A Xunta salienta que o pasado ano rebaixou a 5 o mínimo de estudantes para ter aberto un centro, o que este ano permitirá que sigan funcionando tres centros que doutro xeito tamén terían que pechar
Este mércores a Consellería de Educación avanzou que o vindeiro curso, 2025-26, "deixarán de funcionar" sete centros educativos "por falta de alumnos", ao contar con menos dos cinco fixados pola Xunta como mínimo para seguiren abertos. Pola contra, Educación salienta que ao tempo está "a reforzar as infraestruturas educativas naqueles territorios onde se rexistra un incremento de demanda". Cos sete novos peches, desde 2005 Educación xa prescindiu dun total de 240 centros educativos.
En concreto, os centros que a Xunta pechará o vindeiro curso, ás espera de que se fagan oficiais no Diario Oficial de Galicia, son as escolas de Educación Infantil da Lagoa (Arteixo, 4 nenos), de Muros (3 nenos), Queiruga (Porto do Son, 1 neno) e Romariz (Soutomaior, 3 nenos) e os colexios de Seráns (Porto do Son, 3 nenos), de Castromil (Vimianzo, 3 nenos) e de Negueira de Muñiz (4 nenos). "Os nenos destes centros teñen xa praza nos colexios de referencia máis próximos", asegura Educación.
A Xunta pecha outros sete centros educativos por falta de alumnado en Arteixo, Muros, Porto do Son, Romariz, Vimianzo e Negueira de Muñiz
Na década pasada, desde 2005, a maioría de centros pechados foron, fundamentalmente, escolas unitarias do rural do interior de Galicia, pero nos últimos anos tamén escolas de educación infantil de concellos litorais, como é o caso esta vez cos casos de Porto do Son, Arteixo ou Muros.
A caída das matrículas por baixo dos mínimos establecidos pola Consellería de Educación é a razón das supresións de centros, un motivo detrás do cal está á súa vez a caída da natalidade en xeral en Galicia e o despoboamento do rural, que dificilmente consegue reverter a chegada de poboación estranxeira máis nova.
O Goberno galego gábase de que grazas á rebaixa no número mínimo mantivo o curso pasado dúas escolas que no vindeiro aumentarán as matrículas
O Goberno galego xustifica os peches na necesidade de "adaptar o mapa escolar á evolución demográfica para o vindeiro curso escolar" e advirte que "tres escolas unitarias permanecerán abertas a pesares de teren unicamente cinco matriculados". Ademais, tamén lembra que "para atender á crecente demanda de matrícula, construiranse tres novos centros e realizaranse obras de ampliación noutros 18 en concellos de toda Galicia".
Nun comunicado, a Xunta lembra que o peche destas sete escolas unitarias, e cuxa relación definitiva será publicada no DOG, débese a que "non acadan o número mínimo de cinco alumnos que a Xunta rebaixou nos últimos cursos, posto que anteriormente estaba establecido en seis".
O Goberno galego gábase de que, "grazas a esta rebaixa no número mínimo, o curso pasado mantivéronse en funcionamento a escola de Santa Cruz (San Cibrao das Viñas), que incrementa a oito os matriculados de cara ao vindeiro curso, e o Colexio de Pazos-Comoxo (Boiro), que tamén aumenta a seis as matrículas".
Ademais, engade que, "seguindo esta mesma regra, de cara ao próximo setembro, malia a contar con cinco matrículas unicamente, tamén continuarán prestando servizo as escolas de Lamas (Moraña) e de Taboadela (que mantén o mesmo número de alumnos que o pasado curso), así como o colexio de Ombre (Pontedeume)".