As seis esixencias que impulsan os dous días de folga do profesorado

Manifestación en Santiago durante a folga de profesorado do pasado 25 de setembro CC-BY-NC-SA CIG

Baixadas de ratios, mellor atención á diversidade ou un incremento retributivo para o persoal docente, entre as reclamacións da mobilización convocada para o 28 e 29 de outubro pola CIG-Ensino canda ao STEG

A CIG-Ensino coida que a folga de profesorado que impulsou o pasado 25 de setembro derivou na mobilización "máis contundente dos últimos anos" no sector. E que mesmo logrou "algún paso" da Consellería de Educación antes da súa celebración co obxectivo, consideran, de tentar "neutralizala".

Pero "pasada a situación de tensión á que nos ten acostumados a Administración nos inicios de curso", considera o sindicato maioritario entre o persoal docente, a Xunta calcula que "as forzas do profesorado e das asociacións de nais e pais vaian a menos". Pero "se non hai rectificación e non se recuperan dereitos, este será un curso de mobilizacións", resalta a secretaria nacional da central sindical, que chama agora a dous días de folga, o 28 e 29 de outubro, da man do Sindicato de Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG).

Profesorado na manifestación pola folga educativa do pasado setembro CC-BY-NC-SA CIG

Nun escrito remitido ao conselleiro Román Rodríguez a CIG-Ensino resume as seis esixencias nas que sustentan a convocatoria. E que combinan, advirten, con outras transversais como as referidas á "situación da nosa lingua no ensino" ou "garantías de liberdade e de respecto polo noso traballo".

"Se a consellería dá pasos veraces que poidan plasmarse nos orzamentos" de 2026, sinalan as centrais sindicais, cabe a posibilidade de desconvocar a folga

Educación, advirten, debe amosar "disposición real de negociar" aspectos como unha "baixada de ratios en todas as etapas educativas" dende o curso 26-27 e a "recuperación do horario lectivo recortado en 2011 e 2012". Isto é, 21 horas semanais en Primaria e Infantil e 18 horas no resto de niveis.

Cómpre ademais, advirten, un paquete de "medidas concretas" que "garantan unha correcta atención á diversidade". Pasan, sinalan, por accións como máis persoal de orientación, "cómputo como dobre ou triplo do alumnado con necesidades especiais en todas as etapas", máis aulas desdobradas ou mellores criterios para dotar os colexios e institutos de persoal especialista.

Manifestación en San Caetano, sede central da Xunta, durante a folga educativa do 25 de setembro CC-BY-NC-SA CIG

"Un plan real de eliminación da burocracia" que inclúa máis horas de dedicación para labores directivos ou de titorías ou a redución da xornada laboral do profesorado a partir dos 55 anos figuran tamén nunha táboa reivindicativa que toca tamén o eido salarial. Neste sentido, a CIG-Ensino reclama "un incremento retributivo lineal" para todo o profesorado que "permita recuperar o poder adquisitivo perdido", así como "recuperar o cobro de verán para o persoal substituto que traballe cinco meses e medio".

"Se a consellería dá pasos veraces que poidan plasmarse nos orzamentos" de 2026, sinalan as centrais sindicais, cabe a posibilidade de desconvocar a folga. A CIG-Ensino asegura estar ademais aberta a que a mobilización sexa secundada polos sindicatos CCOO-Ensino, ANPE e UGT-SP, que asinaron o pacto educativo coa Xunta no outono de 2023. "O único que fixo a CIG-Esino foi atender a demanda maioritaria do profesorado de mobilizarse", afirman sobre unha "loita" na que "non sobra ninguén".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.