Unha organización de centros de ensino privados sen subvención volve investigar a concertada para sinalar que continúa cobrando cun informe que inclúe unha trintena de colexios galegos
Os colexios privados que non reciben subvencións públicas teñen no albo os centros concertados como a súa principal competencia. Este é un elemento clave para entender por que unha das organizacións que agrupa estas empresas, a Asociación de Colegios Privados e Independientes (CICAE) elabora e publica periodicamente informes sobre as cotas cobradas en colexios concertados malia ser unha práctica abertamente prohibida pola vixente lei estatal de educación. Nalgunhas edicións, mesmo colaborando con ANPAs do ensino público.
Esta semana CICAE divulgou a novena edición destes estudos. Aínda que centrado sobre todo en Madrid, o informe contén tamén datos galegos. Cunha mostra de 28 colexios concertados galegos -máis do 10% do total de centros con algún tipo de concerto existentes en Galicia, segundo datos da Consellería de Educación-, conclúen que case o 70% cobran e que as cotas roldan unha media duns 50 euros mensuais.
Como en anteriores edicións, o estudo -elaborado por unha consultora- baséase na metodoloxía do cliente misterioso. Isto é, a organización contactou cos colexios entre marzo e maio deste ano, durante o período de matrícula, simulando seren "familias que piden información para a matriculación dos fillos na etapa de segundo ciclo de infantil para o curso 2024/25".
En case o 70% dos centros galegos investigados as achegas económicas son obrigatorias de facto, segundo o informe, que cifra as cotas nunha media de 50 euros mensuais
Nunha decena dos colexios concertados galegos cos que contactaron atoparon como resposta que non existe unha "cota base" mensual. Nos outros 28 conclúen que si existe baixo diferentes fórmulas e niveis de "voluntariedade".
Así, por exemplo -indica o estudo- no colexio Montesol de Vigo atoparon como resposta que se "podería non pagar" ou facelo parcialmente, caso no cal sería "máis caro" acceder aos servizos. Por este motivo, inclúen este centro no grupo dos que "exclúen" o alumnado dalgunhas actividades se a familia non paga.
Un chanzo máis abaixo na falta de "voluntariedade", pero aínda na categoría de colexios concertados con cota "obrigatoria", sinalan outros catro colexios galegos. No colexio Mariano de Vigo advertíronos de que a cota a "achegan todas as familias" e redunda en beneficios nas instalacións". No Labor, tamén en Vigo, respondéronlles que "é un diñeiro hai que pagar", "voluntario pero necesario" e que "todas as familias o abonan". "Se non se achega non se tería acceso ao gabinete psicopedagóxico", especificaron, segundo o informe.
A cota máis elevada nun colexio concertado en Galicia foi detectada no centro vigués Montecastelo, con 245 euros
No colexio Sagrado Corazón de Praceres, en Pontevedra, a resposta ao cliente misterioso deste estudo foi que a súa cota é unha "achega que se fai á fundación" da que depende o centro e que non existe "a opción de non pagar". No colexio Estudio, en Nigrán, indicáronlles que "é algo que todas as familias abonan" e que sen estes pagamentos "o funcionamento do centro non sería posible ou sería moi malo".
Onde si observan que a cota existe, pero é realmente voluntaria, é no colexio San Narciso de Marín. Alí, na entrevista cos autores do informe que se facían pasar pola familia dun posible alumno indicáronlles a "posibilidade de non pagalo", se ben "se se abona a cantidade, conséguense bonificacións nos prezos doutros servizos", como comedor ou transporte".
Con estas e outras argumentacións ao fondo, o informe dá por acreditada a persistencia de cotas no ensino concertado que irían, no caso galego, dun mínimo de 15 euros mensuais a un máximo de 245. Ese "máximo de cota" é o que detectaron no colexio Acacias - Montecastelo, denominación unitaria para o que que viñan sendo dous colexios paralelos, un masculino e un feminino, ata que a vixente lei educativa vetou de vez as subvencións para os centros que segregan por sexo.
Ese veto formal ao financiamento público dos colexios que segregan tivo que ser introducida pola Xunta na orde coa que regulou os concertos ata o curso 28-29, lanzada o pasado 2023 cunha duración maior da esixida pola lexislación básica do Estado e unha dotación orzamentaria de 1.900 millóns de euros. A resolución desa orde asignou financiamento público a 3.990 unidades escolares de colexios privados ás que acoden arredor de 82.000 estudantes.