A Xunta merca chalecos antibala en Catalunya tras incumprir requisitos os ofrecidos por un xigante militar israelí

Control da Unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta CC-BY-SA Xunta

Guardian Homeland Security, representante en España dos principais fabricantes israelís, foi excluída do concurso convocado para a policía autonómica por 227.000 euros

O pasado maio a Consellería de Presidencia convocou un concurso público por 227.000 euros para a subministración de 250 chalecos antibala e anticoitelo á unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta, a denominada policía autonómica. Uns días despois Praza.gal revelou que ao proceso presentárase Guardian Homeland Security, "representante oficial en España dos principais fabricantes israelís de material policial e militar", segundo a propia empresa. Porén, finalmente o concurso vén de ser agora adxudicado a outra firma, a catalá Usis Guirao SL, tras ser excluída tanto a oferta israelí como unha terceira candidata "por non cumprir os requisitos técnicos esixidos".

Materiais promocionais de Guardian Homeland Security, coa presentación da empresa e da súa oferta de chalecos, na que figuran materiais da Policía Local de Vigo e da Policía Nacional como mostras da súa clientela CC-BY-NC-SA Praza.gal

Especializada en "produtos militares e policiais", pero tamén na "impartición de cursos de seguridade en Israel e en España" e en formación e servizos en materia de "seguridade e intelixencia", Guardian non oculta o seu aliñamento político coas accións militares das actuais autoridades israelís no asedio a Gaza, mesmo difundindo propaganda ao respecto a través das redes sociais. Ao tempo, os seus vencellos co Exército israelí son tamén obvios por ser representante de IMI Systems, antiga empresa pública israelí mercada en 2018 pola privada Elbit cuxos produtos son "intensamente usados polo exército e unidades militares israelís", promocionan.

Alén das connotacións políticas ou mesmo éticas das relacións comerciais con esta compañía no actual contexto internacional, no caso de que Guardian resultase gañadora do concurso aberto pola Xunta, o contrato rozaría o terreo acoutado dende finais de 2025 polo Goberno de España no Real Decreto "de medidas urxentes contra o xenocidio en Gaza e de apoio á poboación palestina". Como informou Civio, un dos preceptos desa norma prohibe importar de Israel material de defensa que inclúe chalecos e, segundo Guardian, os seus "produtos de protección balística" son "made in Israel". Caberían matices, como aclarar se os materiais a fornecer estaban almacenados en territorio español antes da entrada en vigor da norma.

Exclusión do concurso dos chalecos antibala por non cumprir requisitos técnicos CC-BY-SA Praza Pública

Os técnicos da mesa de contratación excluíron a oferta dos representantes israelís "por non cumprir os requisitos técnicos esixidos no prego de prescricións técnicas"

Porén, o posible problema non chegou a concretarse xa que durante o desenvolvemento do concurso Guardian Homeland Security foi excluída do mesmo pola mesa de contratación "por non cumprir os requisitos técnicos esixidos no prego de prescricións técnicas". Con ela tamén foi excluída unha terceira oferta presentada por Dotación y Equipamiento SL, de xeito que finalmente só foi valorada a oferta presentada pola catalá Usis Guirao SL, que obtivo 35 dos 40 puntos máximos que podía recibir na avaliación das características técnicas. 

O contrato vén de ser adxudicado con data deste 26 de outubro polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, por un importe de 180.000 euros, uns 50.000 menos que o prezo de partida. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.