Parece que o diñeiro non chega a nada? Así cambiou a forma en que gastamos os cartos

Unha familia media gasta case sete mil euros máis que hai cinco anos. Alimentación (+1.605 euros) e vivenda e subministros (+1.501) levan case a metade deste incremento © Montaxe: Praza.gal Imaxe: pxhere

Pásalle a moita xente. Esa sensación de que os cartos cada vez dan para menos, de que unha compra normal no supermercado cada vez ten un prezo máis elevado, de que todo custa máis. Nos dous últimos anos os prezos están aparentemente controlados, cunha inflación estable que, con todo, non borrou os efectos da crise de prezos que se viviu en 2022 e 2023 ou o impacto da crise do alugueiro que fai máis difícil chegar a fin de mes a moitas persoas. 

O gasto medio anual dos fogares galegos disparouse nos últimos anos, un 25,5% máis. Neste tempo, os salarios aumentaron un 18%.

A pasada semana o INE publicou os datos correspondentes ao ano 2024 da súa Enquisa de Orzamentos Familiares, un conxunto de datos que debulla de forma detallada os capítulos nos que gastamos anualmente os nosos cartos e que permite comparar a situación actual coa que se vivía, por exemplo, hai cinco anos, nun 2019 previo á pandemia de COVID, á crise inflacionaria ou á escalada dos alugueiros.

Os datos do INE informan, en primeiro lugar, de que en efecto o gasto medio anual dos fogares galegos disparouse nos últimos anos. En concreto, pasou dos 26.846 euros de 2019 aos 33.700 de 2024, un aumento do 25,5%. Como referencia, neste periodo o salario medio subiu ao redor do 18% e Índice de Prezos de Consumo (IPC) elevouse tamén nun 18%.

Unha familia media gasta case sete mil euros máis que hai cinco anos. Alimentación (+1.605 euros) e vivenda e subministros (+1.501) levan case a metade deste incremento

Porén, non todos os produtos se encareceron na mesma medida nin tampouco o esforzo económico realizado polas familias se mantivo estable en todos os capítulos. A percepción de o carro da compra cada vez custa máis (ou se enche menos pola mesma cantidade de diñeiro) é acertada: os produtos de alimentación están entre os que máis subiron nestes anos. Son ademais, elementos de primeira necesidade, aos que non se pode renunciar, e que son adquiridos por todo tipo de familias, independentemente do seu poder adquisitivo.

Destaca a escalada dos gastos en educación (+53%) e sanidade (+41%). No ensino superior o gasto das familias galegas aumentou un 63%. E o gasto en servizos médicos e hospitalarios disparouse un 243%, os servizos dentais un 73% e os produtos farmacéuticos un 76%

O seguinte gráfico amosa a forma en que os galegos e galegas gastaban en 2019 os seus cartos e como os gastan na actualidade. Destacan dúas grandes partidas, alimentación e vivenda, que representan preto da metade do gasto total e que, ademais, experimentaron nos últimos cinco anos importantes incrementos, do 38% e do 19%, respectivamente. 

Se unha familia media gasta case sete mil euros máis que hai cinco anos, alimentación (+1.605 euros) e vivenda e subministros (+1.501) levan case a metade deste incremento.

No resto de capítulos, tan só hai un descenso, o das bebidas alcóholicas e tabaco, no que galegos e galegas gastan 67 euros menos ao ano que en 2019. 

O gasto en aceite duplicouse dende o 2019. Tamén se disparou o gasto en leite, queixo e ovos (+52%), en pan e cereais (+40%) e en legumes, hortalizas e froitas (+39%)

Pola contra, destaca a escalada dos gastos en educación (+53%) e sanidade (+41%). O carácter público dos sistemas sanitario e educativo e a súa elevada calidade a pesar dos recortes fan que estes capítulos representan apenas unha parte pequena do gasto das familias galegas, pero é innegable que nos últimos anos se moven máis cartos nestes ámbitos, convertidos cada vez máis nun espazo de negocio e nunha fonte de gasto para as familias. 

Por exemplo, no ensino superior o gasto das familias galegas aumentou un 63% dende o 2019. E na sanidade, o gasto en servizos médicos e hospitalarios disparouse un 243%, os servizos dentais un 73% e os produtos farmacéuticos un 76%.

Aumenta tamén de forma importante o gasto en ocio e cultura (+50%) e en restauración (+35%). E, en cambio, aparecen máis contidos os gastos en vestido e calzado (+11%) ou en mobles (+3%)

O INE certifica o incremento do gasto en alugueiros (+30% en cinco anos). En cambio, a estabilidade nos prezos e no gasto en electricidade (apenas unha suba do 3% dende 2019), axuda a conter o índice de prezos

A información do INE permite ir máis ao detalle, para analizar a evolución do gasto nalgúns produtos concretos. Así, por exemplo, se o gasto xeral aumentou un 25% e o de alimentación un 38%, destaca especialmente o aumento do gasto en aceite, que se duplicou dende o 2019 no medio dunha escalada do prezo do aceite de oliva.

Tamén se disparou o gasto en leite, queixo e ovos (+52%), en pan e cereais (+40%) e en legumes, hortalizas e froitas (+39%). Carne (+25%) e peixe (+23%) tamén incrementan o seu peso no gasto familiar, pero por debaixo da media.

Dispárase o gasto das familias en paquetes turísticos (+124%) e tamén en aloxamentos turísticos (73%), o mesmo que en restaurantes e cafetarías (+30%)

A Enquisa de Orzamentos Familiares certifica o incremento do gasto en alugueiros (+30% en cinco anos). En cambio, a estabilidade nos prezos e no gasto en electricidade (apenas unha suba do 3% dende 2019), axuda a conter o índice de prezos.

O gasto en carburantes tamén se sitúa por debaixo da media (un 8% máis). E, en cambio, dispárase o gasto das familias en paquetes turísticos (+124%) e tamén en aloxamentos turísticos (73%), o mesmo que en restaurantes e cafetarías (+30%), nunha escalada no gasto nos capítulos de ocio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.