O profesorado leva á rúa as súas demandas nunha folga que a Xunta reduce ao mínimo

Mobilización de profesorado en Ourense CC-BY-NC-ND CIG-Ensino

Logo de que unha mobilización rodease a sede da Xunta en San Caetano reclamando "un xiro" nas políticas educativas da Xunta, e despois de que máis dun cento de docentes se pechasen e pasasen a noite en cinco centros de ensino pedindo á Consellería de Educación que "atenda as demandas" do profesorado, manifestacións nas catro capitais de provincia insistiron este mércores en melloras para o ensino público e para os seus docentes. 

Profesorado saíu á rúa nas catro capitais de provincia na segunda xornada de folga logo de rodear San Caetano o luns e levar a cabo peches en varios centros

Nunhas concorridas marchas —descentralizadas desta vez e non con base en Santiago de Compostela como adoitan—, os e as docentes percorreron as rúas desde centros educativos ata as delegacións territoriais de Educación para simbolizar tamén o traslado das demandas desde colexios e institutos á propia Xunta. 

Unhas protestas nas que se reclamou a necesidade de "recuperar e avanzar en dereitos" para un ensino público "con futuro" e "de calidade". 

Mobilización de profesorado na Coruña CC-BY-NC-ND CIG-Ensino

Foi na segunda das dúas xornadas de folga á que CIG-Ensino e mais STEG, co apoio da CUT, chamaron ao profesorado galego desde Infantil ao Bacharelato e FP. Á espera dos datos de seguimento que os sindicatos convocantes facilitarán o xoves, desde a central nacionalista falan dunha mobilización "amplamente apoiada" polo profesorado ante os recortes de dereitos e recursos dos que acusan á Consellería de Educación, que rebaixou por baixo do 13% o seguimento dos paros nesta segunda xornada. Na primeira a cifra que facilitou foi semellante e en ambos casos está por baixo da dos paro de setembro, que cifrara no 15%. 

Educación reduce a menos do 13% o seguimento da folga, que a CIG-Ensino considera "un éxito"

"A folga está a ser un éxito; está tendo un éxito de participación nas mobilizacións, tamén nas protestas que nos propios centros educativos se están a facer", contestou Laura Arroxo, secretaria nacional de CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino en Galicia. Desde o STEG cualificaron tamén de "rotundo éxito" as manifestacións deste mércores. 

"A Consellaría non pode seguir facendo oídos xordos ante o malestar do seu persoal docente", insistiu CIG-Ensino, que destacou que a asistencia ás manifestacións superou as previsións. No comunicado que se leu ao final das marchas, destacouse que "o profesorado galego está facendo historia con esta loita iniciada a comezos de curso despois de 15 anos de recortes nos que todas as enerxías e a responsabilidade profesional se envorcaron en atender o alumnado". 

"As reivindicacións de melloras laborais van todas unidas á mellora do ensino público xeral, da atención educativa e da equidade social. Por iso esta loita é tan importante. Porque está en xogo o futuro da nosa sociedade, unha sociedade máis xusta e igualitaria", leuse nas diferentes cidades. En Lugo, a líder da CIG-Ensino apostou por "seguir" na mobilización para "recuperar e avanzar en dereitos" tras destacar, doutra volta, a "forza" das protestas. 

Baixa de ratios, mellor atención á diversidade, eliminación de burocracia e melloras retributivas son as principais demandas do profesorado

CIG-Ensino e STEG volveron sacar á rúa centos de docentes pouco máis dun mes despois da última folga e nunhas mobilizacións que din "nin secundar nin compartir" CCOO, UGT e ANPE, centrais que en 2023 asinaron un acordo educativo coa Xunta, momento a partir do cal a división sindical se fixo máis evidente e a mobilización medrou. 

Como hai un mes e como o ano pasado, as principais reivindicacións dos sindicatos convocantes céntranse na baixada de ratios no inicio de todas as etapas educativas a partir do vindeiro curso, na recuperación do horario lectivo modificado en 2011, en medidas concretas para garantir unha correcta atención á diversidade e nun plan real de eliminación da burocracia para o persoal docente. Tamén en melloras retributivas, na redución da xornada laboral a partir dos 55 anos e mais na recuperación das licenzas por formación retribuídas.

A organización estudantil Erguer, Anpas Galegas, arredor dun cento de equipos directivos ou o Sindicato de Estudantes apoian as dúas xornadas de folga, que buscan tamén "unha negociación inmediata de melloras reais tanto no ámbito laboral como do ensino público en xeral". 

En resposta aos paros, e só un día antes do seu inicio, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou a convocatoria de 1.500 novas prazas nunha nova oferta de emprego público para o ano que vén e logo de vincular as protestas dos docentes coa estratexia política do BNG e da UPG. 

"Todo é fume"

"Trátase exclusivamente de substituír o persoal que se xubila ano tras ano e que pasa das 1.000 persoas. O resto son prazas de promoción interna que nunca se cobren ou que se acumulan despois de que quedaran vacantes nas oposicións de 2025, no que se bateu o récord de vacantes desertas cun 33% do total das ofertadas. Todo é fume e o profesorado sábeo, e o único motivo polo que o conselleiro se afana en dar estas cifras é para neutralizar a folga", destacou Laura Arroxo, antes de participar no peche no IES Lucus Augusti de Lugo.

Arroxo, ademais, cualificou de "propaganda" os anuncios do conselleiro respecto dos orzamentos de 2026 para Educación. "A cifra de profesorado que aparece no capítulo de persoal segue sendo exactamente a mesma que nos últimos catro anos, permanece conxelada en 34.424", advirte. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.