O presidente da Xunta rubrica a 'Declaración de la Región de Murcia' coa promesa de "elaborar e implantar un plan integral para o sector forestal" canda o resto de autonomías con gobernos do PP
En Galicia está actualmente en vigor o Plan Forestal 2021-2040. O documento elaborado polo Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo, co actual presidente Rueda como vicepresidente, substituíu o anterior plan de 1989. Un dos primeiros fitos deste plan está a piques de chegar: a decisión de se, no remate deste 2025, a moratoria das novas plantacións de eucaliptos é ampliada -como reclaman múltiplas voces do sector- ou caduca.
A posta en marcha do novo plan forestal viñera acompañada por parte do gabinete de Feijóo da promesa dunha nova lei contra os incendios forestais que polo momento, cando pasaron cinco anos dende a primeira promesa, segue aparcada. Agora, apenas vinte días despois de anunciar diversas medidas tras a vaga de incendios de agosto -entre elas, regresar ao modelo de limpeza de parcelas nos pequenos concellos que aprobaran PSdeG e BNG en 2007 e que Feijóo suprimiu- o presidente da Xunta vén de asinar co seu predecesor e actual líder estatal do PP a promesa de elaborar un novo plan forestal.
Malia quedar quince anos de vixencia para o plan forestal aprobado por ambos e malia a ausencia de anuncio ningún ao respecto por parte do Goberno galego nas últimas semanas, Rueda rubricou con Feijóo ese compromiso este 28 de setembro na denominada Declaración de la Región de Murcia canda o resto de líderes territoriais do seu partido.
O documento, que en materia migratoria concreta o xiro do partido cara a posición ata agora explicitadas por Vox, sinala a caza entre as actividades no monte "aliadas para combater o cambio climático e a prevención de incendios"
O documento -que en materias como a migratoria concreta o xiro do PP cara a posicións ata agora explicitadas por Vox e mesmo flirtea con teses como a do gran reemprazo- asegura que "as comunidades gobernadas polo PP participarán da elaboración e implantación dun plan integral para o sector forestal". Ese plan, abonda, incluirá unha "ampla batería de reformas da lexislación actual".
O mesmo punto da declaración tamén promete "apostar polo desenvolvemento de políticas que favorecen as actividades tradicionais da silvicultura, pastoreo conducido" ou "gandaría extensiva", cuxa diminución vén constatando a propia Xunta nos seus sucesivos plans anuais contra incendios. Ao mesmo nivel que estas actividades sitúa o PP a caza, reflectida no documento como "actividade cinexética sostible", e a todas elas sitúana os de Feijóo como "aliados para combater o cambio climático e a prevención de incendios forestais". [O primeiro acto da conselleira de Medio Ambiente polos incendios é para prometer axudas aos cazadores]