Co recibo da luz no importe máis alto dos dous últimos anos e medio e co Goberno central encetando a gran reforma do mercado eléctrico para lograr baixalo algo. Así entrou en vigor este pasado martes a nova factura eléctrica por tramos horarios, un novo sistema tan debatido como debatible, con críticas da oposición e de varias asociacións de consumidores e a defensa por parte do Goberno central.
A nova factura por tramos horarios chega co recibo da luz no importe máis alto dos últimos anos e co Goberno central encetando a reforma do mercado eléctrico
A vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, defendeu a nova factura da luz tras advertir de "cousas e memes nas redes sociais que non son certas". "Eu non recomendaría a miña nai erguerse ás dúas da mañá para pasar o ferro", dixo en alusión a chamativos titulares e apuradas análises tras defender que no novo sistema "hai toda unha variedade con tarifas moi rendibles" e que busca que o importe final do recibo dependa máis do cando que do canto.
No caso dos consumidores --a maioría en España, uns 19 millóns-- acollidos ao mercado regulado (PVPC), as comercializadoras aplícanlles os novos importes cos tramos horarios implantados. Aos consumidores no mercado libre, as empresas enerxéticas adaptaranlles o prezo do contrato para incorporar as diferenzas, ou adaptándoo aos novos tramos ou mantendo os que se acordaran previamente e incorporando a diferenza de custos.
O evidente é que co novo sistema o prezo da electricidade é moito máis caro nos períodos punta (de 10 a 14 horas e de 18 a 22), pero máis asequible nos períodos val (de 0 a 8 horas) e nos chan (de 8 a 10, de 14 a 18 e de 22 ás 0 horas). Así, o importe do Kwh non superou os 11,6 céntimos entre as doce da noite e as oito da mañá deste pasado martes --primeiro día co novo sistema--, mentres que no pasado luns roldou os 16,5 no mesmo período.
O prezo da electricidade é moito máis caro nos períodos punta pero máis asequible nos val e nos chan
Entre as oito e as dez da mañá, o martes situouse entre 15,3 e 15,1 céntimos fronte aos 16,4 e 15,9 do luns, mentres que entre 14 e 18 a media foi de 13,5 céntimos polos 14,9 do 31 de maio. A gran diferenza atópase nos períodos punta: dos 23,9 e 24,12 céntimos de media entre 10 e 14 horas e 18 e 22 horas aos 15,6 neses dous mesmos tramos co anterior sistema. A vantaxe, nas fins de semana, onde o importe sitúase no tramo mínimo a todas as horas.
O obxectivo do Executivo central é "incentivar o traslado do consumo eléctrico desde as horas de máxima demanda eléctrica (horas punta) a outras nas que as redes de transporte e distribución se atopan menos saturadas (horas val), o que reducirá a necesidade de levar a cabo novos investimentos nas devanditas infraestruturas".
A ministra Ribera asegura que "en efecto promedio" a nova tarifa "producirá unha redución sen tomar medida ningunha" e aclara que de sermos "coidadosos" cun consumo nos períodos chan e val o aforro será maior, mentres que o consumo nos outros tramos farán a factura máis "cara".
"O novo sistema faranos mudar hábitos e establecer medidas de aforro, pero non partimos dun costume de aforrar nin dunha educación enerxética ambiental"
Rosa Regueiro, doutora en Economía, profesora de Economía Aplicada na USC e experta en enerxía, cre que o cambio de tarifa "pode axudar en algo, mesmo a aforrar, pero con moito sacrificio".
"Lévanos a mudar hábitos e a establecer medidas de aforro enerxético necesarias, pero nin en Galicia nin en España partimos dun costume de aforro nin dunha educación enerxética ambiental", explica que considera que o novo sistema por tramos horarios "non será doado", en especial para "persoas maiores".
Ademais, insta a ter "moi estudada" a potencia precisa para cada fogar, unha variable pola que moitas veces se producen importes elevados de máis: "Se non é a axeitada non terei un bo subministro, pero ter por riba do necesario supón elevar moito a factura". Co novo sistema, ademais, hai a posibilidade de contratar unha potencia para o período punta e outro para o val e conseguir así un aforro.
Con todo, Regueiro asegura que "o preocupante" é que siga "sen tocarse a cerna do problema, que é o sistema de fixación de prezos do kilovatio en España". "Mentres non se poida imputar de forma proporcional o custo de cada enerxía, seguiremos alcanzando picos ata importes inasumibles", explica quen advirte do "altamente dependente" que o mercado enerxético español é dos mercados internacionais e de calquera tensión exterior.
"O preocupante"é que siga sen tocarse a cerna do problema, que é o sistema de fixación de prezos do kilovatio en España"
Porque, tal e como destacou a ministra Ribera, a mudanza á tarifa por tramos horarios afecta nun 30% ao importe da factura final, pero boa parte do resto do recibo depende do mercado eléctrico, alén dos impostos: a electricidade é dos poucos servizos universais cun imposto específico en España, cun tipo do 5,11%, e aplícaselle un IVE do 21%, maior que en Francia, Alemaña, Reino Unido ou Italia.
Demasiadas derivadas pero un sistema de fixación de prezos que provoca que a factura estea nesta altura nos seus prezos máis elevados dos últimos anos e que saia bastante máis cara que hai un ano, máis aló das horas idóneas para pasar o ferro, poñer a lavadora ou acender a vitrocerámica.
Hai varias causas. A principal a tal hora, o alto prezo dos dereitos de emisión de CO2, que son adquiridos polas empresas eléctricas para sufragar as emisións contaminantes das súas centrais térmicas e de gas, polo que logo son trasladados ao prezo da electricidade ao casar as súas ofertas no mercado. Nun ano, o prezo do CO2 pasou dos 19 a máis de 50 euros por tonelada, un importante incremento que acaba aumentando tamén os recibos de cada casa.
O alto prezo dos dereitos de emisión de CO2, que pasou nun ano de 19 euros por tonelada a máis de 50, provoca que a factura da luz subise a niveis récord
En España, o prezo da enerxía queda determinado polo último megavatio (MWh) que entra no mercado e este adoita vir das centrais de ciclo combinado, alimentadas por gas e suxeitas ao imposto ao CO2. Este sistema provoca que se eleve o prezo total da electricidade subministrada a particulares e empresas, máis alá da procedencia desta. Ademais, son as enerxías máis baratas --normalmente as renovables-- as que primeiro entran no mercado, seguidas da nuclear e do ciclo combinado e do carbón, que acaban determinando o importe sendo as máis caras.
O perverso sistema, que segue sen tocarse, si busca ser atenuado por algunha medida que o Goberno central vén de poñer en marcha. O pasado martes, o Consello de Ministros iniciou a tramitación dun anteproxecto de lei para reducir os denominados beneficios caídos do ceo das centrais nucleares e hidráulicas. Suporán un recorte duns 1.000 millóns de euros na retribución que reciben as eléctricas --que xa se queixaron e sufriron duras caídas na Bolsa-- e que busca abaratar ata un 5% a factura da luz dos consumidores.
A creación do mercado de emisións en 2005 propiciou que a hidráulica e as centrais nucleares --que non emiten CO2-- repercutisen no consumidor custos que en realidade non tiveran ao xerar electricidade. Xa que logo, a reforma impulsada impedirá ás empresas que se lucren cobrando o custo dos dereitos de emisión de CO2 mentres xeran enerxía sen emitir estes gases.
Este recorte duns 1.000 millóns ás enerxéticas permitirá destinar 100 deles a financiar o bono social, sobre todo para os consumidores vulnerables severos (uns 600.000). Os outros 900 financiarán, principalmente, proxectos para potenciar as enerxías renovables.
A reforma do mercado eléctrico que inicia o Goberno central prevé baixar a factura da luz un 15% nos vindeiros cinco anos
Outra das medidas que chega da man desta é o Fondo Nacional para a Sustentabilidade do Sistema Eléctrico, co que o Goberno central prevé sacar da tarifa eléctrica o custo das primas renovables máis antigas, arredor de 6.500 millóns de euros ao ano, e repartilo en todos os sectores enerxéticos. O obxectivo é abaratar o recibo aos consumidores un 15% en cinco anos porque a aplicación deste fondo verde será gradual ata daquela.
Un parche que reducirá algo, pero non tanto, o importe dunha factura que seguirá sendo alta en determinadas etapas, aquelas influenciadas polos elevados prezos dos dereitos de emisión, o arrevesado sistema para fixar o prezo do Kwh ou as tensións internacionais, como ocorre neste momento. O peor, seguramente, para intentar explicar á vez a suba no recibo da luz e que poñer a lavadora ás 9 da noite pode custar o dobre que facelo ás 4 da tarde.