Sete de cada dez fogares galegos con dereito ao bono social eléctrico non o reciben

Lámpada nunha vivenda CC-BY-SA Pierre Châtel-Innocenti

No pasado 2023, marcado dende a macroeconomía ata as economías domésticas pola suba xeral dos prezos, a poboación galega que non puido pagar por ter a casa á temperatura axeitada foi a maior en quince anos. A porcentaxe, segundo a Enquisa de Condicións de Vida do INE, elevouse ata o 21,5%. Isto é, algo máis dunha de cada cinco persoas non podían afrontar as facturas eléctricas ou de gas que implica poñer a calefacción cando cómpre.

O pasado ano rematou coa maior porcentaxe de fogares galegos en quince anos que non puido pagar por manter a casa a unha temperatura axeitada

Esa realidade convive coa existencia do bono social eléctrico, unha axuda implantada con fórmulas diversas dende 2009, que dende 2017 foi adquirindo unhas características semellantes ás actuais e que o Goberno de España estendeu no marco das súas medidas para afrontar as crises económicas derivadas da COVID e da guerra en Ucraína. Ese bono social é un desconto de entre o 25% e o 80% na factura da luz e, no total estatal, beneficiou algo máis dun millón e medio de persoas. Non obstante, son moitas menos das que poderían recibilo. No caso galego, en torno a sete de cada dez potenciais beneficiarios non o teñen.

Unha torre de alta tensión nunha localidade galega e fragmento dunha factura da luz CC-BY-SA Foto: Juantiagues | Montaxe: Praza.gal

Esta é unha das principais conclusións do informe ¿Llega el bono social eléctrico a quien lo necesita?, un traballo de EsadeEcPol xunto a Oxfam Intermón elaborado por Natalia Collado e Ángel Martínez. Como informa Noelia Acedo para infoLibre, o traballo mide por primeira vez as taxas de cobertura desta axuda apoiándose nunha pregunta da devandita Enquisa de Condicións de Vida do INE, xunto ás características que definen o perfil socioeconómico de cada fogar.

Un informe de EsadeEcPol e Oxfam Intermón calcula que apenas o 28,2% de potenciaias beneficiarios do bono social en Galicia están a recibilo. Na media estatal non chega ao 25%

Entre as conclusións destaca que o bono -con vixencia de dous anos dende que é concedido- vai ampliando a súa cobertura dende o 2020, o primeiro ano completo atinxido pola pandemia. Pero, así e todo, apenas chega a unha cuarta parte de potenciais beneficiarios. Concretamente, un 24,5% na media estatal que en Galicia foi no 2022 un chisco superior, o 28,2%

As diferenzas territoriais na cobertura do bono son notables, pero aínda o son máis aplicando variables socioeconómicas. Así, chega ata o 45,5% no caso das familias numerosas, mentres foi só do 20% para a categoría de renda baixa e de apenas o 9,2% para persoas xubiladas con pensión mínima.

Aínda que dous de cada tres beneficiarios do bono eléctrico eran de renda baixa nese ano, un de cada tres non o era. Aínda máis: entre as familias numerosas de ingreso medio-alto, máis do 60% recibe o bono, e apenas o 40% as de baixo. Se en 2022 chegaba ao 20% dos fogares monoparentais, a porcentaxe elévase até o 32% nos que contaban con dous proxenitores; as familias con todos os membros nados en España logran o dobre das que tiñan algún nado fóra, 27% fronte ao 13%; e a distancia entre quen teñen vivenda en alugueiro e os propietarios era de 19% e 27%, respectivamente.

No referido á variable territorial, a cobertura do bono social eléctrico vai aumentando en todas as autonomías. Non obstante, salienta o informe, "a relación entre a incidencia da pobreza enerxética e a cobertura" da axuda "non é sempre directa, o que suxire que outros factores poden estar a influír na distribución" do subsidio, que depende directamente do Goberno de España, sen intervención autonómica.

Neste sentido, o traballo indica que factores como "a composición da poboación e o mercado laboral das distintas autonomías" poden ser parte da explicación. "Unha menor porcentaxe de poboación con estudos superiores, maior poboación estranxeira  ou unha maior especialización da economía no sector primario poden estar a influír na cantidade de fogares elixibles que reciben o bono", reflexionan.

Radiador nunha vivenda CC-BY-SA Julian Hochgesang / Unsplash

Con estes datos na man, tanto a entidade autora do informe como outras persoas expertas na materia veñen avisando dende hai tempo da necesidade de mellorar o deseño no bono social eléctrico e térmico para ampliar o seu alcance e multiplicar a súa eficacia. Nesta liña, o documento formula vías de mellora partindo dun cálculo segundo o cal as arredor de 1,6 millóns de persoas beneficiarias poderían roldar os 5 no total estatal.

O informe aposta por simplificar trámites e introducir variables de renda para as familias numerosas, as máis beneficiadas pola medida

En primeiro termo avogan por "reducir na medida do posible barreiras de entrada". Neste sentido, aluden a que moitos fogares descoñecen que teñen dereito á prestación e, mesmo se son conscientes dela, deben afrontar un complexo proceso de solicitude. 

Xunto a facilitar e reducir os trámites, tamén cren preciso introducir criterios de renda máxima para as familias numerosas. Tamén apostan por usar " políticas fiscais máis efectivas e unificadas, como impostos negativos sobre a renda" que permitan abordar a longo prazo "as situacións de pobreza de forma integral, con información fiable e menos trámites administrativos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.