Nova mobilización galega por Palestina e contra o silencio: "O xenocidio continúa"

Cabeceira da manifestación en solidariedade co pobo palestino, este 4 de outubro en Santiago CC-BY-NC-SA Galiza por Palestina / Galiza pola Paz

A asociación Galiza por Palestina e a plataforma Galiza pola paz denuncian cunha manifestación en Sanitago a "paz de mentira" en Gaza, onde continúa "a limpeza étnica contra o pobo palestino"

Por Palestina e contra o silencio. A asociación Galiza por Palestina e a plataforma Galiza pola paz manifestáronse este domingo en Santiago cun duplo obxectivo. Volver manifestar solidariedade co pobo palestino fronte ás agresións israelís, máis tamén advertir fronte ao "silenciamento sobre o que está a acontecer en Gaza, onde o xenocidio continúa", resume Ánxela Gippini, voceira de Galiza por Palestina.

Dende a Alameda ata a praza das Praterías, onde as entidades convocantes leron o manifesto final, a concorrencia fixo súa a "causa dun pobo sometido a un lento xenocidio dende hai oito décadas" e a "un xenocidio rápido dende hai tres anos". Pero tamén a "unha paz de mentira dende hai un".

Participantes na manifestación por Palestina, este domingo en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

Porque, advirten, "a limpeza étnica do imperialismo e o sionismo contra o pobo palestino", especialmente en Gaza, "non cesa". "Hai un ano os Estados Unidos mudaron o paso" para, "ante a mobilización permanente de pobos enteiros" e as "evidencias dos crimes" de Israel, "forzaron a sinatura dun plano de paz que nin procuraba a paz nin tiña nada de planificado", denuncian.

As entidades convocantes esixen un "alto o fogo real", a entrada "masiva" de axuda humanitaria en territorio gazatí e a ruptura de relacións e denuncia internacional ao Estado de Israel

Por iso, defenden, cómpre aínda máis que continúe a mobilización. "Non detiveron os bombardeos" nin "deixaron que entrase axuda" nin "iniciar a reconstrución de Gaza". Só serviu, lamentan, para "mover o foco" e que "se deixase de falar dos crimes do imperialismo e do sionismo" e, "baixo esta cobertura de silencio, o Estado criminal de Israel continúe a súa expansión, o asasinato político", o "roubo de terras" ou "os asentamentos ilegais". En Gaza, mais tamén en Cisxordania, resaltan.

Neste punto, as entidades convocantes e as que as apoian ven aínda máis relevante "mobilizarse pola paz e a vida digna en Palestina" e "esixir un alto o fogo real" e a "fin do bloqueo" para unha "entrada masiva e sen trabas de axuda humanitaria". Reclaman, asemade, "unha investigación exhaustiva e independente do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel".

Un intre da manifestación convocada por Galiza por Palestina e Galiza pola Paz CC-BY-NC-SA Galiza por Palestina / Galiza pola Paz

En clave europea, estatal e galega, reclaman a ruptura total de relacións co Estado de Israel, impulsar "activamente medidas de rendición de contas a nivel internacional" e, no que atinxe á Xunta, que "deixe de se pór de perfil". O Goberno galego, advirten, tamén debe "tomar postura clara na defensa da legalidade internacional, cancelando calquera relación institucional, comercial ou de cooperación que manteña, directa ou indirectamente, con entidades cómplices da ocupación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.