Aulas máis diversas na procura de inclusión real: o alumnado con necesidades medra un 15% nun curso

Faixa de reivindicación de máis persoal para a atención de alumnado con necesidades educativas especiais (NEE), nunha das manifestacións convocadas por CIG-Ensino © CIG-Ensino

O número de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais aumentou un 12% entre o curso 2022-23 e o 2023-24, cunha suba do 47% dende o 2021-22

As aulas dos centros de ensino galegos son cada vez máis diversas e, podemos dicir, complexas. Nos últimos cursos vén medrando de forma moi importante o número de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais (NEE) e tamén o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). O alumnado NEE presenta algún tipo de discapacidade (intelectual, sensorial, motora...) ou un trastorno grave de conduta, situacións acreditadas mediante certificación. O alumnado NEAE, pola súa banda, está formado por nenos e nenas cun amplo abano de situacións: trastornos da linguaxe ou dificultade lectora, trastornos da atención, atraso maturativo, altas capacidades, vulnerabilidade socioeducativa, descoñecemento grave da lingua, integración tardía no sistema educativo...

Calquera destas situacións, en maior ou menor medida, supón un reto engadido para o profesorado, pois esixe del unha atención preferente cara a estes alumnos e alumnas, cuxa presenza nunha aula -sobre todo cando o seu número é importante- modifica os ritmos de traballo e de aprendizaxe da totalidade do grupo. É por iso que se prevén medidas, dende o reforzo de profesorado -con profesionais específicos en moitos casos- ou a redución do rateo docente-alumnado nas aulas nas que se dean estas situacións.

O alumnado con necesidades específicas de apoio pasou de 31.892 no curso 2022-23 a 36.660 no curso 2023-24, un aumento do 15%

Estas situacións son cada vez máis frecuentes, á vista dos últimos datos oficiais, facilitados a Praza.gal pola Consellaría de Educación. O número de alumnos e alumnas NEE pasou en Galicia de 12.041 no curso 2022-23 a 13.517 no curso 2023-24, un aumento do 12,3% que se engade á suba dos cursos anteriores (no curso 2021-22 eran 9.181 e dende entón a cifra aumentou un 47%). De igual xeito, o alumnado con necesidades específicas de apoio pasou de 31.892 no curso 2022-23 a 36.660 no curso 2023-24, un aumento do 14,95%.

Quere isto dicir que hai cada vez máis nenos e nenas con dificultades de aprendizaxe ou con algunha discapacidade? Non necesariamente. De feito, o groso do aumento probablemente se debe á maior capacidade de diagnóstico e a unha maior sensibilidade cara a estas situacións. Os máis de 50.000 estudantes galegos con necesidades educativas representan preto do 17% do total, por riba da media do Estado (14%). O dato galego sitúase por só debaixo do de Navarra, Cataluña, Baleares e Murcia.

O groso do aumento débese á maior capacidade de diagnóstico e a unha maior sensibilidade cara a estas situacións, aínda que si hai situacións específicas que motivan o seu incremento, como a chegada de máis alumnado estranxeiro, un 15% máis no último curso

Con todo, si pode haber situacións específicas cuxa incidencia estea a medrar; entre elas están as derivadas do peso cada vez maior de alumnado procedente doutros países, principalmente cando procede de territorios nos que non se fala castelán. A porcentaxe de alumnado con nacionalidade estranxeira pasou do 5,3% (curso 2022-23) ao 7,4% (curso 2024-25) e o peso dos nenos e nenas cuxas familias proceden do estranxeiro é moi superior. Por suposto, non todo o alumnado estranxeiro presenta dificultades educativas ligadas ao idioma, senón que estes casos son unha minoría.

Expertos tamén alertan do crecemento do número de nenos e nenas que chegan ao segundo ciclo de Infantil con transtornos da linguaxe, un problema con causas diversas.

Os centros sostidos con fondos públicos -tanto os de titularidade pública coma os de titularidade privada que funcionan con concerto- acollen o groso do alumnado con necesidades educativas especiais, máis escaso nos centros de financiamento privado

O incremento de todos estes colectivos non é algo que sucedese da noite para a mañá. As series estatísticas da Consellaría de Educación amosan que, por exemplo, o alumnado con Necesidades Educativas Especiais (NEE) vén aumentando o seu número na última década. Porén, é certo que as cifras se dispararon dende o curso 2021-22 (9.181) ata os últimos datos coñecidos (curso 2023-24: 13.517).

O mesmo sucedeu coas cifras de alumnado con nacionalidade estranxeira, en ascenso dende o curso 2015-2016 pero que disparou o seu nivel a partir do curso 2021-2022 (15.873) ata o actual curso 2024-25 (28.148).

Máis alumnado con necesidades educativas na pública, menos nos privados

Os datos da Consellaría de Educación amosan tamén que os centros sostidos con fondos públicos -tanto os de titularidade pública coma os de titularidade privada que funcionan con concerto- acollen o groso do alumnado con necesidades educativas especiais. Así, no curso 22-23 o 3,41% do alumnado dos centros públicos e o 3,49% dos concertados era NEE, fronte a unha porcentaxe moi inferior (1,49%) nos centros privados.

Os centros concertados reciben anualmente partidas de financiamento extraordinario compensar o traballo engadido que supón a matrícula de alumnado con necesidades especiais ou con necesidades específicas de apoio educativo

Os datos desagregados por nivel educativo sinalan que mentres que tanto en Infantil coma en Primaria a porcentaxe de alumnado con necesidades especiais é moi superior na pública, en ESO é a concertada a que presenta unha proporción maior; en todos os ciclos os centros privados non concertados fican moi atrás.

Iso si, os centros concertados reciben anualmente partidas de financiamento extraordinario compensar o traballo engadido que supón a matrícula de alumnado con necesidades especiais ou con necesidades específicas de apoio educativo. Por exemplo, os orzamentos da Xunta para 2026 inclúen unha partida de 287.000 euros para a atención do alumnado NEE e cada ano achega ao redor de medio millón de euros aos centros concertados para financiar a atención ao alumnado NEAE. A CIG vén criticando que o Goberno galego financie en centros privados "medidas de atención á diversidade que non apoia na pública".

Nos centros públicos a porcentaxe de alumnado estranxeiro (7,8% no curso 23-24) é moi superior á dos centros privados (6,11%)

O mesmo sucede co alumnado con nacionalidade estranxeira, entre o que hai casos de alumnos e alumnas con dificultades co idioma de aprendizaxe. Nos centros públicos a porcentaxe de alumnado estranxeiro (7,8% no curso 23-24) é moi superior á dos centros privados (6,11%), tanto concertados coma non concertados. As diferenzas, que son pequenas en Infantil, ábrense en Primaria (8,29% nos públicos, 6,66% nos privados) e na ESO (8,16% nos públicos, 6,26% nos privados).

A necesidade de reforzos

A diversidade é a realidade das aulas galegas na actualidade e non constitúe un problema en si mesmo, pero son imprescindibles medidas de reforzo de persoal, a fixación de protocolos para unha correcta xestión ou a redución das ratios. A Xunta destaca neste senso a actualización do decreto e orde de atención á diversidade e a existencia de protocolos como o de Atención Educativa ao Alumnado con Altas Capacidades Intelectuais, para a Intervención Psicoeducativa da Dislexia e outras Dificultades Específicas da Aprendizaxe ou para a Atención Educativa ao Alumnado con Discapacidade Auditiva, entre outros.

Na actualidade o sistema educativo galego conta con preto de cinco mil profesionais dedicados á atención á diversidade. Deles, ao redor de tres mil son profesores de Pedagoxía Terapéutica (PT) e de Audición e Linguaxe (AL), destaca a Consellaría de Educación. Porén, isto pode non ser suficiente

O pasado ano a Consellaría de Educación acordou con CCOO, ANPE e UGT unha serie de medidas para a redución de ratios e a atención ao alumnado con necesidades educativas. Unha das medidas do acordo educativo é que se pasou a computa por dous ou por tres ao alumnado NEE con discapacidade recoñecida, con dependencia ou con trastorno grave da conduta acreditada. "Isto permite incrementar o número de profesorado de apoio naqueles grupos onde é necesario grazas a este computo e realizar así desdobres de grupos ou co-docencia dentro da mesma aula", destaca a Consellaría de Educación en declaracións a Praza.gal, subliñando tamén que a medida foi pioneira no Estado.

De feito, a finais de setembro o Goberno do Estado presentou aos sindicatos unha batería de propostas "para reducir as ratios e optimizar a atención ao alumnado" que incluía "considerar a inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais [non así o alumnado NEAE] nas aulas de centros ordinarios como criterio redutor do número máximo de alumnado". Unha medida xa aplicada en Galicia. 

Educación salienta, así mesmo, que Galicia "destaca tamén como o sistema educativo máis inclusivo" segundo as estatísticas do Ministerio de Educación, pois o 93,3% do alumnado con necesidades está escolarizado en centros ordinarios fronte ao 85,2% estatal, "algo que é posible grazas á ampla rede de profesionais dedicados a esta finalidade", engaden dende o Goberno galego.

Manifestación en San Caetano nunha das xornadas de folga convocadas no ensino © CIG-Ensino

Dende o verán son moitos os centros de ensino nos que se están a levar a cabo mobilizacións para reclamar refozos de profesorado e persoal de apoio para atender estas situacións

Na actualidade o sistema educativo galego conta con preto de cinco mil profesionais dedicados á atención á diversidade. Deles, ao redor de tres mil son profesores de Pedagoxía Terapéutica (PT) e de Audición e Linguaxe (AL), o dobre dos existentes hai 15 anos, destaca a Consellaría de Educación.

Porén, isto pode non ser suficiente, á vista da numerosas reclamacións existentes en centros de ensino de boa parte de Galicia, que denuncian a través de anpas, direccións, sindicatos e profesorado, a falta destes apoios nun momento no que se disparou o número de alumnos e alumnas con necesidades educativas.

Dende o verán son moitos os centros de ensino nos que se están a levar a cabo mobilizacións para reclamar refozos de profesorado e persoal de apoio para atender estas situacións. É o caso do CEIP Monte dos Postes de Santiago (con 21 alumnos NEE e ao redor de 30 NEAE), o CEIP Concepción Arenal da Coruña (con preto de 80 alumnos con necesidades de apoio), o CEIP Ana María Diéguez de Rianxo, o CEIP de Leirado de Salvaterra de Miño, o CEIP Vila de Cee, o CEIP Virxe da Barca e CEIP Os Muíños (ambos en Muxía), o IES de Curtis, o CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas, o CEIP Vicente Otero Valcárcel de Carral, o CEIP San Xoán de Filgueira de Ferrol, o CEIP Campomaior de Ordes e tantos e tantos outros.

Unha das claves da folga

Faixa nunha das mobilizacións convocadas durante as xornadas de folga no ensino © CIG-Ensino

Esa foi unha das principais demandas da dobre xornada de folga de ensino convocada a pasada semana por CIG-Ensino, STEG e CUT

Esa foi unha das principais demandas da dobre xornada de folga de ensino convocada a pasada semana por CIG-Ensino, STEG e CUT. CIG-Ensino vén denunciando a non convocatoria de prazas de especialistas de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe e a "concesión destes especialistas baixo estrito control político". O sindicato reclama que "é preciso" actualizar o catálogo de postos de traballo "e adecualo á nova realidade nestas etapas, con maior alumnado con diagnósticos que esixen unha atención temperá e individualizada, maior alumnado migrante e maior alumnado con necesidades escolarizado en centros ordinarios". 

CIG-Ensino, sindicato maioritario, pide que "se fixen uns criterios máis amplos para a dotación de persoal de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe con destino definitivo nos centros" e demanda o cómputo como dobre ou triplo do alumnado con necesidades en todas as etapas.

Un dos carteis que puideron ver nas mobilizacións do ensino da pasada semana © CIG-Ensino

CIG-Ensino vén denunciando a non convocatoria de prazas de especialistas de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe e a actualización do catálogo de postos de traballo para "adecualo á nova realidade nestas etapas, con maior alumnado con diagnósticos"

Mesmo os sindicatos que si asinaron o pasado ano o acordo coa Consellaría de Educación -CCOO-Ensino, ANPE e UGT- denunciaron este verán o incumprimento do pacto no relativo ao cómputo de alumnado con necesidades educativas especiais, con 67 centros afectados.

Como se podía ler nun dos carteis que se viron nas mobilizacións convocadas durante as xornadas de folga no ensino de hai uns días, hai máis diversidade, pero hai atención? Hai máis diversidade, pero conséguese a axeitada inclusión? Esta é a realidade de boa parte dos centros educativos do país na actualidade, unha realidade máis complexa que debe ser abordada de maneira correcta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.