Santiago acolleu este domingo unha manifestación reclamando novas políticas forestais, agrarias e ambientais que eviten unha nova crise como a vivida en agosto fundamentalmente na provincia de Ourense
A vaga de incendios deste mes de agosto queimou máis de cen mil hectáreas fundamentalmente na provincia de Ourense, seguida da de Lugo. Unha crise ambiental que este xoves levou o colectivo veciñal Terra en Pé a convocar unha manifestación en Valdeorras, unha das zonas máis afectadas polo lume, e que este domingo fixo que Santiago acollese outra mobilización convocada pola plataforma Por un monte galego con futuro, conformada por medio cento de asociacións ou colectivos como Adega, Amigos da Terra, CIG, Sindicato Labrego Galego ou comunidades de montes.
A marcha de Santiago desenvolveuse baixo a poalla, unha chuvia máis fina que a que acabou cunha vaga de incendios que se estendeu durante máis de tres semanas. Chuvisca que este domingo só demorou algo o inicio da protesta pero non impediu que varios milleiros de persoas recorresen as rúas de Compostela entre a Alameda e a praza da Quintana.
Manifestación contra os incendios forestais
- 
                  Bombeiros forestais na manifestación contra o lume o domingo 14 de setembro de 2025 
- 
                  Ana Pontón e representantes do BNG na manifestación contra o lume o domingo 14 de setembro de 2025 
- 
                  Diversos colectivos na manifestación contra o lume o domingo 14 de setembro de 2025 
- 
                  Diversos colectivos na manifestación contra o lume o domingo 14 de setembro de 2025 
- 
                  Diversos colectivos na manifestación contra o lume o domingo 14 de setembro de 2025 
- 
                  Diversos colectivos na manifestación contra o lume o domingo 14 de setembro de 2025 
- 
                  Diversos colectivos na manifestación contra o lume o domingo 14 de setembro de 2025 
- 
                  Diversos colectivos na manifestación contra o lume o domingo 14 de setembro de 2025 
- 
                  Manifestación contra o lume o domingo 14 de setembro de 2025 
- 
                  Cartel co lema "Galiza non é un refuxio climático" na manifestación contra os incendios do 14 de setembro de 2025 
A plataforma convocante reclamou "un plan de choque" para as zonas afectadas polos incendios e actuacións das administracións públicas para que non volva rexistrarse unha crise como a deste ano. Entre outras cuestións a manifestación pediu "un cambio radical nas políticas forestais, agrarias e ambientais" da Xunta.
Segundo Belén Rodríguez, voceira da plataforma convocante, a protesta quixo amosar a "solidariedade con todas as zonas que foron queimadas" e reclamar "un monte galego vivo e con futuro, no que se fixe a poboación no rural, un lugar onde poidamos desenvolver a nosa vida con calidade". Para iso, reclaman "medidas que nos protexan fronte a mudanza climática".
"Eucalipto plantado, país devastado", "Partido Popular, inimigo do rural" ou "Galiza arde, Rueda responsábel" foron algúns dos lemas que se escoitaron na marcha
Foi unha marcha que contou co apoio do BNG e a participación da súa portavoz nacional, Ana Pontón, mentres que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este domingo unha axenda tamén ligada cos incendios, cunha reunión en Vilamartín de Valdeorras con veciñanza afectada polo lume.
Antes de comezar a marcha Pontón asegurou que a vaga de lumes "ten responsables políticos, as políticas do Goberno galego do PP". A líder nacionalista lembrou que "as persoas expertas levaban anos dicíndonos que unha cousa así ía pasar", polo que pediu a "dimisión do máximo responsable desta crise incendiaria, o señor Rueda". "Que estes incendios sexan un punto de inflexión para que nunca máis volva pasar unha situación tan catastrófica", concluíu Pontón.
 
        
            Na manifestación puidéronse ler e escoitar lemas como "eucalipto plantado, país devastado", "Partido Popular, inimigo do rural" ou "Galiza arde, Rueda responsábel".
A manifestación deste domingo produciuse logo de que o martes o Parlamento de Galicia acollese un debate sobre a crise de incendios e a Xunta propuxese novas medidas para combatelos. Nese debate a esixencia de responsabilidades de BNG e PSdeG ao Goberno galego provocou que o PPdeG chamase "femia alfa do clan de hienas" e "cabecilla dun comité de voitres" a Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro.
 
                                 
        