A nova Global Sumud Flotilla en dirección a Gaza foi interceptada esta noite en augas internacionais, a medio camiño entre Italia e Grecia, ao oeste de Grecia. Os buques foron interceptados por lanchas militares rápidas e "forzas que se identificaron como israelís"
A nova Global Sumud Flotilla en dirección a Gaza foi interceptada esta noite en augas internacionais, a medio camiño entre Italia e Grecia, ao oeste de Grecia. Os buques foron interceptados por lanchas militares rápidas e "forzas que se identificaron como israelís" e a organización da Flotilla denuncia "a desaparición" de Saif Abukeshek, responsable do Comité Organizativo da Global Sumud e doutras persoas.
Entre os buques interceptados están o Saf Saf, o Arkham III, o Romantica, o Eros I, o Snap ou o Eros. A organización sinala que a flotilla "navegaba pacificamente" cando as comunicacións por radio de varias embarcacións "se viron bloqueadas". Nese momento apareceron "ducias de drons, múltiples buques militares de gran tamaño e lanchas rápidas" e grupos de militares subiron aos barcos "apuntando con láseres e armas de asalto semiautomáticas e ordenando aos tripulantes que se dirixisen á proa e se axeonllasen coas mans en alto".
A cifra provisional eleva a 21 o número de buques "interceptados" e sinálase que 30 persoas con pasaporte español foron "secuestradas por Israel". Cando menos sete galegas e galegos participan na Flotilla
A cifra provisional eleva a 21 o número de buques "interceptados" e de 30 persoas con pasaporte español "secuestradas por Israel", nun total de 175 persoas detidas. O resto de embarcacións están xa en augas gregas ou dirixíndose cara a portos gregos.
Cando menos sete galegas e galegos participan na Flotilla. Entre elas están Sandra Garrido, avogada e activista que xa formou parte da Flotilla no 2025; Alberte Pagán, cineasta e documentalista galego que participou na Marcha a Gaza por terra no 2025; e Xurxo Porritt Lueiro, enfermeiro xubilado, ex-portavoz da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública no Condado e membro de O Condado con Palestina.
Apareceron "ducias de drons, múltiples buques militares de gran tamaño e lanchas rápidas" e grupos de militares subiron aos barcos "apuntando con láseres e armas de asalto semiautomáticas e ordenando aos tripulantes que se dirixisen á proa e se axeonllasen coas mans en alto"
O pasado luns a nova Global Sumud Flotilla en dirección a Gaza partiu oficialmente dende Sicilia con medio cento de embarcacións e o obxectivo de "desafiar o bloqueo ilegal de Israel", impulsar a apertura dun corredor humanitario permanente e "intensificar a presión internacional coordinada sobre os gobernos e as empresas cómplices da súa imposición".
A flotilla partiu acompañada por embarcacións como o Arctic Sunrise de Greenpeace e o buque de rescate
Open Arms, que navegan xunto á flota civil como parte do seu programa humanitario e de seguridade máis amplo. Ademais, Amnistía Internacional instou os Estados a garantir o tránsito seguro da flotilla. En paralelo á misión marítima, lanzouse a campaña We Rise, que inclúe mobilizacións terrestres como o peche de portos contra a subministración de armas, accións culturais e iniciativas de boicot e desinvestimento.
A organización da Flotilla denuncia que "o asalto produciuse no medio do Mediterráneo, o mar máis vixiado polas institucións da Europa fortaleza, ante a mirada de Frontex"
Posicionamento oficial da Flotilla
A organización da Flotilla denuncia que "o asalto se produciu no medio do Mediterráneo, o mar máis vixiado polas institucións da Europa fortaleza, ante a mirada de Frontex". E sinala que "a pesar de que as embarcacións estaban na zona de rescate de Grecia e emitiron un sinal de SOS, os gardacostas gregos incumpriron a súa obrigación de axudalas". "Os principios máis elementais do dereito marítimo e internacional son vulnerados pero a UE mira cara a outro lado", engade.
A entidade critica "a Europa cómplice do xenocidio do pobo palestino, que continúa en Gaza cada día a cámara lenta baixo a mentira da tregua de Trump. A Europa cómplice da acelerada colonización de Cisxordania. A Europa cómplice coas ofensivas coloniais do imperialismo e o sionismo no Líbano e en Irán".
En protesta contra a acción israelí en augas internacionais, en solidariedade coa Flotilla e esixindo a liberación de todas as persoas detidas, veñen de convocarse concentracións en varias localidade galegas para este xoves pola tarde
O BNG condenou no Congreso o ataque de Israel e urxe o Goberno do Estado !a garantir a protección e seguranza da Global Sumud Flotilla". O deputado Néstor Rego exixe ao Goberno "romper relacións con Israel e levar a cúpula sionista ante a Corte Penal Internacional".
Concentracións en Galicia
En protesta contra a acción israelí en augas internacionais, en solidariedade coa Flotilla e esixindo a liberación de todas as persoas detidas, veñen de convocarse concentracións en varias localidade galegas para este xoves pola tarde
- Compostela, ás 19h. na Praza do Toural
- Ferrol, ás 19h. na Praza do Concello
- Pontevedra: ás 19h na Praza da Peregrina
- Vigo: ás 20h no Paseo de Alfonso
- Lalín: 21h, pendente confirmar lugar