Rueda quere que Naturgy pague 1,6 millóns por un incendio, pero desde que en 2018 entrou en vigor a lei para repercutir o custo da extinción a propietarios que non xestionen a biomasa, a Xunta só pediu os cartos 15 veces malia que debe facelo de oficio
Despois de que en outubro de 2017 unha vaga de incendios queimase nuns poucos días unhas 50.000 hectáreas e falecesen catro persoas o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propuxo todo tipo de medidas, desde que os incendiarios fosen xulgados por terrorismo na Audiencia Nacional ata que os propietarios de terreos sen limpar que contribuísen á expansión dos lumes pagasen polos gastos de extinción. Esa última medida si estaba na súa man e tras incluíla na lei de acompañamento dos orzamentos do ano seguinte entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2018.
Agora o actual presidente, Alfonso Rueda, vén de anunciar que quere reclamar a Naturgy 1,6 millóns por un incendio orixinado en Padrón en xuño que atribúe á falta de limpeza por parte da empresa das faixas de seguridade dunha das súas liñas eléctricas. Porén, fronte a esa cifra tan elevada publicitada agora, nos oito anos que leva en vigor a modificación legal impulsada por Feijóo a Xunta recuperou a través desa vía só 64.580,65 euros. Para iso tramitou apenas 15 expedientes de repercusión de gastos de extinción malia que a lei estableceu que debía iniciar os procedementos de oficio. O recuperado é unha parte mínima dos 1.100 millóns de euros que a Xunta destinou durante estes oito anos ao programa orzamentario de prevención e loita contra o lume.
A reforma legal introducida por Feijóo en 2018 estableceu que, á marxe doutras responsabilidades, a Xunta "repercutirá os gastos de extinción" cun procedemento que se iniciará "de oficio" en tres supostos: ás persoas "que incumprisen as obrigas de xestión da biomasa vexetal ou retirada de especies arbóreas" que impón a lei, ás "que incumprisen as distancias mínimas establecidas" e "ás persoas titulares do aproveitamento de predios concentrados ou reestruturados que estean en estado de abandono".
Esa repercusión do gasto, di a lei, iniciarase de oficio "sempre que da investigación se desprenda que os devanditos incumprimentos das persoas responsables ou o estado de abandono dos predios concentrados ou reestruturados influíron na produción, propagación ou na agravación da intensidade e nos danos provocados polo incendio forestal".
Na súa resposta oficial a Xunta evidencia que carece de detalle dos cartos que recuperou por anos ou supostos
Tras oito anos de vixencia desa norma Praza.gal formulou unha petición de transparencia para coñecer, "co grao de detalle de que dispoña" a Consellería do Medio Rural, "o número de expedientes iniciados cada ano de oficio". Tamén "o importe finalmente ingresado por ano pola Xunta" correspondente aos tres supostos.
A resposta facilitada polo Goberno galego con datos ata o pasado mes de febreiro -isto é, dos oito primeiros anos completos- revela que a Xunta carece de detalle por anos ou supostos e limítase a trasladar que "o número de expedientes tramitados na comunidade autónoma por incumprimento das obrigas de xestión de biomasa en casos de afección por incendio forestal é de 15, cun importe total repercutido de gastos de extinción de 64.580,65€".
Para contextualizar a resposta hai que ter en conta o que vén gastando a Xunta no lume nos mesmos oito anos que a medida leva en vigor. O programa orzamentario específico, o 551B de prevención e loita contra o lume, suma 1.130 millóns de euros entre 2018 e 2025. E para este 2026 esas partidas ascenden a 213 millóns de euros.
Fronte aos 64.580 euros recuperados en oito anos, na vaga de incendios que motivou a medida a Xunta gastou 77.000 euros en publicitar en xornais unha declaración de Feijóo culpando o "terrorismo incendiario" do que nunca houbo probas
Outra comparación do que supoñen os 64.580 euros recuperados coa medida pode realizarse con outra das iniciativas tomadas por Feijóo tamén a raíz daquela vaga de incendios do outono de 2017. O 17 de outubro o Goberno galego publicou nunha ducia de xornais impresos, a páxina completa e cor, unha declaración do propio Feijóo culpando dos incendios a un suposto "terrorismo incendiario" do que nunca houbo probas. A Xunta gastou nesa ducia de publicidades un total de 77.000 euros, 13.000 euros máis que o que despois leva recuperado coa medida de repercutir os gastos aos propietarios incumpridores.