Así é a nova factura eléctrica con tramos horarios: luz máis barata á noite e na fin de semana

Detalle dunha factura da luz, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

Desde o vindeiro 1 de xuño, todos os consumidores eléctricos con contrato no mercado regulado recibirán unha nova factura da luz e asumirán un novo modo de consumo tras a implantación da discriminación horaria e de tres tramos con importantes diferenzas de prezo

Desde o vindeiro 1 de xuño, haberá tres tramos horarios de consumo eléctrico con importantes diferenzas de prezo

Co obxectivo de "fomentar o aforro enerxético, a eficiencia, o autoconsumo e o despregamento do vehículo eléctrico", o Ministerio de Transición Ecolóxica fixa tres períodos diarios para os consumidores domésticos --a inmensa maioría: aqueles conectados en baixa tensión con potencia contratada ata 15 kW-- con prezos diferenciados por tramos: punta, chan e val

O período punta, co prezo más elevado, irá desde as 10 da mañá ata as 14 horas e das 18 horas da tarde ás 22 da noite, de luns a venres non festivos. O período de chan, cun custo intermedio e menos caro, irá das 8 ás 10 da mañá, de 14 a 18 horas da tarde e de 22 á medianoite. Pola súa banda, a tarifa val, cun prezo reducido, comprenderá as horas nocturnas, das 0 ás 8 horas, ademais de todas as horas do sábado, o domingo e os festivos, onde se aplicará a tarifa máis reducida. 

Deste xeito, a facturación de peaxes e cargos reducirase para os consumidores que ata agora non tiñan discriminación horaria (uns 19 millóns no conxunto de España), mentres que aumentará para aqueles que xa estaban acollidos á discriminación (uns 10 millóns) e que tiñan xa un prezo moito máis barato. 

O tramo co prezo máis elevado vai das 10 ás 14 e das 18 ás 22; o intermedio, de 8 a 10, de 14 a 18 e de 22 á medianoite; o máis barato, ata as 8 da mañá

Agora, no caso dos consumidores acollidos ao PVPC (prezo voluntario para o pequeno comsumidor), as comercializadoras aplicaranlle os novos importes cos tramos horarios indicados, mentres que no caso dos consumidores no mercado libre, as empresas enerxéticas deberán adaptar o prezo do contrato para incorporar as diferenzas, ben sexa adaptando o prezo do contrato aos novos tramos ou manter os tramos que se acordarn privamente trasladando ao prezo a diferenza de custos para o seu perfil. 

Segundo a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), e no caso de que o consumidor non estea acollido a ningunha discriminación horaria, a factura para un consumidor medio cunha potencia contratada inferior a 10kW reduciríase, aproximadamente, en 17 euros anuais antes de impostos. Para aqueles con potencia contratada entre 10 e 15 kW, sobre 200 euros anuais

O Goberno central aclara que esta nova estrutura tarifaria pretende "incentivar o traslado do consumo eléctrico desde as horas de máxima demanda eléctrica (horas punta) a outras nas que as redes de transporte e distribución se atopan menos saturadas (horas val), o que reducirá a necesidade de levar a cabo novos investimentos nas devanditas infraestruturas". Xa que logo, tentar que se desprace o uso lavavadoras, acumuladores ou lavavaixelas, por exemplo, a períodos con menor requirimento enerxético. 

"Redunda en menores custos para os consumidores, xa que son eles os que sufragan este tipo de infraestruturas a través da factura eléctrica, e evita os inconvenientes medioambientais deste tipo de instalacións", di o Ministerio, que advirte do "maior aforro" na factura que acadarán as persoas que trasladen o seu consumo cara ás horas chan e val

Unha persoa activa unha lavadora Dominio Público Praza Pública / Cedida

Con esta medida, o Estado busca tamén aumentar o consumo de electricidade en detrimento do consumo de enerxía proceente de combustibles fósiles e facilitar a transición a unha economía baixa en emisións. 

Desde o 1 de xuño, os consumidores domésticos poderán contratar dúas potencias diferentes para os diferentes tramos horarios

Ademais, e noutra novidade importante, desde o 1 de xuño, os consumidores domésticos poderán contratar dúas potencias diferentes: unha para os períodos punta e chan e outra para o período val. Esta posibilidade diríxese, fundamentalmente, a aqueles consumidores que precisen dunha potencia máis elevada nos períodos val, como os que desexen cargar ou seu coche ou moto eléctrica pola noite na súa casa. 

Neste caso, a clave é saber cantos kilovatios se precisan ao longo do día nunha casa, resposta que de pode coñecer a través da web de cada distribuidora --en Galicia a maioritaria e Unión Fenosa Distribución-- comprobando cal é a potencia máxima empregada. Pódese facer introducindo o CUPS (Código Universal do Punto de Subministro) de cada contra e que se pode consultar en cada factura. 

Ademais, desde o Ministerio de Transición Ecolóxica imponse tamén ás compañías eléctricas que acheguen máis información nos recibos. Nos usuarios con PVPC, adaptarase a factura ás peaxes futuras, simplificarase o contido para mellorar a coprensión e achegará datos sobre as potencias máximas que cada consumidor demanda en cada un dos períodos horarios no último ano. Tamén incluirá un código QR para acceder ao comparador de ofertas de enerxía na web da CNMC e poder así "atopar alternativas contratuais vantaxosas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.