco inclúen as bonificacións sectoriais como as do transporte de mercadorías, por exemplo- rexístranse malia que a gasolina leva unhas dúas semanas baixando lixeiramente de prezo.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas e sempre segundo os datos oficiais, polo momento o pico no prezo medio da gasolina marcouno o pasado 17 de xuño, cando se aproximou aos 2,2 euros o litro e, polo tanto, estivo a piques de superar os 2 euros unha vez aplicado o desconto estatal. No caso do gasóleo, o lixeiro freo é máis recente e permitiu pechar o mes por baixo dos 1,9 euros o litro coa bonificación estatal (de media), o cal non sucedía dende mediados do mes pasado.
Ambos combustibles seguen, en calquera caso, moi por riba dos importes cos que comezaron o ano, cando os prezos xa comezaran a subir pero aínda non se dispararan de vez como efecto da invasión rusa na Ucraína e as sancións derivadas delas. A 1 de xaneiro, segundo a mesma fonte, un litro de gasolina custaba de media en Galicia arredor de 1,5 euros e o gasóleo non chegaba aos 1,4.
Prezo do petróleo e marxes das gasolineiras
A lixeira tendencia á baixa nos prezos medios das gasolinas prodúcese nun contexto no que a cotización do petróleo Brent, o de referencia en Europa, segue por riba dos 100 dólares o barril, aínda que nun escenario de certa relaxación nas súas subas. Non en van, nos primeiros días tras a invasión da Ucraína chegou a aproximarse aos 130 dólares e a principios de xuño superou os 120, mentres que actualmente está arredor dos 110. A principios de ano, non obstante, non chegaba aos 80.
Competencia di estar a vixiar se as gasolineiras están a incrementar as súas marxes de negocio en plena espiral inflacionista
Todo isto sucede nun contexto no que a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) comezou a recear das prácticas dalgunhas gasolineiras no marco da espiral inflacionista. A presidenta do organismo supervisor, Cani Fernández, asegurou recentemente nunha conferencia que o ente está a investigar se algunhas destas empresas están a absorber integramente a bonificación estatal sen trasladala á clientela e así incrementando as marxes do seu negocio. As que incorran nesta práctica, advertiu, non poderán beneficiarse da bonificación.
As subas nos prezos dos combustibles son clave para entender o forte incremento da inflación nos últimos meses. Atendendo aos datos consolidados -os coñecidos esta semana son provisionais-, os prezos escalan en Galicia a un ritmo que rolda o 10% interanual.