Feijóo desoe os consellos da UE contra a pobreza enerxética e culpa o BNG da suba da luz

Feijóo, nun intre do pleno © Xoán Crespo

Non hai moito que a pobreza enerxética está, como tal, na axenda política de Galicia. No entanto, nalgúns puntos do Estado e, sobre todo, do resto da Unión Europea, hai tempo que se están a abordar as dificultades para facerlle fronte aos gastos para prender a luz e, sobre todo, para manter quente a casa durante o inverno. Nesta liña, en novembro de 2013 o Comité Económico e Social e Europeo, organismo consultivo de referencia da UE, emitía un completo diagnóstico sobre a cuestión e propuña medidas concretas, entre as que destacaba a recomendación de aplicar as denominadas "treguas invernais", isto é, a prohibición de que as compañías de enerxía corten o subministro por falta de pagamento nos meses de máis frío. Neste contexto a Xunta aposta por outro camiño, o das axudas parciais.

Como avanzou Praza Pública, o pasado febreiro o Goberno xa anunciara a través dunha resposta parlamentaria que estaba "estudando a posibilidade de habilitara lgunha axuda en concepto de subsidio eléctrico e social", xa que era "consciente" de que en Galicia "existen persoas que viven en fogares con pobreza enerxética". Non obstante, non o ía facer ata que o Goberno central definise "claramente os parámetros que van ser necesarios cumprir para que un consumidor eléctrico teña a consideracón de consumidor vulnerable".

A Xunta segue a desbotar as treguas invernais e ratifícase nas axudas parciais a familias que ingresen menos de 530 euros ao mes

Case dous meses despois daquela resposta o tema volveu ao Parlamento da man do BNG, que a través de Francisco Jorquera cuestionou o presidente da Xunta a respecto dos seus plans "concretos" para paliar a pobreza enerxética. "Prohíba os cortes ás persoas en pobreza enerxética ou que a Xunta se faga cargo" do pagamento dos seus recibos, instou o nacionalista. Neste punto, Feijóo profundou un chisco máis no que xa avanzara por escrito a Consellería de Economía e Industria. "As familias que teñan ingresos inferiores ao Iprem -532,51 euros ao mes- e cargas familiares" van ter "unha rebaixa" no seu recibo da luz "financiada pola Xunta". 

A culpa foi do BNG

Á marxe deste anuncio e da súa concreción a resposta do presidente á petición de explicacións transcorreu polos vieiros habituais neste tipo de sesións, con Feijóo instando a oposición a render contas. Neste caso, o xefe do Executivo adxudícalle ao Bloque a responsabilidade das subas da factura da luz na década pasada e do consabido déficit tarifario do Estado español. "A luz en España subía un 77% co Goberno bipartito en Galicia e con vostede nas Cortes Xerais", espetoulle a Jorquera, a quen acusa de "ocultarlles aos galegos" que o problema da suba da luz vén "da frívola política eléctrica que vostedes apoiaron".

Jorquera: "Os problemas do sector eléctrico parten dunha lei de Aznar"

"Vou facer unha confesión; admito que como ministro de Industria cometín importantes erros", ironizou Jorquera antes de adveritr de que "os problemas do sector eléctrico", déficit incluído, parten "dunha lei eléctrica do período Aznar" elaborada "á medida das grandes eléctricas". O Bloque, asegura, "denunciouno" e, ao tempo, propuxo medidas como unha tarifa eléctrica galega acorde co carácter "excedentario na produción de electricidade" que ten o país. "Nós defendemos os intereses de Galicia" e a de Jorquera é a posición da "frivolidade", mantén o presidente.

Feijóo, nun intre do pleno © Xoán Crespo
Jorquera diríxese ao presidente CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.