O 18 de xullo de 2005 faltaban apenas dúas semanas para que o socialista Emilio Pérez Touriño tomase posesión como presidente da Xunta. Aquel día o o Goberno do PP de Fraga en funcións, vicepresidido por Alberto Núñez Feijóo, publicou no DOG a orde de concertos educativos para os seguintes catro anos, comprometendo ao Executivo de PSdeG e BNG que estaba a piques de chegar. Entre os beneficiarios estaban os centros que segregan o alumnado en función do seu sexo.
En xaneiro de 2009, o Goberno de socialistas e nacionalistas ditou a súa propia orde de concertos, pero non chegou a aplicala. O 1 de marzo daquel ano o PP de Feijóo gañou as eleccións e foi o novo conselleiro conservador, Jesús Vázquez, quen os repartiu obviando a aposta do anterior gabinete de aplicar integramente a lei educativa que estaba vixente dende 2006, a LOE, que estipulaba que os colexios "sostidos total ou parcialmente con fondos públicos (...) non separarán o alumnado polo seu xénero".
Como sentenciaron o TSXG en 2013 e o Supremo en 2014, a Xunta contraveu a lei e o mesmo volveu facer cos concertos de 2013. A protección do financiamento público aos centros segregacionistas quedou despois blindada coa LOMCE, a lei educativa de Rajoy.
O Goberno galego que preside Alfonso Rueda está agora a piques de verse nunha tesitura semellante a aquela de 2009 e 2013. O curso escolar que vén de comezar, o 2022-23, é o último no que estarán vixentes os concertos educativos asignados polo Executivo de Feijóo en 2017, que tiñan duracións alén do esixido pola LOMCE. Daquela, os colexios que segregan lograran 58 concertos. A vindeira primavera, polo tanto, a Xunta terá que ditar unha nova orde de concertos e agora xa non conta co paraugas da LOMCE, senón que está vixente a LOMLOE, a nova lei educativa que prohibe expresamente subvencionar os centros segregacionistas.
Con todo este pano de fondo, o presidente foi cuestionado este xoves polos seus plans ao respecto do cumprimento da lei e se, polo tanto, prevén ou non tentar seguir subvencionando estes colexios. "A Xunta vai cumprir a lei en todos os casos", nese aspecto e "en todos os demais", mantivo. Pero iso sucederá, matizou, "unha vez que esteamos de acordo en cal é a interpretación axeitada da lei", norma que o propio Goberno galego xa advertiu que acataría na menor medida posible.
"A Xunta vai cumprir a lei" cando "esteamos de acordo en cal é a interpretación axeitada", di o presidente Rueda sobre a vixente normativa educativa, que estipula que os centros "sostidos parcial ou totalmente con fondos públicos (...) non separarán o alumnado polo seu xénero"
E, que di a lei? En boa medida, o mesmo que dicía na etapa de Zapatero. "Os centros sostidos parcial ou totalmente con fondos públicos desenvolverán o principio de coeducación en todas as etapas educativas" para cumprir a lei de igualdade "e non separarán o alumnado polo seu xénero". Deste xeito, co seu actual modelo os colexios segregacionistas que veñen recibindo fondos de concertos da Xunta (Montespiño e Peñarredonda na Coruña, e Las Acacias, Montecastelo e Aloya en Vigo) non poderían mantelos.
Todo isto sucede despois de anos en que a Xunta se veu negando a concretar cantos fondos públicos reciben estes colexios que separan nenas e nenos. No ano 2019, en resposta a unha petición ao abeiro da lei de transparencia, evitou revelalo acolléndose a unha das excepcións da norma, a que permite non divulgar datos que requiran reelaboración. Naquel caso, a Consellería de Educación asegurara descoñecer canto suman as diversas partidas que achega cada ano a estes colexios e limitárase a remitirse aos arredor de 250 millóns que recibe, en conxunto, cada ano o ensino concertado. En 2013, aínda baixo a anterior orde de concertos, sindicatos e partidos da oposición estimaran que os colexios que segregan obtiñan da Xunta uns 3 millóns de euros por ano.