Nacionalistas e socialistas pediron á Xunta que mude as políticas forestais mentres que os populares gaban o liderado de Rueda
"Femia alfa do clan de hienas" e "cabecilla dun comité de voitres". Así cualificou este martes o portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago, aos líderes de BNG e PSdeG, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, logo de que estes reclamasen a dimisión de Alfonso Rueda pola súa xestión da crise de incendios deste verán.
Tras a intervención inicial deste martes do presidente [Rueda rescata a proposta dunha base da UME en Galicia e propón máis queimas preventivas], o debate cos grupos parlamentarios comezou cun recoñecemento xeral de todos os oradores do traballo dos equipos de loita contra os incendios e da cidadanía directamente afectada, cunha especial referencia aos catro traballadores feridos polo lume. Pero máis alá desas apelacións iniciais, o debate foise quentando.
Fronte a esa cidadanía mobilizada, para Pontón o presidente Rueda chegou "tarde" á vaga de incendios e fíxoo coa "propaganda" e "manipulación" como principais actuacións. A nacionalista chegou a esgrimir un chaleco amarelo como os que o presidente vestiu en todas as súas aparicións públicas durante a crise e lamentou que esta fose ocultada pola TVG "convertida en TelePP".
Pontón criticou que os executivos do PP revogaron políticas forestais impulsadas polo BNG no goberno de coalición de 2005-2009. E como xa avanzara hai uns días, ao tempo que tamén formulou propostas de mellora contra o lume, Pontón rematou a súa intervención reiterando este martes a súa petición de responsabilidades a Rueda. "Cando pensa dimitir?", díxolle.
Desde o PSdeG a estratexia oratoria de José Ramón Gómez Besteiro foi xusto á inversa. No seu caso, el comezou a súa intervención dicíndolle a Rueda que "só hai un camiño posible, a súa dimisión" por ser "un perfecto incompetente".

Besteiro acusou a Rueda de tentar "desviar cara ao Goberno do Estado a súa responsabilidade" cando a Unidade Militar de Emerxencias estaba sobre o terreo desde o 30 de xullo". O socialista tamén criticou a "propaganda" da Xunta nos medios públicos galegos e puxo o foco en que o problema do lume ven derivado do problema estrutural do despoboamento de amplas zonas de Galicia, contra o que o seu partido di estar a mobilizarse a nivel local.
Pazos Couñago tamén chamou a Pontón "frívola" e "raíña do postureo" e "Festeiro" a Besteiro
E tras esas intervencións de Pontón de Besteiro tocou a quenda ao portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago, que ademais de eloxiar o liderado de Rueda cargou duramente contra a oposición. O popular dixo non admitir "que me chame carroñeiro nin a femia alfa do clan de hienas nin o cabecilla dun comité de voitres". Non foi a única ocorrencia dialéctica de Pazos Couñago, que tamén chamou a Pontón "frívola" e "raíña do postureo", e "Festeiro" ao portavoz socialista Besteiro.