O incendio de Quiroga xa é o segundo maior do ano en Galicia

Incendio en Quiroga, na parroqua de Pacios da Serra CC-BY-SA ATBrif

Logo dun verán tranquilo, no que a superficie queimada polos incendios forestais en Galicia roldou as 1.000 hectáreas, o fogo activo desde o pasado martes en Quiroga, na parroquia de Pacios da Serra, xa é o segundo maior dos comunicados pola Xunta no que vai de ano, con 420 hectáreas arrasadas segundo as estimacións provisionais que ofrece a Consellería de Medio Rural. 

Á tardiña deste pasado xoves quedou estabilizado un incendio que obrigou o mércores a desaloxar por precaución varios veciños dos lugares de Casal do Vello, As Barxas e Penarrubia, que volveron ás súas casas á noite. 

A situación mellora por un lume que se confía en que quede extinguido xa esta semana e que se iniciou nunha zona de monte pouco despois das tres da tarde do martes, estendéndose rapidamente por mor dos fortes refachos de vento e polo difícil acceso ao terreo escarpado onde se concentraron as lapas. 

O incendio quedou estabilizado o xoves tras queimar xa 420 hectáreas

Afeita Galicia aos enormes incendios dos últimos anos, con frontes quilométricas e milleiros de hectáreas arrasadas, o de Quiroga semella menos malia estar a piques de entrar na categoría de GIF (Grande Incendio Forestal), que inclúe aqueles que superan as 500 hectáreas. 

A situación provocada polas lapas obrigou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a mobilizar varios medios aéreos e traballar así "de forma coordinada" co dispositivo autonómico no que, de forma acumulada, despregáronse para as tarefas de extinción 14 técnicos, 65 axentes, 79 brigadas, 53 motobombas, 8 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 12 avións. 

O escaso número de fogos e de superficie afectada este ano polo lume sitúa o de Quiroga como o segundo maior incendio en Galicia, segundo datos de Medio Rural, só superado polo que calcinou 750 hectáreas en Ponteareas aló polo mes de abril. Outro en Padrón, en xuño, queimara algo máis de 370. 

Incendio en Quiroga, nun vídeo difundido por ATBrif o pasado 16 de setembro

A metade do ardido no verán

De feito, a superficie queimada no incendio de Quiroga, aínda activo, supón case a metade de toda a ardida no verán meteorolóxico (até o 31 de agosto) tendo en conta os datos que facilita a Xunta, cuxa política de comunicación co lume baséase en non informar, como norma xeral, daqueles fogos que non superen as 20 hectáreas ou atinxan a espazos habitados ou áreas naturais protexidas.

Ademais, a Consellería de Medio Rural informou na mañá deste venres dun incendio forestal activo na parroquia de Oleiros, en Silleda. O fogo comezou pouco antes das once da noite do xoves e xa afectou unhas 20 hectáreas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.