O grupo dos principais fabricantes militares israelís opta a fornecer chalecos antibalas á Xunta

Un axente da unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta cun chaleco de protección, logotipo e presentación da empresa e encabezamento do contrato que tramita a Xunta CC-BY-SA Praza.gal

Guardian Homeland Security, "representante oficial dos principais fabricantes israelís de material policial e militar", é unha das tres candidatas ao concurso da Consellería da Presidencia para mercar 250 chalecos da unidade de Policía adscrita ao Goberno galego 

Este martes, 16 de xuño, ás nove e cuarto da mañá, a Consellería da Presidencia celebra a segunda sesión da mesa encargada do contrato para mercar 250 chalecos "antibalas, anticoitelo e antipunzón" para a unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta, a coñecida como policía autonómica. Trátase da xuntanza na que os seis membros da mesa comezarán a analizar as ofertas das empresas que se optan ao contrato. Unha delas é Guardian Homeland Security, o "representante oficial en España dos principais fabricantes israelís de material policial e militar", en verbas da propia compañía.

Apenas un ano despois de ter que deixar deserto o concurso por ausencia de ofertas, o departamento que dirixe Diego Calvo reiniciou o procedemento a mediados do pasado maio por un importe practicamente idéntico (227.498,15 euros, IVE incluído) e desta volta recibiu tres candidaturas. Constatouno o pasado día 4, cando abriu o apartado de documentación xeral das ofertas, concedeu tres días a unha delas (a catalá Usis Guirao) para completar un formulario incompleto e admitiu as outras dúas sen necesidade de emendas por cumpriren todos os requisitos formais: Dotación y Equipamiento, S.L. e a devandita Guardian Homeland Security.

Documento no que a mesa de contratación da Consellería de Presidencia constata as empresas participantes no seu concurso de subministro de chalecos antibalas CC-BY-SA Xunta

No seu portfolio empresarial Guardian promociónase como "fornecedor principal de produtos de seguridade e defensa de fabricación israelí". Nas súas presentacións públicas salienta que foi "fundada por antigos membros dos servizos especiais de seguridade do Estado de Israel", cuxo Ministerio de Defensa lle concedeu licenza de exportación hai dúas décadas. Está inscrita no Ministerio de Defensa español dende 2010, na OTAN dende 2011 e habilitada polo Ministerio do Interior dende 2018. O presidente da súa matriz, Guardian LTD Israel, é o tenente xeneral retirado das forzas armadas israelís Yom Tov Samia, segundo consta no catálogo 26-27.

A compañía, "fundada por antigos membros dos servizos especiais de seguridade do Estado de Israel" e presidida por un tenente xeneral retirado, presenta como valor dos seus produtos seren usados polo exército hebreo e logrou diversos contratos co Estado e múltiplos concellos, varios galegos

Especializada en "produtos militares e policiais", pero tamén na "impartición de cursos de seguridade en Israel e en España" e en formación e servizos en materia de "seguridade e intelixencia", Guardian non oculta o seu aliñamento político coas accións militares das actuais autoridades israelís no asedio a Gaza, mesmo difundindo propaganda ao respecto a través das redes sociais. Ao tempo, os seus vencellos co Exército israelí son tamén obvios por ser representante de IMI Systems, antiga empresa pública israelí mercada en 2018 pola privada Elbit cuxos produtos son "intensamente usados polo exército e unidades militares israelís", promocionan.

Alén das connotacións políticas ou mesmo éticas das relacións comerciais con esta compañía no actual contexto internacional, no caso de que Guardian resultase gañadora do concurso aberto pola Xunta, o contrato rozaría o terreo acoutado dende finais de 2025 polo Goberno de España no Real Decreto "de medidas urxentes contra o xenocidio en Gaza e de apoio á poboación palestina". Como informou Civio, un dos preceptos desa norma prohibe importar de Israel material de defensa que inclúe chalecos e, segundo Guardian, os seus "produtos de protección balística" son "made in Israel". Caberían matices, como aclarar se os materiais fornecidos están almacenados en territorio español antes da entrada en vigor da norma.

Materiais promocionais de Guardian Homeland Security, coa presentación da empresa e da súa oferta de chalecos, na que figuran materiais da Policía Local de Vigo e da Policía Nacional como mostras da súa clientela CC-BY-NC-SA Praza.gal

A propia Guardian Homeland Security salienta tamén nos seus materiais promocionais, alén desa fabricación israelí, que "nos últimos anos" leva subministrado "miles de chalecos antibalas á Garda Civil, Policía Nacional, Exército Español e policías locais e autónomas", o que a levou a manter "unha liña exclusiva e adaptada ás necesidades do mercado español" da marca Rabintex, cuxo uso polo exército de Israel tamén explicita. Entre esas adxudicacións hai cando menos tres concellos galegos: A Coruña (2021), Vigo (cando menos, 2019 e 2023) e Ourense (2025). 

A fabricación israelí dos chalecos rozaría o terreo acoutado polo Goberno de España na súa prohibición de importar material de defensa de Israel polo xenocidio en Gaza, pero caberían matices como a data de importación

Os chalecos da Policía Local de Vigo son, precisamente, uns dos que a empresa emprega como mostra no seu sitio web. Nel tamén presenta media ducia de empresas en Galicia (Na Coruña, Bergondo, Pontevedra, Redondela e Caldas de Reis) como parte da súa ampla rede de distribuidores.

Eses contratos municipais, que recibiron críticas de entidades defensoras do pobo palestino, foron anteriores ao devandito veto estatal. A medida foi aprobada polo Goberno do PSOE e Sumar tras unha ampla controversia pública por unha millonaria contratación a IMI Systems para o subministro de munición ao Ministerio do Interior, finalmente anulada. 

Un axente da Unidade de Policía Adscrita (UPA) á Xunta saúda ao paso de Rueda e dous dos seus asesores antes do inicio dun Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Como recolleu o Centro Delàs de Estudos pola Paz nun informe de 2019 recuperado en 2025 por El Periódico de Catalunya, durante anos Guardian veu presentado como aval para os seus produtos contar entre a súa clientela con varios ministerios do Goberno de España, a Axencia Tributaria, o Exército ou a Casa Real. Tamén salientaba daquela á Policía Nacional, a Garda Civil e as policías catalá, vasca e navarra, así como a Embaixada de Israel en España.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.