- HEMEROTECA | O gasto dos fogares galegos no recibo da luz disparouse un 60% na última década
- O BNG censura que a Xunta "mentise" coa suba da luz: "Grazas ao PP, pagaremos a factura máis cara do Estado"
A inminente suba da luz en Galicia para compensar as principais compañías eléctricas por pagaren impostos adicionais no ano 2013 xa ten cifras, e as galegas son as máis avultadas do Estado. O incremento roldará os 16 euros durante un ano, segundo calcula o novo Ministerio para a Transición Ecolóxica, obrigado polo Tribunal Supremo a culminar un incremento no recibo eléctrico que ten a súa orixe en varias decisións do Goberno de Rajoy recorridas polos xigantes do sector ante os tribunais.
Como veu informando Praza.gal, un dos primeiros paquetes de recortes aplicados polo Executivo central do PP en 2012 para "garantir a estabilidade orzamentaria e o fomento da competitividade" converteu en en "obrigatorios" os "suplementos territoriais" no recibo da luz. Isto é, un recargo adicional naquelas comunidades autónomas que aplicasen impostos propios ao abeiro da lei do sector eléctrico do ano 2007. No caso galego estes tributos son o canon de saneamento, o imposto sobre contaminación atmosférica, o imposto sobre o dano medioambiental dos encoros e, sobre todo, o canon eólico creado pola Xunta tras a chegada de Alberto Núñez Feijóo ao poder.
O Goberno de Rajoy mantivo como obrigatorios estes "suplementos territoriais" durante o ano 2013, pero nunca foron cobrados; as eléctricas acudiron aos tribunais e o Supremo deulles a razón
Esta obrigatoriedade foi eliminada apenas un ano despois na nova lei do sector eléctrico e ademais, en 2015, o Tribunal Constitucional considerouna contraria á Carta Magna española. No entanto, o precepto estivera en vigor durante o ano 2013, pero o Goberno central non aplicou nese ano a compensación ás eléctricas polos impostos autonómicos. Varias delas, encabezadas por Gas Natural Fenosa, acudiron á Xustiza e o Tribunal Supremo deulles a razón en 2014. O pasado abril o alto tribunal emitiu un novo auto instando o antigo Ministerio de Enerxía a aplicar xa a suba, á que a Xunta se negara en diversas declaracións políticas.
As empresas son compensadas, no caso galego, por tributos como o canon eólico ou o imposto sobre o dano medioambiental dos encoros
Dado que, segundo advertiu o Supremo, os responsables do Ministerio poderían ter que asumir consecuencias legais en primeira persoa, o departamento agora dirixido por Teresa Ribera iniciou xa o trámite da orde para "executar integramente as sentenzas". O documento, en trámite de información pública ata finais de agosto, detalla que os gobernos autonómicos xa coñecen o "impacto económico" que esta situación terá "na factura dos consumidores" e que, no caso da Xunta, a Consellería responsable "achegou información" sobre o cobrado polos devanditos impostos.
A suba galega é a máis avultada do Estado
Con esta información sobre a mesa o Ministerio conclúe que o recadado pola Xunta cos impostos ás eléctricas noa no 2013 ascendeu a 34,7 millóns de euros, aos que cómpre engadir 2,97 millóns máis en concepto de xuros polo atraso en compensalas. Resultan así 37,7 millóns de euros, o maior importe do Estado, só semellante ao de Castilla y León, que quedou en 31,2 millóns. Unha vez aplicados todos os criterios que marca a normativa o Ministerio calcula que nunha "factura media anual dun consumidor doméstico", na contorna dos 600 euros, o recargo ascenderá a 15,75 euros para a poboación galega, uns 1,32 euros ao mes.
Neste contexto, o Ministerio admite que a vaga expansiva destas sentenzas xudiciais será diferente en función do punto do Estado que se trate e que, daquela, "os consumidores terán que soportar distinto custo na súa factura en función da comunidade autónoma na que se atopen". Así e todo, matiza, "o impacto será moi reducido" porque está "acoutado no tempo", xa que "a medida só afectou ao ano 2013". As forzas da oposición galega viñeran advertindo de que este incremento se ía producir, mentres que a Xunta se limitou durante meses a reiterar que non compartía a medida e que por iso a recorría.