Máis de oito de cada dez colexios concertados en Galicia cobra unha cota ás familias malia estar prohibido por lei. No 70% destes centros -en teoría de balde por estaren sufragados con cartos públicos- estes pagos son obrigados a pesar de que a lexislación non os permite. Son os datos que se tiran do sétimo Estudio de Cuotas y Precios de Colegios Concertados que elaboran a Ceapa (Confederación Española de Asociaciones de Padres y Madres del Alumnado) e Cicae (Asociación de Colegios Privados e Independientes).
Un informe das ANPA dos centros públicos e de Cicae, dos privados, di que máis do 80% dos concertados en Galicia cobran cotas malia estar prohibidas por lei
O informe deita luz sobre unha realidade tan sabida e xeneralizada como asumida, tamén polas administracións. Un "agravio" e unha "discriminación" para os colexios públicos, segundo denuncian as ANPA destes centros, que lamentan "que non haxa control ningún por parte da Inspección nin da Xunta" sobre unhas cotas que en moitos casos son disfrazadas baixo denominacións como doazóns ou achegas voluntarias, un voluntarismo que en ocasións é real pero moitas outras só un eufemismo.
Segundo o informe, o 90% dos centros concertados en España cobra unha cota, cunha media de 180 euros mensuais por alumno, pero que varía moito segundo o centro e o territorio: desde os 923 euros ao mes dalgún colexio á inexistencia de cota obrigatoria noutros. O estudo, elaborado pola consultora Garlic B2B, usou o método do cliente misterioso, consistente en que persoas se fagan pasar por familias interesadas na escolarización, obtendo así a documentación achegada polos centros, ademais da información derivada das reunións cos responsables.
A cota media que cobran os centros concertados en Galicia ás familias é duns 38 euros mensuais
Foron un total de 326 os centros analizados -de fundacións, relixiosos ou empresas mercantís-, case o 10% deles (32) en Galicia. A cota media no país sitúase en arredor dos 40 euros mensuais (37,84), cun máximo de 144 euros e un mínimo de dez, aínda que os centros que en estudos anteriores tiñan os prezos máis altos -de ata 225 euros ao mes- non deron resposta alegando a non dispoñibilidade de prazas. En resumo, o 82% dos centros visitados en Galicia cobran unha cota ás familias, unha porcentaxe que -para arriba ou para abaixo- non dista moito da realidade.
Segundo datos facilitados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en Galicia hai 1.220 centros públicos fronte aos 227 concertados. Nestes últimos está escolarizado entre un 27 e un 28% do alumnado do ensino obrigatorio (Primaria e Secundaria) e do segundo ciclo de Infantil.
"Ninguén me deu a opción de non pagar, nin tan sequera a parte da cota que chaman 'doazón'. Dixéronme que era obrigatorio para a escolarización"
O estudo de Ceapa e Cicae elaborouse a partir dos datos para a matriculación en segundo ciclo de Infantil, dos 3 aos 6 anos, unha etapa, xunto co Bacharelato, onde os importes esixidos nos centros concertados adoitan ser máis elevados que na de ensino obrigatorio. Segundo o informe, en Galicia case un 58% dos concertados utiliza a denominación cota para o pago mensual, fronte a un 27% que demanda unha achega e un 15% que a denomina actividades complementarias.
Pero hai de todo e para todos. "Ninguén me deu a opción de non pagar, nin tan sequera a parte da cota que denominan doazón. De feito, o primeiro que me dixeron na reunión foi que o importe era obrigatorio para a escolarización", conta a Praza.gal unha nai que vén de matricular o seu pequeno nun centro relixioso concertado dunha cidade galega. Son uns 120 euros mensuais -comedor aparte- nos que se inclúen uns 50 euros de doazón -cunha porcentaxe que desgrava na declaración da Renda- e outros conceptos como as "saídas extraescolares", a plataforma dixital ou o pagamento dunha hora extra para o coidado dos cativos durante a hora sen aulas que vai da comida ao reinicio das clases á tarde. Un pagamento fixo ao mes ao que hai que unir outros únicos duns 80 euros por material e de 50 por ter acceso a persoal de apoio. En Secundaria, a cota fixa descende á metade.
Segundo o informe, en Galicia máis do 60% dos centros consultados non explican na entrevista coas familias o concepto de voluntariedade das cotas. Ademais, e no caso das argumentacións que nos centros se dá sobre o cobro destas cantidades, no 62% delas explícase que é obrigado, no 31% que é voluntario e no 8% que non facelo implica a expulsión do alumno.
"Pagamos 25 euros como achega voluntaria, que é o mínimo... Pero o certo é que non coñezo a ninguén que non a abone", conta outro pai cuxa filla acode a outro centro concertado relixioso doutra urbe galega que esixe ademais uns 75 euros en concepto de material. Noutro colexio similar, outra familia si coñece casos de pais que optaron por non abonar os máis de 50 euros que correspondían como doazón. "E non pasa nada se non o fan", aclaran, sempre que abonen as cantidades esixidas por outros extras dos que gocen, como o bus, actividades extraescolares ou o comedor.
O informe denuncia que os centros concertados cobran por conceptos moi variados para esquivar a prohibición de achegas
Non en todos os casos é así. "Non había unha cota mensual fixa, pero de primeiras xa che aclaraban que se non se pagaban as das actividades, os alumnos quedaban fóra das excursións e dos eventos deportivos que se organizaban", conta outro pai sobre a súa experiencia nun centro concertado en Galicia. Nalgúns casos, a obrigatoriedade de uniforme supón outro pagamento extra e fixo.
Tal e como explica o estudo, os centros concertados cobran por conceptos moi variados cos que esquivan a prohibición de achegas económicas por parte das familias para recibir as ensinanzas gratuítas ou aquelas extras que acaban formando parte do horario escolar e habitual do colexio. Pagar unha hora extra, en moitos casos, é inevitable se os pais non queren que os seus fillos sexan excluídos dunha actividade ou teñan que saír do recinto no medio da xornada. Noutros casos, engádense pagos pola plataforma dixital coa que se segue a aprendizaxe do alumnado ou pola "orientación psicopedagóxica".
Na listaxe dos 32 centros galegos analizados polo informe, os importes das cotas mensuais fixas varían dos 144 euros do Rosalía de Castro á gratuidade do Liceo La Paz, pasando polos 64 do Martín Códax ou os 92 do Andersen Augalonga. Na maioría dos casos, non se cobra por matrícula pero a ampliación dunha hora ao día -moitas veces necesaria para non interromper a xornada- supón case 80 euros no Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra, 66 no Sonrisas y Lágrimas ou case 58 euros no Guillerme Brown. Os gastos mensuais totais, incluíndo comedor, material ou transporte, oscilan entre os 327 euros e os 70 por alumno.
A claridade da lei
O artigo 88 da nova lei educativa, Lomloe, di que "para garantir a posibilidade de escolarizar a todos os alumnos sen discriminación por motivos socieconómicos, en caso ningún poderán os centros públicos ou privados concertados percibir cantidades das familias por recibir as ensinanzas de carácter gratuíto, impoñer ás familias a obriga de facer achegas a fundacións ou asociacións nin establecer servizos obrigatorios, asociados ás ensinanzas, que requiran achega económica por parte das familias dos alumnos". Ademais, aclara que "as actividades complementarias que se consideren necesarias para o desenvolvemento do currículo deberán programarse e realizarse de forma que non supoñan discriminación por motivos económicos". "As actividades complementarias que teñan carácter estable non poderán formar parte do horario escolar do centro", engade.
Desde o departamento de Educación da Xunta aclaran que "a ensinanza nos colexios concertados en España é, por lei, gratuíta para as familias, posto que a Administración asume o custo dos servizos educativos nestes casos". "O que si pode ter custo para as familias son outros servizos complementarios que preste o centro escolar (comedor, transporte, actividades extraescolares…). Se nalgún caso existe algunha achega por parte dos pais, esta ten que ser sempre de carácter voluntario", di.
"A lei é moi clara e as comunidades autónomas, a través da Inspección, teñen que actuar", di a ministra de Educación, Pilar Alegría
A ministra de Educación, Pilar Alegría, lembrou tamén nunha entrevista en Radiocable que "a lei é moi clara". "Todas as familias teñen dereito a unha educación gratuíta e, se isto non é así, as comunidades autónomas, a través da Inspección, teñen que actuar".
Cicae e Ceapa consideran que a escola concertada, polo xeral, incumpre integramente este artigo e acusan as administracións de desleixo ou mesmo conivencia. Desde Galicia, as opinións son tamén contundentes. "Os concertos educativos son algo que non debera existir. Todo o mundo sabe como naceron e por que sobreviven: son unha fórmula disfrazada de legalidade que permite á Administración entregar diñeiro a empresas privadas", di Fernando Lacaci, presidente da Confederación de Anpas Galegas. "É unha achega de cartos públicos que supón unha competencia desleal co ensino público, que ve minguados os seus recursos porque parte deles van á concertada, que se ve aínda máis favorecida ao captaren eses fondos irregulares", coincide Rogelio Carballo, o seu homólogo en Confapa-Galicia (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos).
"É obvio que non hai control ningún por parte das administracións nin un labor da Inspección, pero o debate nesta altura é se ten lóxica manter este sistema de concertos", insiste Carballo. "Foi algo que se artellou como emerxencia para suplir a carencia de recursos do Estado para escolarizar o 100% da poboación ou alí onde era difícil crear novos centros, pero ten sentido cunha caída demográfica e da natalidade brutal e coa metade de poboación entre 0 e 20 anos que daquela?", pregúntase.
"Os concertos non deberían existir, son unha fórmula disfrazada de legalidade coa que a Administración entrega cartos á empresa privada", di Anpas Galegas
"É desproporcionado o diñeiro público que se destina a colexios privados habendo prazas públicas libres e tantas vilas e cidades... Pero aínda que non as houbese, habería que crealas", engade Lacaci, que cre que o feito de que os centros concertados cobren ás familias por servizos obrigados "é unha estafa". "Que sexa consentida, aceptada ou mesmo demandada non quere dicir que non o sexa... Unha vez que estás metido na roda, é moi difícil mudar o sistema, máis aínda cando ten que ver cos fillos, que tamén forman círculos de amizade e sociais que son difíciles de rachar", explica.
"A pregunta é como a Administración consinte que isto suceda, porque non é un segredo; é sabido de forma xeneralizada que nos centros concertados cobran por calquera cousa e en base a uns conceptos que, en moitas ocasións, son falsos. Son empresas privadas que obteñen un beneficio", insiste Lacaci, que advirte que as familias "acaban pensando que con eses cartos están mellorando a educación dos seus fillos". "A mellora debera ser demandar outro tipo de centros escolares, públicos e con todos os medios... No caso de ser privados, que traballen con claridade nas contas", di. Como exemplo, o que dan varias familias nos seus testemuños: barrios de cidades galegas onde centros públicos teñen cada vez menos aulas ocupadas e están rodeados de concertados con máis escolares, moitos procedentes de zonas afastadas.
"A pregunta é que achega a concertada ao ensino público: ten sentido agora, mentres cae a natalidade e pechan centros públicos?", di Confapa-Galicia
"Supón un claro desequilibrio; o que hai que facer é analizar se realmente os concertos achegan algo ao sistema educativo público. Antes chegaban a onde non chegaba a pública, pero agora, cando se está a despedir profesorado e pechando centros públicos?", inquire Carballo, que pide afrontar o debate "con liberdade pero sen prexuízos".
O sindicato maioritario no ensino privado concertado en España, FSIE, responde ás críticas e rexeita as conclusións do informe. Asegura que non lle "consta que haxa cota obrigatoria para as familias" nestes centros e lembra que están "suxeitos a un control por parte da Administración e a Inspección Educativa" e que os gastos "hai que xustificalos e requiren de autorización, ao igual que os horarios ou a distribución das actividades". Para a entidade, as doazóns voluntarias "evidencian a necesidade" deste tipo de colexios "polo seu escaso financiamento por parte das administracións públicas".
En Galicia, a Xunta destina uns 260 millóns anuais ao ensino concertado. En 2023 o Goberno galego ten que tramitar a renovación dos concertos
Segundo os últimos datos dispoñibles, os de 2020, foron case 7.000 millóns de euros os destinados polas administracións en España para os concertos da escola privada, financiada con fondos públicos que saen basicamente das comunidades autónomas. En Galicia, a Xunta destina case 260 millóns cada ano.
Ademais, e a pouco de que toque a renovación dos concertos asignados en 2017, o Executivo galego xa recoñeceu que procura a "interpretación axeitada" da Lomloe, que prohibe expresamente subvencionar os centros que segregan por sexo. Hai cinco anos, os colexios segregacionistas lograran 58 concertos coa orde da Xunta.
Ademais, para as principais confederacións das ANPA en Galicia, o debate e a problemática arredor dos cobros a familias nas concertadas "abrangue moito máis". "Estase fomentando a idea de que é normal completar os servizos, mesmo no ensino público, onde cada vez é máis habitual que, coa mellor intención, se pidan 50 euros para a compra do material ou un paquete de folios por cada alumno", explica Lacaci. "A ninguén se lle ocorrería pensar que o médico che pida que leves ti os apósitos á consulta, pero todo o mundo asume xa que haxa que pagar por cadernos ou lapis", insiste.
"Pídense cartos para comedor, para material... É cada vez máis habitual e o que non o fai pode sentirse discriminado", confirma Carballo. "O ensino obrigatorio debe ser gratuíto... Estase creando o camiño aberto para pensar que se debe completar o servizo, en lugar de crear a conciencia de que as familias teñen dereito a recibir algo que xa se paga vía impostos e que debe ser de calidade", conclúe Lacaci.