Os membros da Flotilla chegados dende Galicia "atópanse ben de saúde" e acreditan "os numerosos abusos, torturas e violencia extrema" das autoridades israelís contra os activistas
A delegación galega na Flotilla solidaria con Gaza xa está, á fin, na casa. Alberte Pagán, Benito
González, Duarte Ferrín, Sandra Garrido e Xurxo Porrit chegaron a Santiago na noite deste pasado sábado procedentes de Madrid, a onde voaran dende Istambul, mentres que Ana Fuentes viaxou a Vigo e Andrés Morales, cara a Barcelona.
Tanto no aeroporto madrileño como na estación compostelá os activistas tiveron recibimentos de reivindicación e solidariedade, lonxe das escenas de violencia policial vividas en Euskadi. Entre a comitiva de benvida na capital galega atopábase a alcaldesa, Goretti Sanmartín. Explican dende a Global Sumud Flotilla que "todas as integrantes da delegación galega se atopan ben de saúde", o que non impide que acrediten "os numerosos abusos, torturas e violencia extrema coa que foron tratadas" as activistas durante o secuestro por Israel.
Desta maneira, "despois de desenvolver un arduo traballo de documentación e atención médica" na capital turca, emprenderon viaxe de retorno as sete persoas que, como o resto de membros da flotilla, foron "interceptados" polo Estado hebreo "mentres navegaban pacificamente en augas internacionais e exercendo o seu dereito á libre navegación e á solidariedade". Tras esa interceptación, testemuñan, chegaron "abusos, agresións e torturas xeneralizadas".
"Para os palestinos que pasan por este sistema legal colonial, non hai funcionarios consulares, nin equipos legais, nin xornalistas esperando no aeroporto" e tampouco "son deportadas despois duns días", resaltan
"Entre os feitos denunciados", especifica a Global Sumud Flotilla, figura o uso de "balas de goma disparadas a curta distancia, pistolas Taser na cara e na parte superior do corpo, granadas atordantes lanzadas a grupos de detidos, posicións de tensión mantidas durante horas baixo luz brillante permanente, hijabs retirados pola forza, así como diversas formas de violencia sexual". Ao chegaren a porto, agregan, "a violencia continuou con malleiras, costelas rotas e humillacións sexuais dunha gravidade que supera os vídeos publicados polo ministro de Seguridade Nacional israelí, Itamar Ben Gvir".
Neste sentido, as activistas instan a ter en conta que "para os palestinos que pasan por este sistema legal colonial, non hai funcionarios consulares, nin equipos legais, nin xornalistas esperando no aeroporto" e tampouco "son deportadas despois duns días", como lle sucedeu á Flotilla. Así, remarcan, cómpre lembrar que "máis de 9.000 palestinos están están actualmente detidas en prisións israelís; máis de 3.500 baixo detención administrativa" e entre elas atópanse unhas 400 persoas menores de idade.