O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de condenar a Xunta a indemnizar unha familia que denunciou que o CEIP Salgado Torres da Coruña incumprir a súa obriga de atender adecuadamente un neno con necesidades educativas especiais. A situación, que tivo lugar hai catro anos, fora denunciada ante o propio centro e ante a Consellería de Educación, que desestimou a reclamación.
Arturo padece un trastorno adaptativo de espectro autista (TEA), do que foi diagnosticado aos catro anos de idade. En 2009, cando tiña cinco anos, foi escolarizado no CEIP Salgado Torres da Coruña, centro designado como preferente para a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais. En 2012 o Equipo de Orientación Específico concluíu que precisaba necesidades de apoio educativo, polo que os obxectivos a nivel curricular pasaron a figurar nunha Adaptación Curricular Individualizada. Nese curso 2012/2013 realizou 3º de Primaria con estes apoios e con bos resultados: “Arturo acadou os obxectivos e competencias de acordo coa súa adaptación curricular. Tivo unha boa evolución e moitos progresos nas capacidades e habilidades sociais en comparación co nivel que presentaba o curso pasado", concluíu a súa titora.
Todo ía ben ata que en 4º de Primaria foille cambiada tanto a mestra de Pedagoxía Terapéutica coma a titora. E foron retirados da aula os referentes visuais de apoio
Todo ía ben ata que no curso seguinte, en 4º de Primaria, foille cambiada tanto a mestra de Pedagoxía Terapéutica coma a titora, que acaba de chegar ao centro a través dun concurso de traslados. Ademais, foron retirados da aula os referentes visuais de apoio (imaxes e pictogramas) que foran utilizados durante os cursos anteriores (que tiveron que ser reincorporados despois). Fronte aos progresos do curso anterior, Arturo comezou a amosar "condutas de nerviosismo, ansiedade, desorientación, medo e agresividade". Tamén souberon, a través doutros alumnos e dos seus pais e nais, que a titora adoitaba berrarlle a Arturo e que, en xeral, xerábase no neno unha situación de medo e tensión. A situación de Arturo agravouse e chegou a ser atendido de urxencia no Hospital Materno Infantil da Coruña, onde a psiquiatra decidiu aplicar un tratamento farmacolóxico.
Nese curso 2013-14, o neno deixou de asistir á clase durante dous meses e continuou cunha forte medicación durante todo un ano. O curso seguinte a súa avaliación non foi positiva, tendo que repetir. Os seus pais denunciaron a situación ante o propio centro de ensino e, posteriormente, ante a Consellería de Educación, que desestimou a reclamación, o que motivou o recurso contencioso administrativo que ven de ditar o TSXG, e que obriga o Goberno galego a indemnizar a familia con seis mil euros, unha cantidade -iso si- sensiblemente inferior aos ao redor de 50 mil solicitados.
A sentenza lembra que "no tratamento deste trastorno resulta fundamental que estas persoas conten cun ámbito espacial e temporal estruturado" e que "é necesario que a súa contorna resulte previsible, de forma que os cambios se introduzan de maneira gradual"
O xuíz destaca, en relación ás alteracións producidas no inicio do curso 2013-14 (cambio de mestras, de titora, retirada de axudas visuais...) que "non se poden banalizar estes cambios". E recolle un informe dunha psicóloga que indica que "no tratamento deste trastorno resulta fundamental que estas persoas conten cun ámbito espacial e temporal estruturado" e que "é necesario que a súa contorna resulte previsible, de forma que os cambios se introduzan de maneira gradual". Esta perito chega á conclusión de que o menor "foi vítima desde o inicio do curso dunha situación que non dubida en cualificar de 'maltratos', que xerou condutas explosivas de descontrol e ataques de pánico". Critica ademais que o rexistro de condutas por parte do centro educativo "non resultou adecuado e non permite unha avaliación funcional". Outro dos informes, a cargo dun médico, conclúe que o menor "sufriu unha interacción negativa durante o inicio do curso 2013/14" o que provocou "a agravación do TEA que padece"
O autismo afecta ao redor de 40.000 persoas en Galicia, e máis de 3000 nenos e nenas, cunha incidencia que está por riba de un caso por cada 150 menores de idade
O autismo afecta ao redor de 40.000 persoas en Galicia, e máis de 3000 nenos e nenas, cunha incidencia que está por riba de un caso por cada 150 menores de idade (outras estatísticas o elevan a 1 caso de cada 88 rapaces). A sentenza subliña que "a abordaxe das dificultades de conduta debe realizarse a través dun apoio conductual positivo que require a implicación de todos os que se relacionan coa persoa que padece TEA" xa que "o contrario podería interferir de forma significativa e negativa a saúde, a súa educación e a súa calidade de vida". E lembra que "existe consenso en que a educación e o apoio comunitario son os principais medios de tratamento do TEA".
O xuíz conclúe que o "comportamento do Centro durante ese curso dista de ser o desexable e debe cualificarse de neglixente"
E o xuíz conclúe que, aínda que non pode considerar que houbo "malos tratos" por parte do persoal educativo pois "ningún interese poden ter en prexudicar o proceso formativo do menor", o "comportamento do Centro durante ese curso dista de ser o desexable e debe cualificarse de neglixente". Máis, tendo en conta que o CEIP Salgado Torres da Coruña é un centro designado como preferente para a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais.
Satisfacción na familia do menor afectado
Esther Cuadrado, nai de Arturo e membro da Plataforma Galega pola Educación Inclusiva, celebra que a sentenza lle dea a razón na base fundamental da súa denuncia. "Dado o mantemento, con coñecemento e consentimento de Inspección Educativa, de contextos escolares, situacións e intervencións que puñan en perigo a integridade do neno, vímonos obrigados a acudir aos tribunais, non só para garantir a súa integridade, senón para reclamar un trato digno e respectuoso e humano", di, cualificando de "impresentable" a resposta recibida por parte da Consellería de Educación.
"Se estivésemos nun país medio normal produciríase o cesamento inmediato do Conselleiro de Educación, porque o que o TSXG recoñeceu é a vulneración sistemática dos dereitos inherentes a calquera ser humano na contorna escolar", destaca a nai do menor
"É a primeira vez en España que se condena unha Consellería pola retirada dos apoios e adaptacións e axustes razoables recoñecidos a un neno con diversidade funcional", destaca. "En definitiva, algo tan simple de sentido común como que retirarlle a un neno as súas posibilidades de comunicación e así como de comprensión da contorna é neglixente e ten consecuencias para o neno e para a súa familia", di. "Se estivésemos nun país medio normal produciríase o cesamento inmediato do Conselleiro de Educación e de todo o seu equipo, polo coñecemento, xestión e actuación que tiveron, porque o que o TSXG recoñeceu é a vulneración sistemática dos dereitos inherentes a calquera ser humano na contorna escolar", conclúe.
Hai tres anos e medio Esther Cuadrado denunciou publicamente esta situación en conversa con Praza, afirmando que "se toca un bo colexio, xenial, pero como toque un malo, o teu fillo sufrirá as consecuencias. E se toca un mal profesional, esteas escolarizado onde esteas: colexio preferente, aula estable, especifico, ordinario con apoios..., se toca, fódeste". E engadía que "un colexio pode ter un equipo docente de primeira calidade ata que, por motivos complexos de explicar, estes profesionais son trasladados a outros colexios, e, novamente ao bombo, a rogar que os novos docentes sexan competentes". Chegou mesmo a dirixirlle unha carta a Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta, ao que lle dicía que "o problema non é que o neno teña unha discapacidade, é un problema de terrorismo educativo” e alertaba de que "a falta de atención temperá aos afectados por autismo está creando dependentes de por vida". "Hai un problema de compromiso político para recoñecer os afectados por trastornos de autismo como cidadáns de pleno dereito", engadía.