O BNG, que xa gastou a única posibilidade da lexislatura de forzar en solitario unha investigación parlamentaria, insiste na necesidade dunha análise política do ocorrido, e o PSdeG impulsará un foro para propoñer "políticas reais de prevención e investimento no rural"
A portavoz nacional do BNG, Ana Ponón, pediu este luns que o Parlamento de Galicia acolla unha comisión de investigación sobre a actual vaga de incendios, unha análise política que xa se fixo cos incendios de 2006 e 2017. Porén, os nacionalistas xa gastaron a única posibilidade que tiñan na actual lexislatura de forzar en solitario e co PP en contra unha comisión de investigación, a realizada sobre os contratos de emerxencia da Xunta durante a pandemia da COVID-19 e o sobrecusto do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
O Regulamento do Parlamento contempla que BNG ou PSdeG poidan pedir comisións de investigación, pero deixa a súa aprobación en mans da maioría absoluta do PP, contemplando unha única excepción: "Poderase crear de xeito automático unha única comisión de investigación por lexislatura de o solicitaren un terzo dos deputados e das deputadas da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou as dúas quintas partes dos deputados e das deputadas da Cámara". Isto é, o BNG -pero non o PSdeG en solitario- contaba nesta lexislatura coa posibilidade de forzar unha única comisión de investigación mesmo co PP en contra, e esa posibilidade foi empregada para investigar as contratacións do Sergas. Unha comisión que rematou coa maioría absoluta do PP impoñendo as súas conclusións, que gabaron a actuación da Xunta.
Malia este obstáculo, Pontón considera necesario investigar "a peor xestión dos incendios da nosa historia" e espera "que o PP non use o seu rodillo absolutista para impedir" a comparecencia do presidente Rueda no Parlamento e a comisión política. Un foro de análise que segundo a nacionalista ten que estudar por que "a Xunta deixou sen executar axudas e medidas preventivas, non mobilizou todos os medios dispoñibles, desactivou bombeiros en plena emerxencia e mantivo brigadas incompletas". Pontón tamén criticou a falta de transparencia do Goberno galego. "Cando un goberno falla con esta gravidade, ten que asumir responsabilidades", insistiu Pontón.
Foro de alcaldes e alcaldesas do PSdeG
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este luns a San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, aldea arrasada polo lume, onde anunciou unha reunión en Ourense de alcaldes e alcaldesas do seu partido "para poñer en común propostas, experiencias e formar un plan que evite que unha catástrofe como esta se repita". "Non imos conformarnos con palabras baleiras", di Besteiro, que quere que do foro saian "políticas reais de prevención e investimento no rural".

Segundo o líder socialista, o ocorrido nas últimas semanas "evidencia o abandono do rural tras 17 anos de goberno do PP". Besteiro insistiu en mudar o paradigma: “Non vale con mandar medios en agosto. O rural precisa vida constante. Precisa escolas, atención médica, oportunidades para a xente nova, actividade económica… e, sobre todo, prevención real, non meras cifras en papel. Atacamos o problema cando xa é tarde".
Nesa liña pronunciouse tamén o alcalde de Vilamartín, o tamén socialista Enrique Álvarez, quen avisa de que "pobos enteiros poden desaparecer se as administracións seguen sen escoitar á xente que vive aquí cada día".