A xornada de paros laborais e mobilizacións sindicais contra o xenocidio e en solidariedade co pobo palestino culmina con medio cento de manifestacións impulsadas pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina
A xornada de paros laborais, concentracións en centros de traballo e manifestacións impulsadas polos sindicatos contra o xenocidio en Gaza e en solidariedade co pobo palestino culminou este 15 de outubro con case medio cento de mobilizacións. Foron, concretamente, 46 protestas convocadas pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina
“Non podemos deixarnos enganar pola chamada paz do Cairo”, aseguraron no manifesto ao que se deu lectura nas concentracións e manifestacións. Un acordo que consideran unha “representación a maior gloria do imperialismo, que reparte guerra ou paz en función do que lle convén”.

Galiza por Palestina chama a manter as mobilizacións e os actos de condena social. Se chegou este cesamento do fogo, sosteñen, foi pola “constatación de que Israel é incapaz de conseguir os seus obxectivos de limpeza étnica” pola vía militar e pola súa visibilización “como inimigo da humanidade”.
Advirten, asemade, de que o acordado e sancionado por Donald Trump “non resolve o problema de fondo”, a ocupación ilegal de Palestina. Por iso se comprometen a a seguir esixindo “que os crimes do sionismo” non queden impunes e os responsables asuman “responsabilidades políticas”.
Así mesmo, incidiron en reclamar que “a Xunta deixe de normalizar o Estado sionista de Israel con acordos que nos avergoñan como pobo”. Conderaron a “complicidade” da Unión Europea e de moitos gobernos occidentais e recuncaron na petición de “ruptura de todas as relacións” co Estado presidido por Netanyahu.
“Comprometémonos a nunca deixar de falar de Palestina ata que sexa libre e soberana” e a “seguir visibilizando a Israel como inimigo da humanidade”, concluíron dende a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina nos actos deste xoves.