Unha Flotilla "reforzada" parte de Turquía cara a Gaza "atenta" ante posibles ataques de Israel

Sete das oito persoas da delegación galega na Flotilla, hai uns días en Marmaris (Turquía) © gstggaliza

15 días despois de ser interceptada en augas internacionais por militares israelís, partiu de novo dende Marmaris (Turquía) co obxectivo de rachar o bloqueo que sofre a poboación palestina

Este xoves partiu dende o porto de Marmaris, en Turquía, a Flotilla Global Sumud en dirección a Gaza. A misión, que conta co reforzo das novas incorporacións de barcos gregos e turcos, reinicia a súa travesía 15 días despois de que fose interceptada en augas internacional por militares israelís, que secuestraron a parte dos seus integrantes, dous dos cales -Thiago Ávila e Saif Abu Keshek- permanecen nunha prisión en Israel. A Flotilla, composta por 54 barcos con case 500 participantes de 45 países, inicia agora a súa última etapa cara a Gaza "co obxectivo de rachar o bloqueo imposto". 

Nela viaxan oito galegos e galegas, unha máis que na partida inicial, xa que se incorporou Amaia Pérez-Izaguirre Urquizu, sanitaria galega que forma parte do equipo médico da flotilla. Únese a outros e outras activistas do país, como Sandra Garrido, avogada e activista que xa formou parte da Flotilla no 2025; Alberte Pagán, cineasta e documentalista galego que participou na Marcha a Gaza por terra no 2025; e Xurxo Porritt Lueiro, enfermeiro xubilado, ex-portavoz da Plataforma pola Defensa da  Sanidade Pública no Condado e membro de O Condado con Palestina.

Concentración en apoio da Flotilla en Vigo, en abril © BNG Vigo

Na misión viaxan oito activistas de Galicia, coa incorporación dunha sanitaria. A organización chama á sociedade galega a mobilizarse: "se atacan á flotilla, atoparán unha onda de resistencia global"

A voceira a bordo dos barcos, Sandra Garrido, afirma que “o silencio dos gobernos tras o ataque á Flotilla é unha mostra do silenciamento do xenocidio que se comete en Gaza dende hai 78 anos. Imos para que se vexa o que sucede en Palestina”. A motivación e os folgos están intactos a pesar dos ataques ilegais e as presións sufridas. Como afirma Xurxo Porrit: “Venceremos nós, venceremos nós, algún día venceremos“; sempre coa Palestina e a súa loita no centro.

A voceira a bordo dos barcos, Sandra Garrido, afirma que “o silencio dos gobernos tras o ataque á Flotilla é unha mostra do silenciamento do xenocidio que se comete en Gaza dende hai 78 anos. Imos para que se vexa o que sucede en Palestina"

A flotilla denuncia que o xenocidio israelí "continúa cruelmente coa aceptación e pasividade dos organismos internacionais" e sinala que "a terrible e silenciada situación que sofre o pobo palestino, mesmo despois do falso cesamento do fogo, fai cada vez máis urxente establecer un corredor humanitario". O obxectivo é entregar alimentos e axuda a nenas, nenos e familias palestinas "que continúan vivindo baixo a brutal ocupación israelí".

En paralelo á saída marítima, un convoi terrestre atópase avanzando no norte de África. Conformado por decenas de camións e centos de participantes de máis de 30 países, esta misión terrestre avanza por Libia cara ao cruzamento fronteirizo de Rafah.

Manifestación por Palestina en Compostela, o pasado sábado © BNG Compostela

Global Sumud Galiza sinala que permanece "atenta ao avance da flotilla" e indica que "no caso de ataques ou intercepcións, activaranse todas as medidas de acción e presión necesarias para exixir a seguridade e a liberdade das persoas participantes"

Global Sumud Galiza sinala que permanece "atenta ao avance da flotilla" e indica que "no caso de ataques ou intercepcións, activaranse todas as medidas de acción e presión necesarias para exixir a seguridade e a liberdade das persoas participantes, demandar a continuidade da misión e denunciar a complicidade global que sostén o xenocidio contra o pobo palestino".

A organización chama a toda a sociedade galega e internacional a mobilizarse en apoio desta misión e a sumarse á rede de acción: "se atacan á flotilla, atoparán unha onda de resistencia global: inmediata, organizada e visíbel. Porque Palestina non está soa. Porque asúa loita tamén é a nosa", destacan dende Global Sumud Galiza.

A organización subliña que a lexislación internacional "avala e debe garantir" o avance desta misión humanitaria, recoñecendo o dereito á liberdade de navegación e ao paso humanitario segundo a Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar, as Convencións de Xenebra e o Manual de San Remo. Todas as persoas delegadas son civís protexidas pola Cuarta Convención de Xenebra, con dereito a trato humano e garantías
legais, engaden.

Concentración en Lugo en protesta pola retirada da bandeira palestina do Concello de Lugo © Esquerda Unida Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.