As eléctricas comezan a subir o recibo da luz en Galicia en compensación por pagaren impostos

Factura co suplemento xa incorporado e explicación que as eléctricas están a remitir á clientela CC-BY-SA Praza Pública

A clientela galega xa está a recibir facturas incrementadas en algo máis dun euro ao mes polos “suplementos territoriais” cos que o Goberno de Rajoy decidiu compensalas polos impostos da Xunta que tiveron que pagar en 2013

As compañías eléctricas están a remitir xa á súa clientela en Galicia facturas correspondentes a este mes de outubro nas que comezan a aplicar unha suba media de algo máis dun euro, cun novo concepto identificado como “suplemento territorial”, coa que compensarse a si mesmas impostos ambientais autonómicos que tiveron que pagar en 2013. Segundo as estimacións do ministerio, a compensación en Galicia, para un consumidor medio cunha factura anual duns 600 euros será de arredor de 16 euros nun ano, algo máis dun euro ao mes.

Son as consecuencias derivadas dunha sentenza do Tribunal Supremo de 2017, cuxa execución práctica foise adiando ata agora, que determinaba que as compañías poderían aplicar un "suplemento territorial" á factura da luz para repercutir nela o custo dos tributos específicos mediambientais que se fixaran nas diferentes comunidades autónomas, entre elas Galicia. Dábase vía libre para que as eléctricas recuperasen estes gravames mentres estivo en vigor o decreto-lei de estabilidade orzamentaria aprobado por Rajoy en 2012. Aquel decreto fixaba como obrigatoria a posibilidade de recuperación deses impostos por parte das compañías aberta pola Lei do sector eléctrico, que permitía incorporar suplementos territoriais aos consumidores de autonomías con recargos sobre os tributos estatais. Era un risco do que advertía a oposición e que o Goberno galego negaba ou non quería crer.

En vigor durante todo aquel ano 2013, aquela posibilidade convertida en obriga non se chegou a aplicar e a finais de ano outra lei para o sector botou por terra todo o anterior, pero as compañías eléctricas acudiron ao Tribunal Supremo, que lles recoñeceu o dereito a cobrar o que deixaran de ingresar durante 2013.

Contía das compensacións ás eléctricas que se cargarán sobre os recibos da luz, na primeira estimación divulgada polo Ministerio CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta demorouse ao facilitar os datos dos seus impostos e quedou fóra das primeiras tandas de cobro desa compensación, pero agora finalmente chegan tamén aquí as subas. Con elas as empresas eléctricas recuperarán o que en 2013 pagaron ao Goberno galego polo canon eólico, o canon de saneamento, o imposto sobre contaminación atmosférica (ecotaxa) e o imposto sobre dano medio ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga en encoros. En total, uns 40 millóns de euros.

As empresas son compensadas, no caso galego, por tributos como o canon eólico ou o imposto sobre o dano medioambiental dos encoros

Segundo informou no seu momento o ministerio, unha vez aplicados todos os criterios que marca a normativa, a compensación traducirase en Galicia, a comunidade na que máis se notará, para unha "factura media anual dun consumidor doméstico" que estea contorna dos 600 euros, nun incremento duns 15,75 euros, uns 1,32 euros ao mes. 

Agora as eléctricas están a acompañar as súas facturas cunha carta na que explican á clientela que “no ano 2013 a normativa contemplaba que no caso de que [as súas] actividades eléctricas fosen gravadas con tributos de carácter autonómico, á peaxe de acceso se lle incluiría un suplemento territorial para os consumidores desa Comunidade Autónoma, se ben dito suplemento non se chegou a aprobar polo Goberno”. 

As eléctricas sinalan que tras ver recoñecido polo Supremo o dereito a cobrar ese suplemento, o Goberno central concretou as contías e agora cada comercializadora “vai proceder a regularizar as cantidades” aplicando ese suplemento “en próximas facturas, sobre os consumos que realizou no ano 2013”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.