A CIG-Ensino convoca unha folga para o inicio do curso pola "flagrante" perda de dereitos de alumnado e docentes

Imaxe de arquivo dunha manifestación en defensa de melloras do ensino, en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

O sindicato intensifica as protestas no inicio do curso cunha manifestación o sábado 13 en Compostela e a convocatoria de folga para o 25 de setembro 

A CIG-Ensino intensifica a súa oposición á "política de recortes, privatización, censura e propaganda" da Xunta e chama ao profesorado a unha folga o vindeiro 25 de setembro, que terá como previa unha manifestación nacional en Compostela o sábado 13 de setembro dende a Alameda. 

A central sindical, que mantén a man tendida para negociar coa Consellería de Educación, reivindica a baixada das ratios "con carácter inmediato" en todas as etapas, a recuperación do horario lectivo "previo aos recortes", o incremento de persoal especialista "para atender a diversidade" e de profesorado en xeral "para realizar apoios, reforzos e desdobres en todas as ensinanzas que así o precisen", a "eliminación da burocracia inútil" e o "recoñecemento e dignificación da profesión docente tanto a nivel retributivo como administrativo".

Cartaz coa convocatoria de folga e manifestación da CIG-Ensino para o comezo do curso 2025/2026 CC-BY-SA CIG-Ensino

"A situación nos centros de ensino é insostíbel. A perda de dereitos foi flagrante nos últimos 16 anos pero desde que rematou a pandemia agudizouse o deterioro das condicións laborais do profesorado e da atención educativa que recibe o alumnado á vez que se incrementaba de xeito obsceno a propaganda da Consellería", asegura Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino público galego.

A CIG-Ensino afirma que o profesorado galego está "literalmente queimado", mentres critica que a Consellería de Educación fica "obsesionada coa imaxe e a publicidade"

Arroxo certifica que o profesorado galego está "literalmente queimado", como demostran as renuncias a interinidades e substitucións "que nunca antes se produciran" no ensino. Demostra que as ratios "en moitos casos supoñen atender a arredor de 200 estudantes" e pon o foco na "cada vez maior" diversidade nas aulas, sumado á "unha burocracia abafante que fai que cada decisión que toma un docente teña que recollerse nun trámite". 

Unha situación que, para a CIG-Ensino, agrávase ao contar cunha Consellería de Educación "obsesionada coa imaxe e a publicidade", que trata de "controlar o labor pedagóxico nos centros" e "censurar todo o que soe a educación nos valores democráticos, pacifistas, ecoloxistas e feministas". O sindicato denuncia que o curso 2025/2026 comeza "sen ningunha medida positiva que reverta esta situación", pois iso lle dá un mes ao departamento dirixido por Román Rodríguez para "negociar" a sua táboa reivindicativa. 

Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, anuncia as mobilizacións para este curso CC-BY-SA CIG-Ensino

"A Consellería é perfectamente consciente da fartura do profesorado e por iso se afana en dar datos irreais e en intentar controlar os medios de comunicación e o relato, mais Román Rodríguez xa non engana a ninguén. Se é certo que aumenta o profesorado por que non dá os datos desagregados por etapa?", interpela Laura Arroxo, quen advirte que nos últimos anos a Xunta só aumentou docentes en Formación Profesional "polo impulso destas ensinanzas con fondos europeos a nivel estatal" 

"Se é certo que aumenta o profesorado por que non dá os datos desagregados por etapa?", interpela a secretaria nacional da CIG-Ensino, quen advirte que nos últimos anos a Xunta só aumentou docentes en FP cos fondos europeos

O sindicato critica a "cifra conxelada" dos orzamentos da Xunta en canto ao número de profesorado, que sitúa a "30.424 docentes" os últimos catro anos nas contas autonómicas, unha cifra "inferior á que se atopou Feijóo en 2009 malia todo o incremento da FP neste tempo".

Así, Arroxo salienta que os datos demostran que Educación está a empregar fondos europeos destinados á inclusión educativa "para parchear necesidades estruturais dos centros" de ensino de Infantil e Primaria. Uns cartos que "tiñan que estar destinadas a reforzar a atención á diversidade, non a cubrir unha titoría ordinaria de Primaria como está a pasar", incide.

En total, a CIG-Ensino censura o peche de sete centros de Infantil e Primaria no país, que se desprende das modificacións publicadas no DOG este verán. Son as escolas de Educación Infantil da Lagoa (Arteixo, 4 nenos), Muros (3 nenos), Queiruga (Porto do Son, 1 neno) e Romariz (Soutomaior, 3 nenos) e os colexios de Seráns (Porto do Son, 3 nenos), Castromil (Vimianzo, 3 nenos) e Negueira de Muñiz (4 nenos). Así mesmo, o sindicato analiza como moitos dos postos de Orientación pasan a converterse en Orientación Compartida, polo que non haberá un profesional toda a xornada nun mesmo centro. 

Gráfico da CIG-Ensino co número de profesorado incluído nos orzamentos da Xunta CC-BY-SA CIG-Ensino

"Á Consellaría moléstalle que nun centro educativo se fale de temas que forman parte dos currículos e que están de plena actualidade porque chocan coa ideoloxía do partido que goberna a Xunta", asevera Arroxo

Por outra banda, a CIG-Ensino manifesta que "a etapa de Rueda á fronte da Xunta está sendo peor aínda que a protagonizada por Feijóo tanto pola falta de talante negociador, como por seguir recortando". A central sindical vén denunciando os recortes continuados para o alumnado con necesidades especiais e a eliminación de licenzas formativas para o profesorado, así como o peche da Rede de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar de Galicia. 

"Á Consellaría moléstalle que nun centro educativo se fale de temas que forman parte dos currículos e que están de plena actualidade porque chocan coa ideoloxía do partido que goberna a Xunta, moléstalle que se participe no Correlingua para denunciar a desaparición do galego, que se poña unha bandeira de Palestina para visibilizar o xenocidio que está acontecendo en Gaza, que se traten os efectos das minas ou das celulosas no territorio... Non imos consentir, que os centros de ensino se convirtan nunha extensión dos medios públicos galegos e instamos ao profesorado a continuar facendo o seu labor pedagóxico con liberdade e sen ataduras", asevera Laura Arroxo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.