Segue a arder en setembro: vinte incendios, cinco feridos e máis casas en perigo

Incendio rexistrado na parroquia de Pombeiro, en Pantón, neste mes de setembro CC-BY-SA BRIF Tabuyo

O incendio declarado na tarde do pasado xoves en Pantón continua activo e avanzando tras queimar arredor de 2.000 hectáreas, parte delas no concello de Sober, segundo informa a Consellería do Medio Rural. Aínda que desde o Concello se aseguraba na tarde deste venres que ningunha vivenda corría perigo, o nivel 2 de emerxencia segue decretado pola proximidade do lume a núcleos de poboación nas parroquias de Frontón e Pombeiro

O incendio declarado en Pantón arrasa 1.400 hectáreas, parte delas en Sober. O nivel 2 de emerxencia segue activo pola proximidade do lume ás casas de Frontón e Pombeiro

Segundo informan brigadistas que traballan nos labores de extinción, na mañá deste venres a inversión térmica e a nula visibilidade provocada polo fume obrigou a enviar de volta á base da Merca a varios dos bombeiros. Ademais, o fume, o cheiro a queimado e un ceo gris volveron cubrir a cidade de Ourense, como ocorreu en agosto en varias ocasións polos diferentes fogos que afectaron a provincia. 

O incendio declarado no municipio ourensán do Bolo deuse no mediodía deste sábado por estabilizado. Comezara o xoves poucas horas despois do de Pantón e obrigou tamén a declarar o nivel 2 de alerta polo achegamento das lapas á aldea de Santa Cruz. Estímase que arderon arredor de 250 hectáreas segundo Medio Rural. Por outra banda, a Consellería informa dun novo lume que permanece activo dende a madrugada deste sábado no concello da Fonsagrada, na parroquia do Trobo, que afecta unha superficie de arredor das 20 hectáreas

Incendio en Pantón, neste mes de setembro CC-BY-SA AT BRIF

Estes son os últimos incendios dos que informou a Xunta en setembro. Ata este venres, a Consellería do Medio Rural deu conta dun total de cinco que queimaron arredor de 1.300 hectáreas desde que o pasado 31 de agosto a extinción dos principais fogos na provincia de Ourense puxeran punto e final á tráxica vaga de lume do verán. 

Tras a fin da vaga de agosto, un incendio en Carballeda queimou máis de 1.000 hectáreas, o de Barreiros provocou feridas graves en cinco brigadistas e outros dous achegaron as lapas ás casas

Pero o risco continúa. Un dos peores incendios desde que rematase a vaga rexistrouse a principios de mes na parroquia de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, cando as lapas queimaron durante tres días máis dun milleiro de hectáreas. Outro en Barreiros, na Mariña lucense, iniciado o pasado domingo, permanece controlado pero aínda sen extinguir. Calcinou 140 hectáreas e nos traballos para a súa extinción resultaron feridos de gravidade cinco brigadistas que continúan ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). 

Aos cinco incendios dos que informou Medio Rural en setembro hai que engadir, como mínimo, arredor dunha quincena máis dos que deron conta diversas brigadas forestais ou a ATBrif (Asociación de Traballadores das Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais).

Segundo diferentes achegas, no que vai do mes de setembro estas unidades helitransportadas antiincendios actuaron, xunto con medios da propia Xunta, en diferentes focos en Guitiriz, Os Peares, Manzaneda, Camariñas, Ribeira, Chandrexa de Queixa, Viana do Bolo, San Cristovo de Cea, Coles, Ribeira, A Mezquita, Avión, Amoeiro ou Becerreá. En moitos casos, imaxes das actuacións son difundidas polos propios bombeiros malia que a información sobre eses fogos non é difundida pola Consellería do Medio Rural. 

Suponse que ningún destes incendios superou as 20 hectáreas de afectación nin atinxiu a espazos habitados ou áreas naturais protexidas. Porque desde que en 2009 o PP regresou á Xunta tras o executivo de coalición de PSdeG e BNG, o goberno galego opta por unha política de comunicación baseada en non comunicar, como norma xeral, os fogos que non cumpran con estas condicións. 

En todo este tempo, as xustificacións para manter esta ocultación foron diversas. Entre outras, que con ela tentan evitar un "efecto chamada" para potenciais incendiarios ou que procuran non xeral "alarma social". A súa aplicación levou a non informar duns 620 fogos durante o pasado mes de agosto, no que o país viviu os meirandes incendios documentados da súa historia e a peor vaga en hectáreas queimadas dende 1989 —unhas 120.000 hectáreas segundo as estimacións provisionais da Xunta para unhas 145.000 no que vai de ano, segundo as medicións dos satélites do programa europeo Copernicus.

20 incendios, 5 con información da Xunta

O pasado 15 de setembro, nunha entrevista concedida ao xornal ABC, a conselleira do Medio Rural, sinala que durante o mes de agosto os medios de extinción tiveron que intervir en "673 incendios, unha media de 35 incendios por día". Asegura María José Gómez na mesma entrevista que lle "doe" que "se poña o fogo en dez grandes incendios que sucederon na provincia de Ourense,  que se iniciaron e despois foron avanzando (...) pero non se poña nesoutros 660 incendios que si se apagaron e que non desembocaron nun gran incendio forestal", resalta para defender que "por suposto" que o "dispositivo" de extinción "funciona".

Imaxes do incendio en Pantón gravadas por brigadistas desde o helicóptero na súa retirada pola nula visibilidade

A práctica totalidade deses incendios non foron divulgados pola Xunta aos medios de comunicación nin a través das súas canles oficiais en aplicación da política informativa que desenvolve a propia Consellería. Atendendo aos comunicados difundidos polo departamento que dirixe María José Gómez, os incendios dos que si informou a Xunta durante o mes de agosto de 2025 foron un total de 48. É dicir, non deu conta pública de 625.

No que vai de setembro, segundo os datos da Xunta máis os que achegan os brigadistas que traballan na extinción do lume forestal en Galicia, foron polo menos 20 os incendios rexistrados. A Consellería do Medio Rural tan só informou de cinco, polo que non achegou datos doutros 15. 

Efectivos da UME este sábado no incendio forestal de Pantón, na Ribeira Sacra © UME

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.