A líder do BNG critica que a Xunta non atendeu as recomendacións de hai anos dos expertos e di que "fomenta o abandono no noso medio rural para favorecer proxectos extractivistas"
"Dimisión do presidente da Xunta, que fixo a peor xestión da nosa historia nunha vaga de lumes". Esa foi a esixencia que lanzou na mañá deste xoves a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tras a reunión da Executiva Nacional da súa formación. "O primeiro son as persoas", dixo Pontón, que considera que agora, cos lumes finalmente estabilizados ou controlados, "é o momento de esixir as responsabilidades, porque as hai". E segundo ela e o BNG, é Rueda o "máximo responsable da incompetencia" da Xunta na vaga de incendios.
"Os nosos montes e as nosas casas non arden só porque haxa quen prende lume", dixo Pontón, que puxo o foco en que a Xunta "non foi capaz de anticiparse e atender ás recomendacións das persoas expertas na loita contra os lumes" e, ao contrario, "fomenta o abandono do noso medio rural para favorecer proxectos extractivistas".
A líder nacionalista sinalou, entre outras eivas que atribúe á Xunta na vaga de incendios, que deixou sen executar medidas de prevención orzamentadas, non activou un dispositivo de loita suficiente nos primeiros momentos da crise e "tamén fallou na transparencia". Nese eido lembrou que a Xunta "ocultou durante días o incendio que afecta a Pena Trevinca, onde os medios chegaron tarde porque se negaba que ese incendio existía". Tamén apuntou Pontón ás "diferenzas entre o satélite Copernicus e os datos da Xunta, cun desfase de case un 50%", con "máis de 162.000 hectáreas calcinadas segundo o satélite" fronte as menos de 100.000 ofrecidas polo Goberno galego.
Pontón apunta a unha mesma estratexia da "mentira" na xestión do PP: "sucedeu co Prestige, con Angrois e agora cos lumes"
Pontón tamén criticou que "mentres a Xunta tiña medios paralizados, reclamaba máis medios ao Estado". Un conxunto de actuacións do Goberno galego que a levaron a considerar a actuación do PP nesta crise como unha repetición de anteriores crises, coa "mentira" como principal estratexia: "sucedeu co Prestige, con Angrois e agora cos lumes", sentenciou Pontón.
A esixencia de dimisión de Rueda por parte de Pontón prodúcese despois de que o BNG xa avanzase a súa intención de pedir unha comisión de investigación sobre os incendios no Parlamento de Galicia. Porén, o grupo nacionalista xa gastou a única posibilidade que tiña nesta lexislatura de forzar en solitario unha investigación parlamentaria, coa que se desenvolveu sobre as contratacións de emerxencia do Sergas e o sobrecusto do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo na que a maioría absoluta do PP acabou impoñendo as súas conclusións.