As eivas na atención á diversidade nos centros de ensino en Galicia volven ser denunciadas por familias "desesperadas" pola falta de recursos, pero tamén ante a expectativa da aprobación do borrador do futuro plan que prepara a Xunta.
A voz de alarma sobre as eivas na atención á diversidade chega agora desde un centro de Carnota da man de tres nais de pequenos con necesidades especiais
Desde hai anos, os recortes de persoal veñen sendo denunciados por familias en varios centros de Galicia. Desta vez, a voz de alarma chega desde o colexio público de Carnota, da man de tres nais de pequenos con necesidades especiais. Desde hai tempo, denuncian que os cativos quedan sen clase cando a súa acompañante terapéutica se ausenta por baixa, como aconteceu non hai moitos días, e denuncian a Xunta por "negarse a substituír esta traballadora, deixando tres rapaces sen o seu dereito á escolarización".
Ademais, advirten tamén de que tanto no seu centro, como noutros da comarca, non se cumpre cos ratios recomendados e hai casos nos que unha coidadora ten que encargarse de ata nove nenos. A xa "precaria" situación que levan anos denunciando pode empeorar, segundo din, de saír adiante o borrador da orde que regula a atención á diversidade e que a Xunta negocia estes días na mesa sectorial cos sindicatos.
O texto pretende unificar toda a dispersa e disgregada lexislación relativa á atención escolar á diversidade (en varios decretos desde 1996 e ata o de 2011), cumprindo así unha antiga demanda da comunidade educativa, pero as reaccións ao borrador non deixan contento a case ninguén.
As nais levan tempo denunciando a falta de recursos, o elevado número de alumnos que ten que atender un coidador ou a non substitución dos profesores
Araceli Figueira, xunto con outras dúas nais e co apoio da ANPA, vén de mandar unha carta ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, farta dos "continuos silencios e desleixo" por parte da Xunta ante as súas demandas e para expresar o seu "desacordo e preocupación" sobre varios aspectos.
Na misiva, á marxe doutras numerosas eivas, centran as súas críticas no artigo 80 da orde que desenvolve o Decreto 229/2011. No seu punto catro, o documento establece que "a ratio máxima de persoal auxiliar coidador/alumnado con necesidades educativas especiais non excederá de 1/7".
Así, advirten da "desaparición dunha figura tan importante coma a dos Acompañantes Terapéuticos Educativos (ATE) do sistema educativo galego". "Polo que deducimos do texto, os únicos profesionais que acompañarían os nosos fillos despois de aprobarse esta orde serían os coidadores", din as nais, que lembran que as funcións destes son só "asistenciais" e que reparan no feito de que no texto non se faga referencia "ás funcións de apoio educativo dos coidadores nas aulas". "Tememos que así non van poder seguir o programa escolar", expresan.
As críticas ao borrador do novo plan de atención á diversidade céntrase na desaparición da figura dos Acompañantes Terapéuticos e no aumento da ratio de alumnado por coidador
Esta falta de distinción entre coidador e ATE, que si está clara na lexislación estatal, é unha das grandes críticas das familias e dos sindicatos, que lembran que esta única función asistencial que lles atribúe a Xunta a ambas figuras fai que "se perda a función educativa de facto".
Ao mesmo tempo, expresan a súa "incredulidade" ante o aumento de ratio de alumnado con necesidades especiais para cada coidador, que "tería que atender sete alumnos con diferentes necesidades educativas especiais que estarían cursando estudios en aulas diferentes". Ante esta situación, as nais recordan que cada cativo ten "unha necesidade diferente en momentos distintos", o que pode ocasionar que nalgún intre algún deles "teña que quedar sen atención requirida". "Nos tempos de pandemia actual, tamén é un perigo porque o persoal tería que andar de aula en aula para poder atender todos os rapaces", explican.
Na carta, as nais alertan de que, xa nesta altura e no CEIP de Carnota, cunha única coidadora para tres alumnos con diferentes condicións, sería necesaria "máis atención para unha escolarización normalizada". "Sabe tan ben coma nós que é imposible que unha coidadora poida atender sete nenos con necesidades educativas diferentes que, en moitos casos, precisan de atención individualizada", repróchanlle ao conselleiro, ao que piden que "recapacite" e mude os aspectos denunciados do borrador para que "todos os nenos que precisen de apoios educativos nas escolas galegas teñan garantido o seu dereito a unha educación de calidade".
"Sabe tan ben coma nós que é imposible que unha coidadora poida atender sete nenos con necesidades educativas diferentes", reprochan as nais ao conselleiro
En declaracións a Praza.gal, Araceli Figueira alerta de que normativas comunitarias ou a propia nova lei educativa aprobada polo Goberno central exixen que os centros ordinarios "conten cos recursos necesarios" para atender os nenos con necesidades especiais". Ademais, asegura que enviou seis queixas desde xaneiro de 2020 á Xunta polas evias na atención á diversidade e "ningunha foi contestada". A resposta aos colexios, cando advirten á Consellería da falta de recursos, é, segundo esta nai, sempre a mesma: que non hai cartos dabondo.
Os resultados da mesa sectorial que aborda este borrador non foi moi satisfactorio para as súas demandas, segundo fontes coñecedoras da negociación. Sindicatos e orientadores dos centros amosan a súa decepción e o seu rexeitamento ao texto.
Desde a CIG xa advertiron de que o texto que se prevé para o novo plan de atención á diversidade non é mais que "unha regulación burocrática e formal, reprodución e actualización de normas publicadas após o Decreto do 2011". "Mais sen ningún paso adiante, coa ausencia de compromiso coa dotación de recursos humanos, materiais e formativos, e unha concepción da atención á diversidade supeditada a non incrementar un investimento que a Xunta interpreta como 'gasto", di a central nacionalista, que lembra que o borrador pasou pola mesa sectorial "sen que mudase nada substancial por parte da Administración".
"A Xunta ten unha concepción da atención á diversidade supeditada a non incrementar un investimento que interpreta como 'gasto", di CIG-Ensino
Para CIG-Ensino, a visión da Consellería de Educación é pruamente "economicista", o que a leva "a antepoñer en todo momento a dispoñibilidade de profesorado e outro persoal á atención do alumnado e a mellora nas condicións nas os docentes desempeñan o seu traballo". O sindicato aféalle á Xunta "que non fose capaz de dar un salto adiante e un cambio de rumbo na concepción da atención á diversidade e da dotación de todos os medios aos centros educativos".
Desde CCOO-Ensino tamén se critica unha proposta que "non chega acompañada da dotación precisa de persoal e de recursos materiais".
"É unha crueldade; sufrir estes novos recortes na atención aos nosos nenos non é de recibo", remata Figueira, que asinou a carta ao conselleiro xunto a Angélica González e Dolores Beiro.