A Audiencia Provincial de Madrid vén de reabrir a investigación por un presunto delito de incitación ao odio antisemita, atendendo o recurso do lobby ACOM contra o sobresemento provisional da causa determinado polo Xulgado de Instrución
A Audiencia Provincial de Madrid vén de reabrir a investigación contra Suso de Toro por un presunto delito de incitación ao odio antisemita, atendendo parcialmente o recurso presentado polo lobby Acción y Comunicación sobre Oriente Medio (ACOM) contra o sobresemento provisional da causa determinado hai dous anos polo Xulgado de Instrución nº 37 da capital estatal.
O tribunal considera prematuro o peche da causa, sinalando que as publicacións realizadas polo escritor en X poderían ser constitutivas do delito de fomento, promoción ou incitación ao odio, hostilidade ou discriminación tipificado no artigo 510 do Código Penal. O lobby ACOM, "organización pro-Israel referencia en España", celebra a decisión xudicial e critica publicacións coma a realizada por De Toro o 3 de marzo de 2024 na que afirmaba que “Ao final os sionistas coa súa crueldade sen freos convencen de que, despois de todo os nazis non eran tan malos. Tantas películas de Auschwitz e resulta que Gaza é peor".
O autor, acusado por uns chíos publicados en 2024 nos que tirou "de ironía con pouca fortuna" para denunciar o xenocidio en Gaza, di que "non me podo nin debo arrepentir" e engade que "non é a primeira vez que o estado de Israel me intimida con algún dos seus instrumentos"
A organización pro-israelí considera que a resolución xudicial "supón un importante respaldo xudicial á tese que esta organización mantivo desde o primeiro momento: que as expresións denunciadas non constitúen unha mera crítica política lexítima ao Goberno de Israel, senón que configuran un discurso de odio antisemita que deshumaniza e criminaliza colectivamente ao pobo xudeu, banalizando un dos episodios máis vergoñosos da historia recente".
Suso de Toro respondeu á noticia a través das redes sociais sinalando que de momento non ten "comunicación oficial" e que só pode saber o que publica ACOM na súa web. En todo caso o escritor criticar ser "investigado por denunciar o xenocidio que comete Israel" e pregúntase: "debo arrepentirme de ter escrito comparacións entre o nazismo alemán e o que fai o Estado sionista en Palestina". A continuación De Toro responde "non me podo nin debo arrepentir. Lamento as consecuencias que me van chegar a min e ao meu entorno, mais non me podo arrepentir. O autor engade que "non é a primeira vez que o estado de Israel me intimida con algún dos seus instrumentos querendo anular a miña liberdade de expresión".
Nas últimas horas, dende que Suso de Toro fixo pública a súa situación, o escritor comezou a recibir o apoio de numerosas persoas a través das redes sociais. Tamén se posicionou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Nos días posteriores á publicación do texto aludido por ACOM e ante a polémica que xerara, Suso de Toro procedera a corrixir a súa redacción, escribindo "corrixo este chío, está mal redactado. Unha maldade non tapa a outra. A intención era denunciar o xenocidio palestino, non xustificar o dos xudeus europeos evidentemente. Calquera que siga as miñas contas sábeo".
Dúas días despois, ademais, procedeu a borrar o chío inicial e sinalou noutro post que "para denunciar masacre en Palestina, tirei de ironía con pouca fortuna...". Engadía: "todo o que está a ocorrer era o esperable. Retratanme a min interesadamente, tamén se retrata cada quen. Molesta a denuncia do xenocidio palestino. E, de paso, molesto eu tamén".
Nas últimas horas, dende que Suso de Toro fixo pública a súa situación, o escritor comezou a recibir o apoio de numerosas persoas a través das redes sociais. Tamén se posicionou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que fixo público un comunicado no que amosa o seu "apoio e solidariedade" co autor "ante a persecución da que está a ser obxecto". A AELG considera que "non se poden tolerar tales ataques á liberdade de expresión" e esixe que "as institucións condenen e couten este tipo de propaganda que busca a autocensura das persoas sensibilizadas coa causa palestina".
A AELG sinala que estudará "as medidas legais de resposta fronte a estas agresións". “A liberdade de expresión e de creación dun escritor ou escritora é inalienábel e imprescindíbel nunha sociedade que goza dunha boa saúde democrática”, declara Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. “A defensa dos dereitos humanos é unha responsabilidade e unha obriga ética de todo escritor ou escritora”, engade.
Entre os apoios recibidos por Suso de Toro está o de Bruno Lopes Teixeiro, activista ferrolán que foi denunciado pola Garda Civil por unha serie de publicacións nas redes sociais que denuncian as políticas do Estado israelí e o xenocidio en Palestina. O proceso xudicial, durante o que recibiu unha vaga de solidariedade, rematou o pasado 3 de agosto co sobresemento da causa
A AELG "fai súas" as "declaracións publicadas por Suso de Toro" e maniféstase "contra as agresións do estado de Israel ao pobo palestino, co que está a cometer un xenocidio e polo que a propia Comisión Internacional Independente de Investigación da ONU ditaminou que está a cometer crimes de guerra e de lesa humanidade en Gaza".
Entre os apoios recibidos por Suso de Toro está o de Bruno Lopes Teixeiro, activista ferrolán que foi denunciado pola Garda Civil por unha serie de publicacións nas redes sociais que denuncian as políticas do Estado israelí e o xenocidio en Palestina. O proceso xudicial, durante o que recibiu unha vaga de solidariedade, rematou o pasado 3 de agosto co sobresemento da causa, unha decisión celebrada por Mar de Lumes, que destacou que os comentarios denunciados "están amparados polos dereitos fundamentais á liberdade de expresión e á liberdade ideolóxica".
En novembro do pasado ano, ademais, o Xulgado de Instrución número 4 de Vigo decretou o sobresemento provisional da causa que seguía contra un hosteleiro vigués por unha presunta "incitación á hostilidade e ao odio antisemita". O ditame concluíu que a "crítica lexítima contra Israel" non é antisemitismo.
O exterminio da poboación civil gazana hai tempo que foi aceptada a nivel político e xurídico como un acto de xenocidio, e así está a ser investigada polo Tribunal Penal Internacional, malia as críticas de Israel e os Estados Unidos. Segundo as cifras oficiais do Ministerio de Saúde de Gaza, os ataques israelís provocaron a morte de máis de 73.000 persoas na franxa.