A inflación da tortilla muda de bando: ovos un 21% máis caros mentres o aceite segue a baixar

Unha tortilla de pataca CC-BY-SA blackieshoot

O prezo do aceite descende en Galicia un 33% interanual apenas ano e medio despois de aumentar a un ritmo próximo ao 50%

A crise de prezos iniciada tras as peores restricións pola pandemia da COVID e agudizada entre os efectos da invasión rusa de Ucraína en 2022 e as sancións que trouxo consigo tivo entre as súas repercusións máis tanxibles o encarecemento dos alimentos. A cesta da compra disparouse a ritmos descoñecidos, nalgúns casos agudizados por circunstancias non directamente vinculadas cos devanditos acontecementos.

Así sucedeu, por exemplo, co aceite de oliva. Este produto disparou os seus custos de vez entre 2022 e 2024 por múltiplas causas amplificadadas polas malas colleitas que provocaron as secas nas zonas produtoras. Pero dende hai algo máis dun ano a evolución dos prezos do aceite deu a volta e entrou en terreo negativo. Case ao mesmo tempo a inflación mudou de bando na tortilla e comezou a atinxir en maior medida a outro alimento básico e ingrediente fundamental nese prato: os ovos, agora aínda máis no foco a causa da gripe aviaria.

Como amosan os datos do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) do INE para Galicia, o pasado outubro o aceite era no noso país en torno a un 33% máis barato que un ano antes. Unha caída significativa que o é aínda máis tendo en conta que apenas ano e medio antes, en abril de 2024, o prezo do aceite estaba disparado a un ritmo próximo ao 50% interanual.

O incremento do custo dos ovos multiplicouse por sete dende principios de ano

Nestes anos de crise inflacionaria os ovos tamén experimentaron incrementos significativos anteriormente, con subas na contorna do 30% en 2022. No entanto, ao longo de 2024 os seus prezos permaneceron moi estables, con aumentos moi cativos no IPC galego. 

Pero esta tendencia mudou a comezos de ano. Se en xaneiro o IPC dos ovos estaba arredor do 3% interanual, en outubro xa se multiplicara amplamente por sete e chegara ao 21,5%. Alén dos devanditos aumentos de 2022, hai que remontarse máis dunha década, a 2012, para atopar un incremento tan significativo.

Galiñas ao aire libre nunha explotación, nunha imaxe de arquivo © MAPA

Esta suba do prezo dos ovos prodúcese mentres aumentan as medidas para tentar conter a gripe aviaria. Dende a pasada semana o Ministerio de Agricultura ten decretado o confinamento de todas as aves de curral criadas ao aire libre polo "claro risco de contaxio" da doenza a causa da migración de aves silvestres dende o centro e o norte de Europa, contornas cun "incremento notable" de focos.

Unións Agrarias advirte contra a especulación: "Que ninguén teña a tentación de aproveitar as medidas decretadas polo risco de gripe aviaria para subir máis aínda o prezo dos ovos ou do polo; non hai razóns que o xustifiquen"

Neste contexto, non obstante, xa xorden tamén voces no eido agrario que advirten de que o peto das persoas consumidoras acaben padecendo consecuencias no prezo dos ovos aludindo á gripe aviaria que realmente non están xustificadas por esta razón. "Que ninguén teña a tentación de aproveitar as medidas decretadas polo risco de gripe aviaria para especular e subir máis aínda o prezo dos ovos ou do polo; non hai razóns que o xustifiquen", resalta Unións Agrarias.

Neste sentido, a organización agraria considera que as autoridades, ademais de tentar "evitar contaxios", deben poñer especialmente a atención en "velar polo bo funcionamento da cadea alimentaria". Os controis oficiais, sinala, deben "impedir incrementos inxustificados de intermediarios que abusan da súa posición dominante para impoñer subas no custo da cesta da compra".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.